Saltar ao contido principal

Lídia Senra denuncia ante a CE a “insuficiente e ineficaz” política de prevención dos incendios forestais na Galiza


· Insta á Comisión Europea a pronunciarse sobre os 436 traballadores/as interinos descontinuos que a Xunta contrata só tres meses ao ano

· A eurodeputada considera que o “lóxico” sería que este persoal estivera contratado sempre formando parte dos corpos de emerxencia



Santiago, 23 de maio de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), denuncia ante a Comisión Europea (CE) a “insuficiente e ineficaz” política de prevención de incendios forestais na Galiza. Así o anunciou a propia Senra este martes pola mañá, durante unha rolda de prensa ofrecida en Santiago de Compostela xunto a José Ángel García López, presidente da Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia (ATRIFOGA) e enxeñeiro forestal helitransportado; Sonia Lino García, emisorista; e David Faria Juncal, conductor de motobomba. A eurodeputada deu conta de dous escritos que elaborou de cara a informar ao ente comunitario da situación alarmante que se vive na Galiza, onde no que vai de ano 2017 xa arderon máis de 3.500 hectáreas, e puxo en relación isto coa situación na que se atopa o colectivo de 436 traballadores e traballadoras interinos descontinuos que a Xunta de Galiza contrata só tres meses ao ano (xullo, agosto e setembro) para formar parte do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDIF).


No primeiro dos escritos que Lídia Senra rexistrou esta mesma mañá ante a CE, a europarlamentaria informa á Comisión de que o SPDIF mantén “diferentes tipos de contratacións do persoal de extinción de incendios: persoas contratadas todo o ano, fixos descontinuos de nove meses, eventuais contratados tres meses ao ano, traballadores/as de empresas privadas subcontratadas, persoal da administración local, estatal e do exército”. E céntrase nos 436 traballadores/as interinos descontinuos da Xunta de Galiza de só tres meses ao ano. “Este colectivo está inhabilitado para facer substitucións de prazas non vacantes ou cubrir baixas ou xubilacións nos distintos corpos da Xunta, aínda no período no que non están contratados/as. Asemade, o total de ingresos anuais que perciben non chega ao salario mínimo interprofesional. Ademais, a súa contratación resulta fraudulenta en virtude de sentenzas xudiciais e de inspeccións de traballo, permanecendo excluídos do Convenio Colectivo e atopándose limitados na súa protección social”, denuncia. “Tendo en conta a queima de máis de 3.500 hectáreas deste ano e as respostas da Comisión Europea alentando aos Estados membros a dar preferencia ao labor de prevención de incendios fronte ao consumo de recursos na extinción, non considera que sería lóxico que este persoal traballara todo o ano, alén do verán, en labores de prevención de incendios e formando parte dos corpos de emerxencia como xa contempla a lei?”, pregunta a eurodeputada.


Así mesmo, Lídia Senra ten preparado un segundo escrito dirixido á CE, que rexistrará nos próximos días, no que incide na situación e valora que “os efectos do cambio climático, cun incremento xeralizado das temperaturas e un descenso das choivas, estanse a notar fortemente na Galiza, provocando un aumento e desestacionalización dos lumes forestais”. Fronte a esta realidade, denuncia o “desleixo da Xunta de Galiza ante os lumes, a insuficiencia e ineficacia de políticas de prevención, xestión forestal ou revitalización do medio rural e a situación de precarización na que mantén ao persoal de extinción de incendios”.

Senra lembra que a Comisión ten explicado, segundo resposta a unha pregunta que lle formularon no 2016, que o Estado español incluiu nos seus programas de desenvolvemento rural do periodo 2014-2020 uns 900 millóns de euros para medidas de prevención de incendios forestais, desastres naturais e catástrofes, e uns 87 millóns de euros para actuacións de recuperación. En base á función de supervisión e seguimento da boa marcha das medidas que fai a Comisión, a eurodeputada quere saber “que constancia ten a CE da eficacia da aplicación destes fondos na Galiza para loitar contra os lumes e sobre as políticas de prevención da Xunta” e tamén se “ten algunha información sobre a avaliación do risco de incendios forestais e a capacidade de xestionalo eficientemente na Galiza”.


“Somos conscientes de que a prevención é clave se queremos evitar o drama dos incendios forestais que arrasan o país cada ano. Canto máis se invista en prevención, menos necesidade vai haber de apagar o lume, pero iso non se está a facer. A pregunta é por que, que intereses hai detrás de que non se invista e non se traballe máis en prevención? É máis forte o grupo de presión de quen se dedica a apagar e por iso os seus intereses prevalecen por riba na Administración pública?”, preguntouse Lídia Senra. “De aí que nós lle preguntamos á CE se realmente está avaliando as medidas preventivas e se cre que o emprego dos fondos nas mesmas é eficaz”, dixo, xa que a Comisión financia nun 75% as medidas de prevención galegas a través do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR). “Calquera medida que pode ter unha incidencia positiva, falo da extinción, cando se ve que non funciona, porque cada vez arde máis, hai que avaliar en que falla e cambiala. O normal é avalialas e reconducir e iso non se está producindo”, insistiu.


“Prevención tamén é manter labregos e labregas vivindo e traballando no medio rural todo o ano, poñerlle fin ao abandono do medio rural, fomentar a introdución de rabaños nos montes, e poñer en marcha outro modelo forestal que remate co monocultivo dos eucaliptos”, defendeu.


Pola súa banda, o presidente de ATRIFOGA, José Ángel García López, denunciou que “a Xunta sempre fala de nós como un reforzo de verán e somos conscientes de que podemos facer moito máis o resto do ano, por iso pedimos unha ampliación de contrato. É lexítimo que queiramos traballar máis tempo e mellor. Non podemos estar só para extinción, podemos estar para prevención. Teriamos moito que facer todo o ano”, dixo. García López criticou que as contradicións da Xunta, xa que mentres o contrato deste tipo de persoal ten unha duración máxima de 3 meses en periodo de alto risco, o periodo de alto risco agora son 4 meses.


Na liña, Sonia Lino García puxo a énfase en que “temos uns contratos que están en fraude de lei, para a Xunta consta que nós traballamos todo o ano e non é así”. “De cobrar 3 meses ao ano non se pode vivir”, dixo. “Temos experiencia suficiente para traballar e ser eficientes, que se conte con nós para facer prevención en lugar de contratar á empresa privada”, avogou. “Os lumes non se apagan no verán, apáganse o resto do ano facendo labores de prevención dos montes”, afirmou David Faria Juncal, que tamén aproveitou para explicar que as axudas que a Administración concede para prevención de incendios están “chegando tarde”. “As obras de prevención deben facerse antes do verán, e o ano pasado as axudas viñeron a partir do mes de setembro, hai que cambiar isto”, zanxou.

Fonte: AGEe