Saltar ao contido principal

'Libertarias galegas' por Lola Ferreiro Díaz

Borráronas da historia e non obstante 
setenta anos despois hai quen as ama.
Sardiñas para elas e unha libra de cereixas
vermellas como a súa primavera libertaria
e para sempre ámote anarquista ou nada.     
Claudio Rodríguez Fer
O 20 de novembro pasado, avisada por unha amiga, tiven a oportunidade de ver en “La Sexta columna” un programa documental sobre os atentados contra Franco ao longo da ditadura. Baixo o título “Matar a Franco: El hombre que lo intentó tres veces” (aínda dispoñíbel na web), Octavio Alberola, o militante libertario que o tentou tres veces, describía polo miúdo cada un dos intentos e analizaba o contexto político e social daqueles 40 anos.

Pareceume unha achega moi interesante ao tema (do que se fala máis ben pouco) e destaco un dos (moitos) datos que se transmitían en relación cos ditos atentados e no que concordaban as persoas convidadas: todos os intentos foron deseñados e preparados por militantes anarquistas. Ao fío deste dato sinalábase que, en realidade, na resistencia contra a ditadura, que se lle adoita de atribuír ao Partido Comunista case exclusivamente, participou dun xeito moi activo e relevante o movemento libertario. Sen entrar na análise (que a ten) dos motivos desta invisibilización, fixen unha reflexión inmediata: se os anarquistas foron ninguneados pola historia oficial (da esquerda), imaxina as anarquistas!... e como é de xustiza democrática identificar e reparar a antedita invisibilización dentro do proceso de recuperación da memoria histórica, decidín dedicarlles (a elas) o calendario deste ano.

Ao longo da pescuda que fixen na procura de nomes e datos confirmei o que xa supoñía: moi pouco material e, en ocasións, nin sequera unha foto que nos permitira verlle a cara a algunhas delas. Tal é o caso (entre as que aparecen no calendario) de María Bello Paz, María Otero González e Alicia Dorado Viso. Tamén o doutras moitas, que serán citadas máis adiante.

Entre as (escasas) fontes das que puiden tirar datos sobre elas quero destacar a obra de Carmen Blanco García, Casas anarquistas de mulleres libertarias (A resistencia anarquista das mulleres despois do levantamento fascista de 1936), publicado pola CNT en 2007. Ela foi pioneira na investigación sobre as libertarias galegas resistentes fronte ao fascismo e logrou identificar e obter algúns datos sobre 22 mulleres afiliadas á CNT, FAI e/ou Xuventudes Libertarias (en diante JJ.LL.) que xogaron un papel fundamental na resistencia habilitando casas-refuxio para acoller persoas perseguidas, as máis das veces nas súas propias vivendas, e algunhas veces con militancia non libertaria. Isto último debe ser destacado como trazo da súa xenerosidade e ausencia de sectarismo, tendo en conta que puxeron en risco a súa liberdade e mesmo a súa propia vida, perdendo ambas as dúas en moitas ocasións.

Outros dous historiadores que investigaron o eido libertario en xeral e o papel das mulleres dentro del en particular, son o Dionisio Pereira González e o Eliseo Fernández Fernández, que contribuíron (e seguen a contribuír) dun xeito importantísimo ao proceso de visibilización pendente.

É importante indicar que as obreiras da Galiza teñen unha certa tradición reivindicativa que mesmo data de antes da fundación dos sindicatos de clase (UGT e CNT). Así na fábrica de tabacos da Coruña produciuse unha protesta (máis motín que folga) en 1857. As cigarreiras (unhas 3.000 na altura), maioritariamente mulleres, opúñanse aos novos métodos da empresa para picar o tabaco e elaborar os cigarros (mecanización da produción), que poñían en perigo o seu (xa escaso) xornal. O gobernador civil mandou intervir o exercito, que dispersou as traballadoras e levou detidas unhas trinta. Cando estas estaban sendo conducidas ao cárcere do Parrote, grupos de traballadoras apedraron os carabineiros que as conducían. 

Imagen de OpenClipart-Vectors en Pixabay

Xa desde o comezo do sindicalismo de clase, hai unha serie de (tímidas) achegas ao que na altura se consideraba a problemática específica das mulleres, das que destacamos a configuración (en Ferrol) do grupo anarquista feminino “La Antorcha”. Destacan no dito colectivo Emilia Cora e Amalia Fraguela, que publican en 1912 un manifesto titulado “A las mujeres”, falando do traballo pendente de facer a prol da causa das mulleres.

A partir de 1914, coincidindo coa gran guerra, as mulleres protagonizan unha serie de mobilizacións contra a carestía da vida, en torno á cal se aglutinan obreiras e mulleres sen traballo asalariado. Así, rexístranse dúas folgas xerais (decembro de 1916 e agosto de 1917) asemade de innumerábeis accións como folgas locais, disturbios nos mercados, asaltos a tendas e, dada a represión que se desencadeou, moitos enfrontamentos cos corpos represivos. A participación das mulleres en todo este movemento colócaas mesmo diante dos homes. Todo isto supuxo o arranque do aumento da participación feminina nas organizacións obreiras.

Cómpre destacar tamén o papel das mulleres nas mobilizacións contra a guerra de Marrocos e, maiormente, contra á pena de morte ditada contra o cabo Sánchez Barroso. Neste caso destacamos a participación de Avelina Fernández Rey, militante libertaria que falou ante multitude de persoas, no mitin da Praza de Touros da Coruña en agosto de 1923. O dito militar foi indultado dada a forte presión popular que se produciu en todo o estado.

En canto á militancia anarquista, maiormente sindical (CNT) pero tamén política (FAI, JJ.LL.) anterior á proclamación da IIa República, houbo afiliación feminina, pouca, pero hóuboa. No que se refire a Galiza, Dionisio Pereira e Eliseo Fernández identifican con nomes e apelidos 220 mulleres pertencentes a distintas agrupacións locais de diferentes sindicatos confederados na CNT, as máis delas con responsabilidades sindicais e outras cun alto nivel de militancia, que participaron en folgas e outras accións desenvolvidas por todo o país, nomeadamente entre os anos 1918 e 1923. Dentro dos sectores máis feminizados do proletariado industrial formáronse organizacións importantes de afiliación maioritariamente feminina e o lugar onde se rexistra máis actividade neste senso, é na Coruña. Nesta cidade contábase coas cigarreiras da fábrica de tabacos “Nueva Aurora”, o Sindicato de Empacadoras “La Razón”, o de Conserveiras e Salazoeiras “El Porvenir Femenino” o Sindicato del Arte Textil “La Primera Coruñesa”, a Sociedade de Mandadeiras “La Energía Social”, a Sociedade de Obreiras do Macelo “El Despertar Social”, e o Sindicato de Construtores Mecánicos do Calzado “La Igualdad”,entre outras. Todas elas participaron no congreso da CNT de 1919.

