Denuncia dun grave caso de explotación laboral e campaña para o recoñecemento de protección das vítimas (Comunicado de prensa do Foro Galego de Inmigración)
Ao final do pasado verán tomamos coñecemento de que “un empresario" da zona de Santa Comba, mantivo traballando en situación de escravitude a varias persoas en situación irregular, sen contratar, abonar ningún salario e pedindo pagamentos por aloxamentos dos que finalmente eran expulsadas ou directamente non existían. O obxecto do contrato eran traballos agrícolas, e as compañeiras prestaron servizos pechadas en naves e fincas, con prohibicións de comunicarse, e obrigadas a agocharse das autoridades (GC e Inspección de Traballo), coa expresa prohibición de contarlle a ninguén a súa situación.
O empresario investigado, cobroulles sumas entre os 420 e e os 1500 € por regularizar a súa situación, autorizacións de traballo e residencia que nunca chegaron e nunca foron sequera tramitados. Ademais, encargábase persoalmente da captación, traslado e aloxamento de man de obra gratuíta e en situacións inhumanas. A situación chegou ao punto de que un dos traballadores, mentres tomaba probas da súa situación, foi secuestrado, maniatado, golpeado, ameazado a punta de pistola e abandonado nun monte da contorna, co fin de conseguir eliminar esas probas.
A Garda Civil, malia tratarse dun caso de trata, non tramitou os mecanismos de protección e autorizacións temporais para as vítimas. A Subdelegación, por moito que insistimos na necesidade de protección, deixou a estas persoas abandonadas, omitindo as súas responsabilidades e levando ao fracaso calquera xestión para outorgarlles a protección a pesares de que ven obrigada por Lei a isto. Agora mesmo, deriva toda a súa irresponsabilidade ao xulgado de Ordes.
A Fiscalía, por moito que ten competencias para a protección, non se interesou pola situación das víctimas, mostrando un absoluto desinterese sen acudir nin sequera ás súas declaracións no Xulgado e non lles fixo nin sequera oferta de protección por colaboración coa xustiza. Isto provocou que 20 días despois do ingreso en prisión provisoria o empresario fose liberado sen oposición e que ata o día de hoxe as vítimas se atopen sen protección xudicial e sen as autorizacións de residencia temporais que corresponden neste tipo de casos.
Por todas estas razóns, O FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN SÚMASE Á CAMPAÑA DE MOBILIZACIÓN QUE ESTÁ A REALIZAR O SINDICATO CUT (que representa os intereses das vítimas) para denunciar públicamente o abandono e desinterese pola situación destas persoas.
Sumámonos a concentración que terá lugar o mércores 3 de marzo ás 10:00hs diante do Xulgado de Ordes (lugar no que os tres investigados prestarán declaración polos actos de trata de seres humanos) baixo a lenda; "Nin explotación, nin impunidade. Fiscalía e Subdelegación responsábeis"; co obxectivo de que a Subdelegación do Goberno na Coruña, cumpra coa súa obriga de darlles protección e autorizacións temporais ás persoas afectadas.
Información prensa: Miguel Fernández (662.307019), Mari Fidalgo (687-368314).