Saltar ao contido principal

Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller #25N

En 1999, Nacións Unidas recoñecía oficialmente o 25 de novembro como Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. 

Falamos de violencia machista ou violencia de xénero, mais debemos facer referencia as diferentes formas de violencia contra as mulleres (simbólica, sexual, económica, física, laboral, institucional).

Neste día lembramos ás irmás Mirabal. Eran activistas políticas e símbolos moi visibles da resistencia á ditadura de Trujillo e foron encarceradas repetidamente polas súas actividades revolucionarias en defensa da democracia e a xustiza. O 25 de novembro de 1960, Minerva, Patria e María Teresa foron asasinadas por membros da policía secreta de Trujillo. As tres mulleres dirixíanse a Puerto Plata a visitar aos seus maridos encarcerados. Os seus corpos foron atopados no fondo dun precipicio cos ósos rotos e signos de que foran estranguladas.
«Es la violencia que sufren las mujeres, que tiene sus raíces en la discriminación histórica y la ausencia de derechos que éstas han sufrido y continúan sufriendo en muchas partes del mundo y que se sustenta sobre una construcción cultural (el género). Ser mujer es factor de riesgo.»
Nuria Varela. Feminismo para principiantes (2013)
Estamos a vivir tempos un tanto perversos. Desde os medios de comunicación bombardéannos dicindo que desta pandemia e da crise sanitaria que provoca o coronavirus sairemos mellores. Non sabemos cómo sairemos. O que se podemos confirmar é que antes desta pandemia xa estábamos a sufrir outra, o machismo. 


Por tanto, queremos que queden nas nosas lembranzas aquelas mulleres para as cales a mensaxe «quédate na casa» non foi tan sinxelo de cumprir, xa que se converteu nunha sentenza para encarcerarse co seu agresor as 24 horas do día, sete días á semana. Illadas, sen recursos e cuxos berros eran berros de silencio.

Recoñezamos o valor dos coidados, exercidos fundamental e históricamente por mulleres, xa sexa no ámbito público, como no ámbito privado, xa sexa en ambos conxuntamente. A crise sanitaria do covid19 puxo en dúbida este sistema capitalista ao declarar como actividades esenciais aquelas que nos proporcionan os recursos necesarios para o noso día a día. Actividades que, desde sempre, foron  invisibilizadas e infravaloradas. 

Temos a oportunidade de repensar o mundo no que vivimos. Fagámoslo desde a óptica feminista para identificar o machismo, erradicalo e vivir unha vida libre de violencias.

Estades convocadas para o 25N na Praza Amada García ás 19 horas, onde estarán as compas da Marcha Mundial das Mulleres para reivindicar o noso dereito de vivir unha vida libre de violencias machistas.