Tras a proclamación da IIa República vanse unindo ao movemento sindical outros colectivos de obreiras, como as chavoleiras do porto da Coruña, as xastras, as misteiras, operarias de litografía, asemade de se incorporaren colectivos doutras localidades, como as estibadoras de Vilagarcía de Arousa, as empacadoras de Vigo e de Marín.

Dionisio Pereira, Eliseo Fernández e Carmen Blanco rexistran no período republicano presenza de mulleres anarcosindicalistas na Coruña, Vigo, Cangas, Aldán, Marín, Lourizán, Carril, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Pobra do Caramiñal, O Grove, Ribeira, Escarabote, Boiro, Porto do Son, Camariñas, Sada, Ares, Xubia, Mugardos, Cariño, Cedeira, Celeiro, Viveiro, Lousame, O Freixo, Verín ou Negreira.

Debemos ter en conta tamén que, aínda que as máis das libertarias daquela altura eran obreiras, do sector da conserva, do téxtil e do calzado, do comercio e da industria do tabaco, mais tamén houbo profesoras, como Concepción Alfaya, Felicia Bértalo, Luisa Elizalde, Aurora Merlán, Marina Ochotorena (maiormente traballando nas Escolas Racionalistas); enfermeiras, como Esther Botana ou Carmen Gerpe; telefonistas, como Emilia Cagide Pérez, Teresa Keiler Patiño, e Isidora Mañas San Frutos, ou litógrafas, como Laura López.

Neses anos aumentou en xeral a participación das mulleres, tanto nas JJ.LL., como nos Ateneos Libertarios e nas anteriormente nomeadas Escolas Racionalistas. Maiormente eran mulleres novas, de hábitat urbano, que comezaban a se propoñer un tipo de vida e de relación co ámbito masculino radicalmente distinta á que se vivira ata o momento.

En calquera caso, cómpre sinalar que, tanto o combate polos dereitos estruturais, como as relacións entre mulleres e homes atoparon moita resistencia entre o sector masculino, tamén no eido libertario. Así, a polémica que suscitaba (mesmo no sindicato) o dereito das mulleres ao emprego, por exemplo, era argumentada de diferentes maneiras polos homes... que se á patronal lle saía máis a conta contratar mulleres porque os salarios destas eran inferiores e, xa que logo, “quitábanlles” a eles os postos nas empresas; que se había traballos que non podían nin debían desenvolver as mulleres polas súas características biolóxicas e/ou polo perigo que representaban, etc. Tanto Mary Nash como Marta Ackermann documentan polo miúdo estas cuestións nas súas obras (ambas as dúas do mesmo título) Mujeres Libres.

Como vemos, as mulleres libertarias tivéronse que enfrontar a multitude de obstáculos no camiño de conseguir que se recoñeceran os seus dereitos.

Non colle dúbida de que a creación da organización “Mujeres Libres” (en diante MM.LL.) polas militantes da FAI Amparo Poch i Gascó, Mercedes Comaposada Guillén e Lucía Sánchez Saornil supuxo un alicerce importantísimo, tanto para a vertebración ideolóxica do feminismo como para a introdución deste no anarquismo no estado. En Galiza, a organización chegou a ter presenza, creándose algunha agrupación local na Coruña, Ferrol e Vigo; a súa principal impulsora foi Sebastiana Vitales Gascón, pero tamén participaron activamente outras mulleres, como Basilisa Álvarez González. Se 
ben é certo que MM.LL., xunto con “Vanguardia Femenina”, desenvolveron unha importantísima actividade no escaso período que abrangueu desde a súa fundación (abril de 1936) ata que o terror fascista rematou con aquela esperanza revolucionaria (1939), tamén o é atopou moitos paus nas rodas desde as propias organizacións mixtas do anarquismo e do anarcosindicalismo. Proba disto é que, malia o empeño que puxeron, nunca lograron como organización ser parte do Movemento Libertario Ibérico, formado na altura pola CNT, a FAI e as JJ.LL.

En canto aos logros, que tamén os houbo, destacamos a folga xeral contra o seguro de maternidade, que en Galiza tivo unha especial repercusión en Vigo e na Coruña. As traballadoras opúñanse a que se lles descontase do escaso salario a cota do seguro. Máis aínda as traballadoras eventuais (conserva, salgadura...) ás que se lles descontaba a antedita cota dos salarios que cobraban cando traballaban. A CNT afiuzou desde o principio estas mobilizacións, que remataron coa modificación do decreto, sendo substituído o seguro de maternidade por outro semellante ao de enfermidade, no que non se descontaban cotas.

Houbo outras moitas mobilizacións, de carácter menos xeral pero moi importantes, como as folgas das traballadoras das fábricas de mistos, en 1931, na Coruña, por un salario digno, promovida polo Sindicato de Obreros y Obreras Cerilleras “Unión Cerillera”. Tamén as folgas das redeiras, das traballadoras da conserva e das chavoleiras, nomeadamente na Ría de Vigo.


Así, entre a conflitividade laboral, o activismo dos sindicatos de clase, a loita contra a represión (nomeadamente durante o Bienio Negro) e a organización das mulleres en torno ao incipiente feminismo, a participación foi en aumento. Dionisio Pereira e Eliseo Fernández documentan a afiliación sindical dunhas 6.000 mulleres no país, na primavera de 1936; destas, entre 2.000 e 2.500 na cidade da Coruña. Medrou tamén ao longo dos anos da IIa República a participación política, tanto na FAI como nas JJ.LL.

Neste período non podemos falar de afiliación exclusivamente feminina en ningún sindicato confederado na CNT (nin na UGT tampouco), aínda que si había algúns que contaban con maioría de mulleres, por estar feminizado o traballo no sector correspondente. Malia a isto e á súa capacidade para organizar as mobilizacións, non foi común que desenvolveran responsabilidades directivas “importantes”, quedando relegadas ás vogalías e tesourerías. Aínda así, moitas delas lograron ser moi coñecidas (e recoñecidas) no eido obreiro das cidades e vilas nas que traballaban. De novo Eliseo Fernández e Dionisio Pereira visibilizan a Ángela Collado, Sofía Pazos ou Rosario Vizoso (cigarreiras); a Basilisa Álvarez e Antonia Pardo (empacadoras); Laura López, (operaria litográfica); Amalia Pregonas (misteira); Carlota Sanjurjo e Blandina Otero (tecedeiras); todas elas obreiras da cidade da Coruña. Tamén a Sara Mandiá Sánchez (traballadora da conserva en Cariño); Manuela Blanco (fundadora do Sindicato de Oficios Varios, en Padrón), ou Lola Blanco Montes (atadora, que foi presidenta de “La Reivindicadora”, en Cangas do Morrazo).

