"Ferrol coas Irmandades da Fala"
O Concello celebra o centenario da Irmandades da Fala de Ferrol (1917-2017) cun roteiro todos os sábados de abril para divulgar a memoria da cidade e recuperar a súa autoestima
O Concello de Ferrol anima á cidadanía a participar nesta ruta urbana que comeza este sábado 1 de abril ás 17 horas desde a praza de Amboaxe. Repetirase todos os sábados de abril (1, 8, 15, 22, 29). "Ferrol coas Irmandades da Fala" está deseñado en sete paradas que veñen resumidas nunha pequena publicación realizada para o evento. Trátase, deste xeito, de contribuír desde o concello á celebración dos 100 anos das Irmandades da Fala e pór en valor a cidade e o papel ás veces descoñecido, pero ben importante, que tivo Ferrol no seu nacemento. Foi un 15 de abril de 1917 cando se funda a Irmandade da Fala de Ferrol. O Concello quere converter este abril de 2017 no mes das Irmandades.
No uso do galego latexa a nosa liberdade. Nesta parada inicial reivindícase a primeira vez que se usou a lingua galega de forma íntegra en Ferrol nun acto público. Foi o 11 de Febreiro de 1917 no Salón Amboaxe, un antigo cine situado no colexio dos Mercedarios. Pronunciounas Antón Vilar Ponte. O 15 de Abril dese mesmo ano, logo deste acto, fican constituidas as Irmandades de Ferrol, con Xaime Quintanilla como conselleiro primeiro.
Xaime Quintanilla, irmán da fala. A segunda parada do roteiro reivindica o papel do ex alcalde como principal dinamizador das Irmandades na cidade e fundador da editora Céltiga. Lémbrase, por tanto, a súa casa como punto de encontro da intelectualidade ferrolá, onde mantiña un faladoiro no que participou o propio Carvalho Calero.
Toxos e Froles, fachenda das nosas raíces. Malia que semelle todo dito sobre o coro, cómpre facer fincapé en que é pioneiro como coro do proletariado e na incorporación da muller ao mesmo, no período 1020-1923, durante o que ingresaron cinco mulleres, entre elas a actriz Pilar Suárez.
El Correo Gallego contra o galego. Desde a Rúa Real 181, o director de El Correo Gallego bufaba contra as Irmandades. O xornal chegou a publicar que «defender os intereses galegos era un crime de lesa patria». Coa lingua por bandeira, porén, inaugurouse o primeiro local das Irmandades de Ferrol na rúa Rúal o 13 de decembro de 1917.
En Ferrol naceu a primeira editora en galego. A Irmandade da Fala fundou Céltiga, o primeiro proxecto editorial no noso idioma. Na súa colección apareceron trece títulos que combinaban os autores da cidade con outros de relevancia no ámbito galego como Castelao.
A Capela Sisitina Galega Bello Piñeiro asina o conxunto mural co que se inaugura o Casino de Ferrol (1925). Unha creación de cento cinco metros cadrados ao que se lle chama a Capela Sistina Galega malia ser pouco coñecida para o público en xeral, incluso nestes tempos nos que a pintura mural está a ter un grande protagonismo social e cultural en case todas as grandes vilas e cidades.
Un teatro para facer país. O teatro Jofre convértese no epicentro do teatro galego. É neste escenario onde se estrean as obras máis importantes das Irmandades da Fala, entre elas: Donosiña, de Xaime Quintanilla, que xa en 1920 tentaba rachar tabús abordando o tema do adulterio feminino.
Todos os sábados de abril ás 17.00h
Praza de Amboaxe
Inscricións 698 157 414