Saltar ao contido principal

Co medo non se xoga por S.F.Bellas

Hoxe lembrei unha historia que contaba meu pai...que resume o importante que é a educación neutra, non sectaria. 

Él, nacido en 1924, lembraba os nomes de todos os profesores que lle deron clase e de qué "bando" era cada un. Lembraba un republicano que "desapareceu", e o seguinte que pasou por aquela "aula itinerante" pouco antes da "Guerra Civil" e que foi o culpable de que o meu avó deixase de mandar ao seu fillo á escola. Este profesor baseaba as clases no medo, en cultivar nos nenos o medo aos vermellos, aos que faltaba retratar con cornos e rabo, que segundo el virían e botarían gases por todos lados... cando iso sucedese os nenos deberían esconderse baixo mesas ou en buracos.


O meu pai chegou a ter tanto medo, tendo en conta que ademais era quen lle lía a prensa do momento ao meu avó e demais veciños con todo o que iso supoñía, que se meteu no forno de leña e non había forma de sacalo de alí...Ese día, o meu avó decidiu que o meu pai non volvería á escola. 

Non tento reflectir con isto unha preferencia por ideoloxía algunha, de feito, o meu pai, de vivir, seguiría votando á "destra do pai"...e viría tirarme das orellas de usar eu esta historia para facer apoloxía duns ou outros. O que quero ilustrar en palabras, é que é moito peor o impacto do medo, baseado a maioría das veces na desinformación, que a realidade que tememos. Que deberiamos ser capaces de ver o mundo que nos rodea sen adornos nin artificios, pero sobre todo coa nosa visión, non coa doutros. O medo paraliza e fainos covardes, pero tamén nos leva a cometer actos que dan máis medo aínda. Non xoguemos co medo, eduquemos con información e formemos persoas que sexan capaces de opinar e de actuar sen medos "antigos ou modernos".