O 18 de xullo de 1936 prodúcese o golpe de estado fascista, protagonizado polos militares e financiado polo empresariado e a banca que, en Galiza, rematou coa caída de vilas e cidades poucas semanas despois. A partires de aí, as organizacións políticas, sindicais e culturais son desmanteladas, a xente que participaba nelas asasinada ou encarcerada... e instálase o terror na poboación, cando comproba que non fai falta ter filiación política, sindical ou cultural coñecida para ser asasinada, torturada, pelada, encarcerada e vexada de mil maneiras. Ante isto, as libertarias volven dar exemplo de valentía, de solidariedade, de xenerosidade e de ausencia de sectarismo.

Algunhas delas, como María Bello Paz (1885-1936), morreu nos enfrontamentos armados que tiveron lugar desde o 18 de xullo para defender A Coruña. Con 51 anos, participou activamente neles e perdeu a vida o 22 de xullo. Era directiva de la Sección de Empacadoras del Sindicato de Industria Pesqueira de la CNT. No asento de defunción do rexistro civil figura como causa da morte “hemorraxia interna”. Está soterrada no cemiterio de San Amaro, na Coruña. Nin sequera hai fotos de María, pero dalgunha maneira hai que visibilizala.

Tras a caída de Galiza en mans do fascismo, as libertarias (entre outras moitas mulleres) entregáronse a mil tarefas; a reorganización da FAI, da CNT e das JJ.LL., actuando case sempre como enlaces entre a militancia, a recollida dos (poucos) cartos que podían, para axudar a xente presa ou agochada e, nomeadamente, acubillaban e coidaban de persoas perseguidas (ás veces de organizacións non libertarias), proporcionándolles teito, alimento, roupa, etc. Pola súa vez, estas casas servían tamén como espazos seguros para a celebración de reunións da esquerda (non só libertaria), que tiñan por obxecto a reorganización da mesma e o artellamento da resistencia antifascista.

As mulleres anarquistas xa tiñan experiencia neste labor, porque acubillar xente perseguida xa formaba parte da súa historia, especialmente antes da IIa República e durante o Bienio Negro, pero tamén pon de manifesto a tendencia misóxina da esquerda (neste caso do sector libertario) a adxudicarlle ás mulleres as tarefas de coidados e, en xeral, de traballo reprodutivo.

Carmen Blanco documenta a existencia das casas-refuxio organizadas por elas na Coruña, nas Xubias, en Carril e Vilagarcía de Arousa, en Vigo e en Lousame, todas elas a cargo de mulleres que, na inmensa maioría dos casos, foron detidas, torturadas e, en non poucos casos, asasinadas. Sen dúbida a experiencia máis complexa e máis importante foi a (escasamente) coñecida como “rede das Atochas”, no barrio de Monte Alto, na Coruña, onde as mulleres teceron a rede de apoio máis importante que coñecemos, daquela altura. Hai que sinalar que non todas as casas-refuxio caeron, polo que poden ter sido moitas máis, que descoñecemos “grazas” á invisibilización  histórica do movemento libertario en xeral e das mulleres en particular. En calquera caso, parece que en total deron acubillo a uns 2.000 perseguidos.

Os informes policiais daquela altura poñen de manifesto a existencia dun topo, que entrou en contacto co José Brandariz (militante da FLO-CNT), contándolle unha milonga sobre un desembarco de armas na Coruña, para facilitar unha insurreción armada. O Brandariz caeu na trampa e proporcionoulle moitísima información, asemade de poñelo en contacto con xente da rede. O 18 de xuño de 1937, o topo entrou en contacto con Jaime Baella, un dirixente da FLO-CNT, agochado desde o golpe (fixérase circular que morrera na defensa da Coruña) e este sospeitou del. Isto puxo fin á infiltración, pero xa era tarde de máis. Os corpos represivos, nomeadamente a temida Brigada de servizos especiais da Garda Civil (máis coñecida coma “A Brigadilla”), pasaron ao ataque, que comezou na madrugada do 10 de xullo de 1937 e se desenvolveu durante as semanas seguintes. Na cidade da Coruña foron asaltadas cinco casas-refuxio e asasinadas ou detidas (e torturadas e encarceradas) as persoas que se atopaban no seu interior.

A primeira das casas asaltadas, na madrugada do 10 de xullo, estaba situada na rúa na rúa Atocha Alta, no 55. Era o domicilio de María Otero González (1904-1937), viúva dun militante executado anteriormente e militante da FAI, que participaba nos labores de reorganización da antedita, actuando como enlace. Na súa casa acubillaba nese momento a varios compañeiros libertarios, todos eles noviños, de vinte e tantos anos. No asalto foron asasinadas catro persoas (entre elas a propia María) e feridas outras tres (dous deles nenos), asemade de dous detidos.

Na tarde do mesmo día 10 de xullo foi asaltada a segunda casa, na rúa do Carme, no 6 “Villa Rosalía”. Era o domicilio de Alicia Dorado Viso (?-1937), militante da FAI e extraballadora da fábrica de teas “La Primera Coruñesa” da que fora despedida cando se producira o golpe de estado polas súas actividades políticas e sindicais. O compañeiro de Alicia fora paseado nos primeiros días do terror. Naquela altura, ela traballada como panadeira e acollía na súa casa tres anarquistas, servindo de enlace entre estes e un dos detidos no asalto á casa de María Otero. Entre unha e os outros tentaban reorganizar a FAI na cidade da Coruña.

Nesta casa-refuxio tamén colaboraba Josefa Calvo Cortés (1890-?), tamén militante da FAI e enlace nas tarefas de reorganización. Josefa era peixeira e leváballes peixe e froita aos militantes agochados. De feito, o mesmo día da caída da casa de Alicia Dorado, leváralles alimentos. Matáranlle un fillo na defensa da Coruña e tiña outro condenado a cadea perpetua. Detida na caída do 10 de xullo de 1937, foi finalmente absolta en decembro dese mesmo ano.

No asalto foron asasinados, asemade da propia Alicia, dous dos tres anarquistas alí presentes. O terceiro logrou fuxir polos tellados das casas veciñas. Logrou chegar ata un piso situado preto de alí (en Vereda do Polvorín, no 1), pero foi asasinado por axentes apostados na azotea da casa de enfronte.

