O 10 de Marzo de 2022 -Día da Clase Obreira Galega- conmemoraremos o 50 aniversario dos sucesos daquel 1972, que marcaron un fito na Memoria e na Historia da sociedade galega e española.
As entidades abaixo asinantes, en calidade de organizadoras, imos desenvolver ao longo do próximo ano unha serie de actividades que precisarán do respaldo e a colaboración domovemento asociativo, entidades e persoas que, a título individual, se queiran sumar.
Aqueles acontecementos, que tiveron a súa orixe na cidade natal do ditador e repercusión internacional, significaron un momento álxido, o máis importante na loita da clase obreira galega “organizada” contra a ditadura. Non foi só unha loita por un convenio colectivo, por unhas puntuais condicións salariais ou de traballo -que tamén- senón unha loita pola dignidade como cidadáns de plenos dereitos, pola liberdade, por un sistema democrático, contra a opresión dunha ditadura iniciada antes de que moitos dos protagonistas dese momento nacesen. Os enormes sacrificios dalgúns e o valioso apoio de moitos outros sectores da sociedade: estudantes, intelectuais, movementos de base, feminismo e mesmo, timidamente, un sector da dereita (empuxado polas forzas democráticas) que, ante o esgotamento da ditadura, optou por pactar unha saída democrática conservando importantes resortes de poder.
O 10 de Marzo en Ferrol, a brutal represión, o asasinato dos traballadores Amador Rei Rodríguez e Daniel Niebla García e o Xuízo dos 23. As mobilizacións das traballadoras e traballadores de Vigo en setembro. A detención da dirección estatal das CC.OO co conseguinte Proceso 1001, foron importantes elos desa cadea que constituíu a longa marcha polas liberdades fronte a quenes pretendían frear a historia.
Con esta conmemoración, e tendo como punto de partida a Memoria Histórica, pretendemos ir máis aló do mero exercicio de nostalxia. Como afirmou con acerto o filósofo Benedetto Croce “Toda a Historia é contemporánea. Ocupámonos do pasado porque ten que ver co que ocorre hoxe”: En momentos de fraxilidade dos dereitos máis básicos, de grandes desigualdades sociais, de desinformación, de moi graves complicidades coa corrupción, non está de máis o debate, a confrontación de ideas, o lembrar á sociedade o que é a “conciencia de clase” - especialmente á mocidade, semente de futuro - as virtudes sociais e os valores que inspiraron os sucesos que agora rememoramos pero, iso si, sen paternalismos, sen perder de vista o feito de que unha xeración non ensina a outra: ambas aprenden xuntas porque os nosos destinos están uns en mans doutros e unidos derrotaremos o intento de arrebatarnos as conquistas sociais. Partidos de esquerda, sindicatos e asociacións progresistas, o mundo da cultura, as clases traballadoras entendidas no sentido máis amplo teñen que traballar por consolidar o estado de benestar e humanizar o progreso. Teñen que traballar por recuperar a esperanza compartida.
Estas son -en síntese- as motivacións que nos levan á conmemoración daqueles acontecementos mediante unhas actividades que se prolongarán ao longo do ano e nas que todos e todas teremos protagonismo. Un protagonismo que será especial no caso de quenes o tiveron entón, a memoria dos que fisicamente non nos poden acompañar e -desde logo- a colaboración dos que seguen na “brecha”, día a día, mantendo e defendendo aqueles valores que son os de sempre.
Ferrol, 15.09.2021
Asociación Cultural Fuco Buxán
Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática