Saltar ao contido principal

Lembranzas e recoñecemento a Luis Montes Mieza


En el debate sólo hay dos posturas: los que defendemos la autonomía, que creo que somos mayoría, y los que defienden que la vida es un don recibido de un amigo invisible y que lo que tenemos que hacer es preservarla.

Luis Montes Mieza.

Médico y presidente de la Asociación Derecho a Morir Dignamente (2009-2018)


O pasado xoves, 18 de marzo o Congreso dos Deputados aprobou a lei que regulará a práctica da eutanasia en España. Con esta norma -que entrará en vigor en tres meses- quedamos incorporados á reducidísima nómina de países nos que esta práctica está regulamentada. En torno ao 84 % da cidadanía apoia o exercicio deste dereito (Ipsos 2018, Metroscopia 2019) e o seu mero coñecemento e implementación, a súa despenalización, evitará prácticas clandestinas, sufrimentos e un beneficio claro para toda a sociedade. Curiosamente, unha información de tanto calado, non ocupou o espazo que merecería nos medios polo que lectores/as e audiencias véranse privados do seu coñecemento cunha mínima precisión. En calquera caso, desde a Asociación Cultural FUCO BUXÁN queremos facer chegar a nosa felicitación e agradecemento a todas aquelas persoas e colectivos sociais que, en procúra desta importante conquista, co seu traballo, exemplo e empeño fixeron posible dar este primeiro paso nun contexto acoutado polo filibusterismo político da dereita e profundos e inevitables condicionantes relixiosos, culturais (por que nos custa -mesmo- pronunciar a palabra?) e emocionais. Pero, desde a inmediatez do recordo, do agradecemento e do afecto persoal, queremos materializar o noso recoñecemento na figura do Doutor Luís Montes Mieza, privilexiado actor nesta loita desde a Asociación Federal Dereito a Morrer Dignamente (AFDMD). Médico exemplar -á maneira  chejoviana- Luís Montes foi sempre solidario co sufrinte, co débil, na idea de que a dignidade sen condicionantes, a liberdade e a felicidade do ser humano son a causa e o fin fundamental do pensamento de esquerdas.


É obxectivo fundacional da A. C. FUCO BUXÁN a tarefa de crear prácticas do día a día e a tamén a tarefa clarificadora a través do debate: revitalizar as ideas progresistas, axudar a valorar a realidade, entendela e transformala na conquista de espazos de maior xustiza. Para iso apoiámonos en voces rigorosamente analíticas ao obxecto de elaborar o noso propio criterio e foi, precisamente, en 2008 cando -con esta intención- contactamos con Luís Montes para presentar en Ferrol o seu libro titulado 'El Caso Leganés', de recente publicación naquel momento. Tiñamos a pretensión de organizar coa súa visita un coloquio para contribuír á reflexión colectiva, inaprazable, sobre o dereito para dispoñer da vida propia, do bo morrer e da protección xurídica deste nobre ideal. Este caso contiña, ademais, outros ingredientes sobre os que debater e que configuraban un acabado arquetipo sobre as relacións entre Poder (ideolóxico-económico-mediático) e Sociedade, cuns perfís  nítidamente delimitados pola encarnación simbólica da inaceptable paradigma neoliberal, definido polo acomodo dos recursos de todos/as aos seus intereses específicos e o desprezo das máis elementais normas da convivencia democrática. A formidable impostura é hoxe ben coñecida: unha entelequia de rapina e avaricia, que podemos identificar co Partido Popular de Madrid, desde as institucións e coa participación da Presidenta da Comunidade Esperanza Aguirre, o seu Conselleiro de sanidade Manuel Lamela, un nutrido grupo de xornalistas e uns profesionais da medicina sen escrúpulos, se confabulan para unha  calumniosa campaña que ten como obxectivo un eficiente e comprometido equipo de médicos do Hospital Severo Ochoa de Leganés a fin de fornecer xenerosas doses de alarma social e o consecuente desprestixio da Sanidade Pública en beneficio do negocio privado e de certas empresas construtoras e de servizos (Acciona, Dragaxes, Sacyr...), consumando un episodio máis do saqueo que caracteriza a xestión desta dereita franquista. Aínda que a infamia durou meses, o bulo (aínda contando con moito diñeiro, influencias e capacidade de control) era insostible e -finalmente- a Audiencia Provincial de Madrid ratificou o sobresemento e arquivo do caso ordenando a supresión de toda referencia á mala práctica dos médicos denunciados; a defensa da verdade prevaleceu pero os danos resultaron profundos e perdurables, aínda que non é menos certo que o mal cálculo dos difamadores provocou como contrapartida a conversión de Luís Montes en -involuntario- heroe civil, potenciou notablemente o discurso en favor da sanidade pública e tamén o da AFDMD poñendo sobre o  tapete -esta vez de forma definitiva- o debate sobre a eutanasia e o suicidio médicamente asistido.

Establecida desde a A.C. FUCO BUXÁN a relación con Luís Montes, un privilexio, atopariámonos/atopariámosnos -en e fóra de Ferrol- en distintas ocasións e participaría nas nosas actividades e publicacións mostrándonos en todo momento a súa mellor disposición. Agora ben, a nosa gratitude non pode quedar circunscrita á súa tarefa á fronte da AFDMD ou na defensa da Sanidade Pública; quedar só con isto non completaría o seu retrato xa que o seu compromiso pasou pola militancia política e tamén como pioneiro do incipiente movemento veciñal (Orcasitas-Madrid) a finais dos sesenta, animando á participación cidadá e, en calquera caso, na defensa das máis variadas causas xustas e solidarias e sempre cunha concepción integradora e global de clase.

Os vínculos coa nosa Asociación duraron ata o seu prematuro e repentino falecemento, fai agora tres anos, cando se desprazaba para asistir a un acto da AFDMD. Coa súa desaparición perdemos a presenza dun amigo pero non a admiración por el que sempre tivo por meta e reto a felicidade. A mellor homenaxe que lle podemos tributar é o agradecerlle loitar por iso, manter vivo o debate sobre os dereitos que nos asisten relacionados coa dispoñibilidade da propia vida e imitarlle no seu compromiso  insobornable.

Víctor G. Novás.
Vicepresidente de Fuco Buxán

Actualizamos con información que achéganos a Asociación DMD.