O 13 de xullo foi asaltada a casa de María Seijas Sánchez e Alejandro Basilio Palacios. Coñecéranse traballando ambas as dúas nunha panadaría, propiedade da familia Canalejo (familia de marcado carácter fascista, especialmente un dos fillos, Juan Cnalejo). Alí fixéronse parella. Alejandro era un dirixente da CNT, con varias reponsabilidades sucesivas no Sindicato de Panadeiros da Coruña e no Centro de Estudos Germinal. Despois de deixar o traballo na dita panadaría, María rexentaba unha fonda na súa casa, na rúa Santa Catalina, no 30, onde estiveran agochados varios militantes libertarios, entre eles o Fournarakis, inmediatamente antes do golpe de estado. Na altura estaba acubillado José Torres Regueiro, tamén dirixente da CNT e ex empregado de Telefónica. Ese día detiveron ao Palacios e ao Torres; pola noite, cando a María foi preguntar por el ao cuartel de Juan Flórez, detivérona tamén “para prestar declaración”. A familia Seijas chamou entón á porta da Pepita Canalejo, que logrou que puxeran en liberdade á María, pero non a Alejandro, que foi paseado camiño do cárcere, nas inmediacións do Matadoiro. A ela condenárona pouco despois, nun consello de guerra, e botou no cárcere ata xaneiro de 1938.

Poucos días despois, foi detida Consuelo Meitín Rodríguez (1900-1994), compañeira de vida de José Torres Regueiro (tamén paseado camiño do cárcere). Consuelo era libertaria e desenvolvía a súa actividade nas JJ.LL. e socia no Centro de Estudos Germinal. Unha semana despois da detención e asasinato do Torres, fórona buscar á súa casa, na Verea do Polvorín, no 5 e, malia que estaba embarazada e que tiña fillos e fillas pequenas que quedaban soas, levárona igualmente. Pero as Atochas eran, conforme se viu en moitos casos, un barrio profundamente solidario, un barrio solidario e xeneroso, e as veciñas fixéronse cargo de atender as crianzas. Consuelo botou 19 meses no cárcere da Coruña, ilegalmente, xa que non consta asento ningún sobre o seu ingreso na prisión; alí pariu ao seu fillo máis novo e alí soubo do pasamento dunha das súas fillas, afectada dunha encefalite, sen que lle permitiran despedirse dela nin acudir a soterrala.

Ao día seguinte da detención de Consuelo e parece que como consecuencia da denuncia dun veciño, que vira roupa de home colgada a secar, o 18 de xullo produciuse o asalto á terceira casa-refuxio do barrio das Atochas. Alí vivía Basilisa Álvarez González “La Corales (1896-?), no baixo da rúa Atocha Alta, no 2. O alcume da Corales debíase ao pulcra que era e ao limpísima que tiña sempre a casa (coma un coral).

Basilisa traballaba como empacadora na Coruña ata o golpe de estado e fora delegada da Sección de Empacadoras do Sindicato de Industria Pesqueira. Antes diso, de noviña, estivera prostituída e sufrira varias agresións machistas, así coma unha detención por “faltas á moral na vía pública”. Tamén pertenceu á sección coruñesa de “Mujeres Libres”. Era moi prezada en todo o barrio de Monte Alto pola súa xenerosidade e solidariedade.

A partires do 18 de xullo de 1936, Basilisa converteu a súa vivenda nunha casa-refuxio, onde se agocharon moitas persoas fuxidas do aparato represivo fascista. No momento do asalto Basilisa acubillaba tres anarquistas (todos eles rapaces noviños). No asalto foi detido un deles (Antonio Chamorro), logrando fuxir por unha fiestra os outros dous rapaces, e máis a Basilisa. Chegando a San Amaro, ela guindouse ao mar e simulou que afogara, mesmo a ollos dos seus propios compañeiros.

Baixo o nome de Sofía Rodríguez, bota así máis de un ano agochada polos montes, pedindo esmola nas aldeas para poder comer. Finalmente regresa á Coruña, onde é acubillada por outra muller solidaria chamada Emilia Calderón (non dispoñemos de máis datos sobre ela). Alí foi detida a finais de agosto do 38, ao ser descubertos os preparativos dunha fuga a bordo dunha traiñeira que ía saír desde o Portiño. No xuízo, celebrado en novembro do mesmo ano, foi condenada a 20 anos de cárcere. Unha das imputacións contra ela foi que o 1o de maio de 1936 acudiu á manifestación obreira celebrada na Coruña vestida de vermello e portando unha bandeira da mesma cor (un delito gravísimo!).

Sábese que Basilisa saíu en liberdade uns anos máis tarde e que continuou combatendo o fascismo ata o seu pasamento, na Coruña, sen que saibamos a data.

O 21 de xullo foi asaltada a cuarta casa-refuxio, na rúa do Matadoiro, no 34, departamento C. Esta caída tamén estivo en relación co topo que se infiltrara no movemento libertario da Coruña. De feito, el mesmo viviu alí, xunto con José Brandariz. A casa estaba rexentada por unha muller da que só coñecemos o nome, Benita, que era moi activa na rede de resistencia antifascista. No momento do asalto estábase a celebrar unha reunión á que asistían dez militantes. Un deles foi asasinado no enfrontamento e os outros nove detidos e condenados a morte.

Na casa da Benita, que pasaba por ser unha pousada, estaban agochadas tamén Carmen López Varela (parella de Brandariz), e Consuelo Grao Varela, unha libertaria de Melide.

En suma, o que se coñece como “a caída das Atochas” foi un auténtico desastre para o movemento libertario da Coruña. Asasinatos, detencións, torturas e condenas durísimas, e desarticulación das organizacións da resistencia. Asemade das anteditas, foron detidas tamén outras mulleres, que proporcionaran acubillo a militantes agochados:

Marina Rey Sánchez (1911-?), cuñada de Alicia Dorado Viso, ex traballadora da fábrica de tecidos “La Primera Coruñesa”, da que fora despedida (igual que Alicia) cando o golpe de estado, pola súa actividade política e sindical. Actuaba como enlace para a reorganización da FAI, foi detida en xullo de 1937 e condenada a 12 anos en decembro do mesmo ano.

Pilar Suárez Marantes (1916-?), bordadora da zona de Santa Margarida. Parella de Fournarakis, ao que axudou mentres estivo fuxido e co que se vía na casa de María Otero. Detida e interrogada en xullo de 1937, resultou absolta no xuízo de decembro dese mesmo ano.

Aurora Miguélez Pena, (1877-?). Vivía na Agra do Orzán. Desenvolvía labores de enlace para a reorganización da FAI na Coruña e tivo acubillado ao Antonio Fournarakis ata marzo de 1937. Detida o 10 de xullo, foi condenada a 12 anos no xuízo de decembro do mesmo ano. Tentou exculpar ao seu fillo de calquera vinculación, especialmente de ter levado á casa ao Fournarakis, pero igualmente este foi detido e paseado.

