Saltar ao contido principal

Día Internacional da Muller Traballadora [Manifesto de Fuco Buxán]

Vai tres anos que este día supuxo un punto de inflexión para o movemento feminista xa que, en 2018, vivimos manifestacións cun apoio masivo da cidadanía.

Este ano acompáñannos unhas circunstancias excepcionais que, a pesar de todos os falecementos que ocasionou, puidemos recoñecer e valorar aqueles traballos e/ou empregos que resultan esenciais para poder desenvolvernos, os relativos aos coidados, os cales son exercidos na súa gran maioría por mulleres e, en moitos casos, mulleres migrantes.

Neste sentido, o Concello de Ferrol e as institucións acordaron homenaxear este ano ao Servizo de Axuda no Fogar. Aínda que esta decisión pode ter transcendencia para que a opinión pública valore otraballo realizado por un colectivo altamente feminizado, desde Fuco Buxán consideramos que esta homenaxe non pode quedar no plano simbólico, senón que é necesario que se materialicen unhas condicións laborais dignas e que a súa profesionalización encádrese en servizos socio-sanitarios.

Manifestación 2020 Día Internacional da Muller Traballadora (La Voz de Galicia)

Noutra orde de cousas, neste 8 de marzo de 2021, faise preciso repasar a xenealoxía feminista e lembrar que este día non é simplemente o 8M ouo día da muller, senón que é o Día Internacional da Muller Traballadora .A discriminación en base ao sexo é a que atravesa á metade da poboación e, neste día, esa connotación de clase, clase obreira e traballadora, debe estar presente na nosa linguaxe.

Neste sentido, cabe repasar os puntos da axenda feminista para facer efectivo o dereito das mulleres para vivir unha vida libre de violencias machistas. Así, estes puntos son o dereito para as mulleres de decidir sobre os seus propios corpos (saúde sexual e reprodutiva), a abolición da pornografía, da prostitución e dos ventres de alugueiro, educación afectivo-sexual, dereitos de conciliación e corresponsabilidade e, como propugna o movemento e a teoría feminista, os coidados como eixo central das políticas públicas. Todo iso implicaría a abolición do xénero como mecanismo de opresión.

As feministas de Ferrolterra reunirémonos, con todas as garantías para a saúde pública (como o resto de concentracións e manifestacións que houbo durante todo este ano), o próximo 8 de marzo ás 19:00 h en Porta Nova para seguir reivindicando os nosos dereitos.