Saltar ao contido principal

A Muller Como “Obxecto” De Represión | Memoria con perspectiva feminista #25N

Ó longo da historia da humanidade, cando se revisan os conflitos, pódese observar de xeito indefectible como se utilizou á muller como “obxecto” de represión. Utilizo o término obxecto con toda a intención xa que ditas prácticas van sempre supeditadas á consideración da muller como ente xurídico inferior, como algo que pertence ó home e, polo tanto, que se pode roubar ou facer dano para danar indirectamente a este.

Esto non foi diferente durante a Guerra Civil e a ditadura posterior que se viviu en España dende o golpe de Estado de 1936.

En España a muller viviu o seu mellor momento na Segunda República, xa que por primeira vez na súa Constitución recóllese a igualdade xurídica e política entre homes e mulleres, ó que hay que sumar o desenrolo económico das primeiras décadas do século XX, e o auxe da vida nas cidades que posibilitou o acceso da muller a novos traballos que rompían cos estereotipos da dona da casa abnegada.

Imaxe de Catkin en Pixabay 

Por suposto, todos estes cambios aínda eran incipientes cando a curta Segunda República rematou en xullo de 1936.

Durante o golpe de Estado do 36, a Guerra Civil e a ditadura, perseguiuse e reprimiuse calquera intento de individualismo e liberdade de pensamento na muller, xa que na Sección Femenina do Franquismo só tiña cabida a amante esposa abnegada, submisa e, por suposto, devota e temerosa de Deus.

Durante a Guerra Civil, as mulleres foron perseguidas e represaliadas tanto polas ideas políticas como polo simple feito de ser fillas, esposas ou irmás de...

Podemos nomear o caso de Mercedes Romero Abella, mestra durante a República en Monelos, asasinada o 19 de Novembro de 1936. Aínda que nun principio poderíase pensar que o motivo do seu asasinato podería encadrarse dentro da represión que sufriron os mestres republicanos durante a Guerra Civil, o certo é que a Mercedes non se lle coñecía militancia política previa; foi violada, torturada e asasinada uns días despois de que asasinaran tamén ó seu marido que, el si era sindicalista da UGT, polo tanto sufriu represión por quen era o seu marido.

Tamén se pode falar do caso de Juana Capdevielle, violada, torturada e asasinada en Lugo o 18 de agosto de 1936 estando embarazada de 7 meses, o seu delito foi ser a muller do Gobernador Civil de A Coruña, cargo que o seu marido aceptara en abril de 1936.

A visión da muller como ser inferior por parte do franquismo facía que fosen incapaces de imaxinalas con ideas propias, así que as mulleres sufrían represión polas ideas dos varóns da súa familia. As que non foron asasinadas, sufriron a represión nos campos de reeducación da sección feminina, o rapado e a exposición pública e o roubo dos seus fillos recentemente nados para entregarllos a boas familias franquistas na busca da erradicación do “genrojo” ó que tantos esforzos adicou Antonio Vallejo-Nájera.

Ó longo dos anos que adiquei á investigación da represión durante a Guerra Civil e a ditadura, escoitei numerosas testemuñas directas de familiares que contaban como os seus familiares varóns fuxiran ó monte ó principio do conflito e como os militares e falanxistas ían periodicamente ás súas casas, das que sacaban ás irmás ou fillas dos fuxidos, levábanas ata o monte, onde pensaban que estes podían oílos e as violaban e mallaban durante horas coa intención de que ó escoitar os seus berros, estes saíran do seu escondedoiro. É curioso que cando o contan, incluso os familiares actuais, consideran que os represaliados eran eles e non elas.

Cabe lembrar a alocución de Queipo de Llano na radio durante a contenda: “Nuestros valientes legionarios y regulares han enseñado a los cobardes de los rojos lo que significa ser hombre. Y, de paso, también a las mujeres. Después de todo, estas comunistas y anarquistas se lo merecen, ¿no han estado jugando al amor libre? Ahora por lo menos sabrán lo que son hombres de verdad. No se van a librar por mucho que forcejeen y pataleen”.

Podemos concluír que, durante a Guerra Civil, as mulleres en España sufriron os mesmos actos de represión e tortura que os seus compañeiros varóns pero, ademais, sufriron un tipo de violencia específica polo seu xénero, que foi a violencia sexual.