Teresa Lamas Conchado (1893-?), que vivía na rúa de San Amaro, que acubillou ao Torres unha noite.

Paca de San Amaro. Non temos referencias sobre os seus apelidos, nin sobre a súa idade. Era a esposa dun carpinteiro e ambas as dúas vivían na rúa de San Amaro. Acubillou ao José Torres Regueiro na súa casa durante dous meses.

Hai referencias doutra muller, Alejandra, da que só sabemos que estaba prostituída e que vivía na rúa Cartuchos. Tamén agochou ao Torres e outros militantes libertarios.

Emilia Pérez Pazos “Manchada”, nada o 10 de xaneiro de 1894 en Marín, aínda que viviu practicamente sempre na Coruña. En realidade, Emilia non tivera militancia sindical nin política durante a República, pero tras o golpe de estado e a caída da cidade implicouse de vez e actuou como enlace da CNT na Coruña, asemade de acubillar militantes libertarios e participar na organización (e na acción) de moitas fuxidas de militantes perseguidos, por mar.

En marzo de 1937 detéñena, precisamente por ter participado no intento de fuga de militantes na lancha de pesca Sisargas. Imputada na causa 291/37 por auxilio á rebelión, foi condenada a 20 anos de cárcere, xunto con Generoso Rumbo Lafuente, Enrique Sardinero Rey, Carlos Ponte Patiño, entre outros.

Emilia Pérez Pazos faleceu na Coruña o 27 de maio de 1960.

Elisa Vázquez Rozas (1901-?), costureira da Coruña e irmá do barbeiro anarcosindicalista José Vázquez Rozas “Persifal”, fusilado en novembro de 1936. Ela mesma estivera detida despois da caída da cidade, saíndo posteriormente do cárcere.
 
Elisa colaborou tamén no acubillo de militantes perseguidas. Por este motivo foi detida en xullo de 1937, en relación coa caída da casa de María Otero González. Xulgada en decembro dese mesmo ano, foi condenada a 20 anos de prisión. Botou no cárcere un número indeterminado de anos e pasou varios no de Saturrarán (Mutriku-Guipúzcoa).

Con Elisa volvemos estar diante dunha situación terríbel. Ela era nai de dúas fillas de curta idade. Unha delas faleceu estando presa súa nai e non lle permitiron despedirse dela; a outra parece que tiña unha discapacidade importante. A súa nai, Natividad Rozas Palacios, moi enferma e anciá, dirixiulle unha carta ao Auditor de Guerra explicándolle esta situación e rogándolle que, en aplicación dun indulto recentemente concedido, a súa posta en liberdade. A dita carta está datada en abril de 1943; na altura, Elisa estaba presa en Saturrarán.

Outra casa-refuxio, que neste caso non caeu, foi a de Sebastiana Vitales Gascón (1902-2000), situada na rúa Orillamar, sen que haxa documentación sobre a ubicación exacta dentro desta rúa. Galega de adopción, Sebastiana estivera uns anos nos EE.UU., retornando á Coruña en 1933, onde se afiliou á FAI e á CNT. Participou activamente, tanto na organización política coma na sindical e hai que destacar que fundou a sección coruñesa de Mujeres Libres e de Vanguardia Femenina. Tamén colaborou en “Solidaridad Obrera” e interveu en numerosos mitins (Cabovilaño, Vilagarcía de Arousa, Viveiro, Sada, Irixoa, Betanzos e A Coruña, entre outros). Asemade, acompañou á Federica Montseny Mañé na súa viaxe por Galiza, que fixera en 1935 con fins propagandísticos. Nos primeiros días tras o golpe de estado, o seu compañeiro de vida, Francisco Ballón Pequeño (tamén libertario), foi detido, xulgado e executado no Campo da Rata o 9 de agosto de 1936. A partires da caída da Coruña, Sebastiana pon a súa casa a dispor dos militantes fuxidos. Suponse que, asemade de acubillar persoas, no seu domicilio había tamén actividade política.

A Sebastiana detéñena e xúlgana precisamente por agochar xente; concretamente a Juan Díaz Lobelos e Justo Galán Barbero. Non hai datos sobre o tempo de condena e sabemos que estivo un tempo (indeterminado) no cárcere da Coruña. Igual que Consuelo Meitín, tiña dúas fillas pequeniñas que quedaron soas cando a detiveron.

Despois de saír do cárcere pasou a vivir na clandestinidade. Para subsistir, primeiro vendeu pan branco en Sada e na Coruña e, máis adiante, vendeu froita aos mineiros do wolframio en Coristanco, facendo distancias de 14 quilómetros a pé, con unha das súas fillas (Luz).

En 1954 marchou a Venezuela coas súas fillas e alí botou o resto da súa vida, continuando coa súa actividade política, sempre á beira do movemento libertario. 

Fixo dúas viaxes a España; unha nos anos ’60, ao seu pobo natal (Ansó-Huesca) e a segunda en 1995, acompañada por un dos seus netos (Frank) a diversos lugares do estado. Sebastiana faleceu o 19 de novembro de 2000.

Outra casa-refuxio foi a de Primitiva Lodeiro Otero, sita nas Xubias. Alí estivo agochado Antonio Torres López, o seu compañeiro, desde o golpe de estado ata agosto de 1937. Nesa altura, Primitiva e Antonio foron detidos como consecuencia da investigación que fixo a policía franquista polo intento de fuxida de xente da Coruña no boniteiro “Explorador”. No xuízo, celebrado en novembro de 1937, foi condenada a 12 anos.

Pero non foi A Coruña o único lugar onde as libertarias habilitaron casas-refuxio. Foi, sen dúbida, onde houbo máis, pero non foi o único. Outra das zonas onde a CNT tivera moita importancia e, en consecuencia, se desatara unha represión brutal foi Vilagarcía de Arousa. Alí naceu Josefa Barreiro González (1911-1937). Labrega de profesión e tamén limpadora, foi a compañeira de Pascual Tobío, traballador da mariña mercante e anarquista. Desde que casaron Josefa trasladouse a vivir a Trabanca Bediña, unha aldea de Carril pertencente ao mesmo concello de Vilagarcía de Aorusa, de onde era o
Pascual.

Coa chegada da IIa República afiliouse á CNT, igual que a súa cuñada, Otilia Tobío. Alí aprendeu a ler e a escribir, e formouse nos valores libertarios.

Tras o golpe de estado, Josefa acubillou na súa casa a Urbano Tarrío Montero, un anarquista de Rubiáns buscado polos membros da Falanxe. Alí estivo o Urbano ata marzo de 1937, no que se presentaron na casa un grupo de falanxistas e alí mesmo, sen máis, asasinaron ao Urbano. A ela levárona detida ao cuartel de falanxe de Vilagarcía, onde foi salvaxemente torturada, tanto que, ao día seguinte, cando a sacaron para fusilala (aplicáronlle o bando de guerra, nin máis nin menos), non se tiña de pé e matárona sentada nunha cadeira. Despois soterrárona nunha fosa común, onde fican un total de 15 persoas, entre elas o Urbano e a Josefa.

Outra vez repetiuse a historia; os fillos de Josefa, Julio e Valentín, moi pequeniños na altura, quedaron sos na casa, onde finalmente os recolleu Otilia Tobío, que se fixo cargo deles. Emigrou cos pequenos a Bilbao, onde rexentou un bar para vivir e crialos. A finais dos anos ’40, os nenos, xa mozos, lograron pasar a Francia para reunirse co seu pai, exiliado alá.

Outra casa acubilladora foi a de Pilar Fernández Seijas, “A Montañesa”, de Trabanca Badiña (Vilagarcía de Arousa). Era obreira metalúrxica e traballaba na fábrica de arame “Vasco Galaica”. Libertaria e resistente antifascista, acubillou na súa casa tres militantes da CNT, fuxidos tras a caída de Vilagarcía, en cuxa defensa participaran.

Segundo indica Pura Freire, veciña de Pilar, houbo unha delación e os falanxistas, a Garda civil e mesmo o exercito foron por ela e eles. O 16 de febreiro de 1937, rodearon a casa. Elas conseguiron escapar e agocháronse nun pallote, pero foron descubertas e os perseguidores queimaron o dito pallote con Pilar e o resto dos fuxidos dentro.

Todos eles e ela fican soterradas na fosa común de Rubián. O 14 de abril de 2004, por iniciativa da Coordinadora pro monumento aos asasinados polo Franquismo, erixiuse sobre a dita fosa un monólito, como recoñecemento a estas 15 persoas, cuxos nomes figuran escritos na placa.

Outro lugar onde se habilitaron recursos de apoio a persoas perseguidas foi Lousame, un pequeno (pero moi activo na altura) concello situado ao norte da península do Barbanza. Alí houbera moita actividade sindical, principalmente desenvolvida polos traballadores das minas de estaño e das fábricas de papel; e, dentro desta actividade, a CNT tivo un papel moi importante.

Unha das libertarias asasinadas por acubillar fuxidos foi María Josefa Becerra Laíño (1890-1938) era unha labrega de Marselle (Lousame) que acolleu na súa casa ao mineiro anarquista Perfecto Vilas Romero, integrante do Sindicato Minero da CNT de Lousame e que en xullo de 1936 formou parte da Coluna Sanfíns, formada por mineiros que defenderon Noia, Compostela, Ordes e A Coruña dos militares golpistas.

O 22 de febreiro de 1938 foi asasinado o Perfecto e dous días despois, o 24 de febreiro foi asasinada Josefa xunto con Antonio Vilas Romero, irmán do Perfecto.

En Vigo tamén houbo libertarias comprometidas coa resistencia antifascista. É o caso de Virginia González Pastoriza (1912-?). Traballadora do servizo doméstico e repartidora de pan que vivía en Vigo, no barrio de Teis. Alí, na súa casa, acubillou ao José Luis Quintas Figueroa, anarquista perseguido, en agosto de 1936. Algunhas fontes indican que botou acollido ata 1946 e outras datan a saída da súa casa en 1939. Sexa como for, a Virginia foi detida en 1950 e condenada a 6 anos e un día de cárcere. Posteriormente a condena queda reducida a 4 anos e 6 meses, en aplicación dun indulto.

Outra das mulleres que cómpre citar é a Amparo Rivas Comesaña (1894-?), pontevedresa afincada en Vigo, tiña un establecemento de bebidas na estrada de Pereiró. Este local servía de tapadeira a actividades da CNT da localidade, entre outras a impresión de propaganda nunha multicopista agochada alí. Tamén se celebraban reunións, entre elas a que preparou a fuxida de Vigo do José Luis Quintas Figueroa.

Amparo foi detida en Vigo, en 1947, e condenada a tres anos de cárcere nun consello de guerra celebrado en 1948, como consecuencia da caída do comité rexional da CNT.

Outra zona de importante actividade anarcosindicalista, practicamente desde a fundación da CNT (1910) é a comarca do Morrazo e unha das libertarias destacadas foi Dolores Blanco Montes “Lola De Cangas” (1885-1947), naceu en Cangas do Morrazo, en 1885, no seo dunha familia obreira. Como ocorría case sempre naquela altura, comezou a traballar moi noviña, como atadora de redes, oficio que desenvolvían maiormente as mulleres e as nenas.

Xa moza, afiliouse á CNT, na sección “La Reivindicadora”, que agrupaba traballadoras da conserva, e redeiras de Aldán, Cangas e Hío. Chegou a ser presidenta da dita organización. Pola súa actividade sindical foi detida varias veces mesmo durante a República (en 1932, 33 e 35).

O 26 de xullo de 1936, a garda civil detivo ao seu compañeiro, José Modesto Rodal Lanzós (Marrixo), mariñeiro e tamén militante da CNT. O fillo máis vello marchara á fronte, loitar pola República e o seguinte estaba no mar. Lola quedou na casa coas dúas fillas. Pouco botou porque o 11 de agosto, ás dúas da madrugada, os falanxistas petaron na súa porta. Dixéronlle que os tiña que acompañar, prestar declaración. Levárona en camisón, cun mandil por riba. As fillas quedaron soas na casa.

No coche que agardaba traían a Carmen Pesqueira Domínguez (A Capirota), detida pouco antes. Leváronas ata o Pozo da Revolta, en Mogor, coa intención de asasinalas. Ao chegar, separáronas e parece que o garda civil que levou a Lola era un coñecido dela, e que por iso non a matou. Pegoulle un tiro nun brazo e marchou.

Lola atou a ferida como puido, cun anaco do mandil e andou varios días polo monte, axudada por algunha xente da bisbarra, ata que acudiu á Cruz Vermella, para que lle curaran a ferida. Atendérona, si, pero de seguido entregárona.

Foi xulgada en Pontevedra e condenada a 12 anos e un día, dos que cumpriu 5 nos cárceres de Pontevedra e Saturrarán. Estando presa detiveron ao seu fillo, Ángel, levárono para o cárcere de Vigo e o 5 de abril do 37 “sacárono” e asasinárono.

Lola faleceu na súa casa de Cangas en 1947.

Preto do Morrazo, en Marín, as mulleres desenvolveron tamén unha importante actividade sindical e revolucionaria mesmo antes da proclamación da IIa República. De alí era Dolores Santiago Troitiño “Pasionaria” (1904-?), que vivía en Cantodarea (Marín) e foi presidenta da Sociedade de Chaboleiras e Empacadoras da CNT de Marín. Tras o golpe de estado foi detida e encarcerada, aínda que logo a puxeron en liberdade, probabelmente porque tiña dous irmáns falanxistas que miraron por ela. Igualmente foi xulgada. O sumario da causa 1286/36 inclúe a Dolores e a outras tres mulleres: Antonia Otero Martínez (na causa figura como Ramona), Adelina Otero Martínez (irmá de Antonia) e Asunción Vilas López “A Vidala” (da que falaremos de seguido). Imputáronlles ter participado na requisa de armas e auxilio á rebelión, cousa que Dolores negou en todo momento. Ela resultou absolta, mentres que as outras tres mulleres foron condenadas a 12 anos de cárcere.

Tamén de Marín era Asunción Vilas López “A Vidala”, nada en Lourizán, en 1913. Malia que era orfa de pai e súa nai (Asunción López, que tamén traballaba na lonxa e facía de parteira) quería que as súas seis fillas e fillos estudasen, ela escolleu traballar e fíxoo na lonxa de Marín. Ao proclamarse a IIa República ela, con 18 anos, implicouse na actividade sindical que producía (e medraba) arredor das traballadoras do mar.

Cando foi o golpe de estado, Asunción participou na defensa de Pontevedra e estivo nas barricadas. Cando caeu a cidade foi detida, interrogada (e torturada) e pelada; ingresou no cárcere de Pontevedra. No xuízo por requisa de armas e auxilio á rebelión foi condenada a 12 anos de cárcere, sendo trasladada a Mutriku, á tristemente famosa prisión de Saturrarán. Pasouno moi mal, nomeadamente por problemas de saúde e, tras un cólico nefrítico, foi posta en liberdade, probabelmente pola intercesión de dous dos seus irmáns, un garda civil e outro capitán do exército.

Tras obter a liberdade volveu traballar na lonxa de Marín e, en 1953 foi nai solteira, con todos os inconvenientes que representaba isto na altura. A súa filla Carmen Vilas López conta que a súa nai non lle gustaba falar daqueles episodios. Dicíalle á filla que a ela non a prenderan por facer nada malo, só por ir a manifestacións, reclamando melloras e cousas así. Mesmo se ía con ela á praza falaba moito con Antonia e Adelina Otero Martínez “As Casqueiras”, que foran condenadas na mesma causa e estiveran xuntas en Saturrarán, cando elas comezaban a facer alusións ao mal que o pasaran no cárcere, Asunción pedíalles que non falaran diso. De feito, Carmen soubo que pelaran a súa nai despois de falecida esta. Contoullo o Celso Milleiro Sánchez, historiador e investigador da represión das mulleres.

Asunción, segundo conta a súa filla, traballou arreo toda a vida para poder sacala adiante e que non lle faltara de comer e puidera ir á escola. Traballaba na lonxa, empacaba na casa do patrón para o que traballaba e mesmo ía ao monte coller fentos para pór nas caixas de peixe. Malia os seus problemas de saúde (que eran moitos) sempre traballou.

Conservou intactas as súas ideas e foi votar á esquerda en todas as eleccións que se celebraron, desde 1977 ata que faleceu, na súa casa de Lourizán, en 1989.

Na provincia de Ourense tamén houbo libertarias que acubillaron perseguidos. É o caso de Carmen Jérez Rodríguez, nada en Fervenza (Vilamartín de Valdeorras). Era a noiva de Abelardo Macías “Liebre”, un combatente anarquista da federación de Guerrillas León-Galicia.

A primeira detención de Carmen foi en 1944, por colaborar coa resistencia armada; por este motivo botou un tempo no cárcere de Ourense. Desde que saíu en liberdade continuou coa súa actividade antifranquista. En xullo de 1946 volvérona deter, neste caso secuestrárona, membros da tristemente famosa brigadilla da Garda Civil. En realidade querían deter ao “Liebre”, pero non o conseguiron e levárona a ela. Botou arredor de dous meses na Rúa de Petín, nunha casa propiedade de falanxistas. A finais de setembro levárona para Ponferrada, onde a meteron nun muíño. Durante ese 
tempo violárona sistematicamente e Carme quedou embarazada. En maio de 1947 sacárona e asasinárona a tiros. O seu corpo foi atopado nun foxo en Montearenas, lugar de triste memoria, onde foron asasinadas polo fascismo multitude de persoas. Para daquela tiña catro meses de embarazo.

Outra libertaria coruñesa, aínda que emigrada a Bercelona, foi Joaquina Dorado Pita. Neste caso, reproduzo aquí o texto que resume a súa historia elaborado en 2017 para o Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega pola miña cara amiga Mariam Ferreiro Vidarte. Di así:

Joaquina Dorado Pita nace nun barrio pobre de pescadores da Coruña. O seu pai é caixeiro viaxante e a súa nai ocúpase do coidado do grupo familiar.

Cando sae xogar á rúa, chámalle moito a atención que o chan sexa de terra con pedras e que as crianzas, a diferenza dela, estean descalzas... Estes feitos lévana a pensar nas diferenzas de clase. As súas conviccións van derivar cara ao anarquismo. Con 14-15 anos le Mundo Obrero, Solidaridad Obrera...

No ano 1934, por razóns de traballo do pai, trasládase a Barcelona. Alí Joaquina empeza a traballar no ramo da madeira, realiza tarefas de tapiceira e vernizadora, e afiliase á CNT. Faise ademais militante da Federación Ibérica das Juventudes Libertarias del Poble Sec. Aquí participa nos debates, na lectura de libros... Intégrase tamén na loita activa e dirixe o xornal VOLUNTAD. Periódico Mural de las JJ.LL. de Madera Socializada.

En 1936 traballa como secretaria de Manuel Hernández, presidente do Consejo Económico de la Industria de la Madera Socializada. Este, en 1938, foi mobilizado e será Joaquina quen ocupe o posto de presidenta. Isto convértea na primeira e única muller que ocupa un cargo de responsabilidade nesta organización e chega a ter un papel fundamental no proceso de socialización e colectivización do sector.

Outro aspecto que lle contou a Aurora Marco nalgunha das súas conversas, foi a súa participación na tentativa de 18 persoas para se ir formar a Francia co obxectivo de pilotar cazas e intervir na guerra.

Nos sucesos de maio de 1937 en Barcelona forma parte do grupo “Luz y Cultura” e intervén na loita nos arredores de Telefónica. Alí coñece a Liberto Sarrau (1920-2001), o seu compañeiro de vida. Pertence este ao grupo de acción Tres de Mayo.

En 1939 exíliase cruzando os Pireneos a pé cara a Francia. É interceptada e sofre salvaxes torturas, patéanlle un ril e abandónana pensando que está morta. Uns compañeiros libertarios cúrana aplicándolle medicina naturista e axúdanlle a cruzar a fronteira. Xa en Francia, está cerca de dous meses encerrada no campo de Briançom. De alí escapa a Montpellier e escóndese na casa do botánico Paul Reclus. 
Posteriormente tenta escapar a Tolosa e pasa por dous campos máis..., un deles (Recebidoux, Haute Garone) reservado a prisioneiros alemáns, consegue fuxir.

Unha vez en Tolosa, maio de 1940, axiña retoma a súa actividade política. Reorganiza as Juventudes Libertarias e en 1946 incorpórase ao grupo Tres de Mayo. Neste mesmo ano, xunto con Liberto e mais outras e outros militantes do Movimiento Libertario de Resistencia, decide volver a España para loitar contra a ditadura franquista. É detida, xunto con Liberto, o 24 de febreiro de 1948. Nos calabozos da policía na Vía Laietana barcelonesa, nos que pasou 18 días, sofre torturas.

Xulgada e condenada a 15 anos de cárcere por “auxilio a la rebelión”, con data 15 de marzo de 1948, Joaquina ingresa na Prisión de Les Corts. Sae en liberdade condicional en xaneiro de 1949 por invalidarse o Consello de Guerra que a condenaba; o mesmo lle ocorre a Liberto.

Despois de dous meses escondidos, deciden regresar a Francia. Collen o tren para chegar ata Ripoll e dende alí pensaban pasar a Francia. Na viaxe Joaquina é advertida por unha coñecida da prisión de que a estación de Ripoll era moi perigosa. Desoen a advertencia, continúan a viaxe e ao chegaren á estación son esposados e sometidos a xuízo. Joaquina é condenada a 12 anos de cárcere. Está en Les Corts un total de 3 anos. Pasa, ademais, por unha grave enfermidade que o 28/12/1950 deriva nun ingreso no Hospital Clínico, onde lle é extirpado un ril. Está ingresada uns tres meses e sae para “morrer na casa”. Salva a vida grazas ao médico naturista Ferrándiz e ao tratamento con penicilina con cargo ao sindicato fabril e téxtil clandestino da CNT.

Desde a prisión, co traballo de costureira, axudaba a manter os seus pais e a Liberto, que tamén está no cárcere. Por iso, logo da súa recuperación, renuncia ao traballo clandestino e regresa ao cárcere o día 21 de decembro de 1953 para cumprir os tres meses que lle faltaban. O 13 de febreiro de 1954 consegue liberdade condicional. 

Será a comezos de 1955 cando coñeza a Quico Sabaté. Este, farto e desenganado da cúpula da CNT, que se opuña á loita armada porque puña en perigo o acollemento e legalidade por parte do Goberno francés, decide continuar esta vía contra o franquismo. Decisión que comparte con Joaquina.

En Barcelona, na clandestinidade, ela será a encargada da infraestrutura. Discreta, metódica, experimentada na loita clandestina, móvese por Barcelona con seguridade. Formalmente traballa, mantén a seus pais e a Liberto, preso en Madrid. Sabe que corre perigo apoiando a Sabaté pero Joaquina, bautizada xa como “la NURI”, non o deixa só. En 1956 logra pasar a Francia e o 30 de xuño concédenlle, por segunda vez, o estatuto de exiliada. Establécese en Tolosa, traballa de costureira e, cando Liberto obtén a liberdade, trasládanse a París, onde traballa ata o seu retiro. Logo da morte de Liberto, vive entre París e Barcelona ata o ano 2006, cando se instala definitivamente en Barcelona.

Sempre se mantén fiel ás súas ideas anarquistas e sempre participa nas homenaxes, actos da memoria... O 3 de marzo de 2007, xunto con outras trinta mulleres galegas, recibe unha homenaxe da Xunta de Galicia, no Teatro Principal de Compostela. En xullo do 2008 participa na Homenaxe ao Exilio e nas xornadas Exilios Femininos, realizadas na Illa de San Simón e organizadas pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Ingresa no Hospital del Mar de Barcelona o 11 de xaneiro de 2017. Unha caída na casa provócalle unha fractura de úmero e unha hemorraxia cerebral da que non logra recuperarse. Morre dous meses despois.

Tamén en Ferrol houbo algunhas militantes libertarias moi activas, como Amalia Fraguela (non coñecemos o segundo apelido), que naceu en Sedes (Concello de Narón), en 1884.

En 1912, ela e o seu compañeiro Vicente Couce tiveron unha filla, Luz Armonía, á que inscribiron no rexistro civil publicando a nova na prensa local. Isto era unha práctica das anarquistas para pór de manifesto que non se dobregaban ante o poderío da igrexa, que na altura esixía pórlle ás crianzas nomes do santoral e bautizalas ao naceren.

Ese mesmo ano figura nas listas de axuda aos presos e tamén aos libertarios mexicanos. Asemade, xunto con outras libertarias como Rosario Sardina e Emilia Cora, funda o grupo La Antorcha, para traballar a prol dos dereitos das mulleres. Tamén participou en actos públicos reclamando salarios dignos, ou contra a carestía dos alimentos.

En 1913 marcha a Barakaldo, continuando alí coa súa actividade política e sindical e sen deixar de colaborar con certas actividades do anarquismo ferrolán, por exemplo no xornal Cultura Libertaria. Tamén participou en actos públicos como os organizados pola defensa dunhas condicións de vida dignas, ou no que se fixo a prol de liberdade de Rosa Luxemburgo. Participou na fundación do grupo de mulleres libertarias Luz y Armonía e colaborou en diversos xornais libertarios, como El látigo e Tierra y Libertad. Neste último publicou o manifesto “A las mujeres”, en xullo de 1913.

Tras a proclamación da IIa República regresou a Ferrol, sen que consten referencias sobre a súa actividade política e sindical. En xullo de 1936, o seu fillo Vicente, de 17 anos, foi fusilado (xunto con outros compañeiros, por tentar de liberar uns presos condenados a morte.

A partires de 1942, Amalia traballou no servizo municipal de limpeza, concretamente na dos baños públicos situados debaixo do palco da música, no cantón.

Faleceu en Ferrol, en 1958.


POR TODAS ELAS, AS QUE COÑECEMOS (UN POUCO) E AS QUE NUNCA

COÑECEREMOS PORQUE NUNCA FORON VISIBILIZADAS...

VIVA A LOITA DAS MULLERES!!!

ABAIXO AS DITADURAS!!!