Saltar ao contido principal

AGAMME - Presentación do libro "A resposta institucional ante o abuso sexual infantil" : mércores 7 de decembro, 19:30h no Ateneo Ferrolán

Compartimos con vos a invitación que nos envían dende AGAMME para participar o vindeiro mércores 7 de decembro, ás 19:30h, no Ateneo Ferrolán o libro "A resposta institucional ante o abuso sexual infantil"

 
Presentación do libro editado por AGAMME:
"A resposta institucional ante o abuso sexual infantil"





A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) presenta o mércores 7 de decembro ás 19:30 no Ateneo Ferrolán o libro de edición propia A resposta institucional ante o abuso sexual infantil. No acto intervirán membros de AGAMME para expoñer os contidos e orixe da publicación, así como o proceso de realización da mesma.

O texto, cofinanciado polo Parlamento de Galicia, pretende ofrecer unha ferramenta útil para coñecer certos aspectos do abuso sexual infantil que adoitan dificultar a comprensión das vítimas e en consecuencia o tratamento institucional que estas reciben.

A resposta institucional ante o abuso sexual infantil consta dunha recompilación de cinco artigos realizados por persoas de recoñecido prestixio na materia a nivel estatal e internacional: o xuíz arxentino Carlos A. Rozanski, a psicóloga experta en trastorno disociativo Sandra Baita, a psicóloga especializada en vitimoloxía Sonia Vaccaro, o psicólogo experto en mediación familiar Manuel Lopo e a psicóloga do Centro de Información dos Dereitos da Muller do Concello de Vigo, Felisa Balboa.

Tendo en conta que no 80-90% dos casos o abuso se produce no seo da familia, que as únicas testemuñas adoitan ser a vítima e o vitimario e que na inmensa maioría das ocasións non causa lesións que teñan como único diagnóstico o abuso sexual, a proba central para a investigación deste tipo de delitos é o testemuño do neno, nena ou adolescente vítima. Arredor deste asunto xira o libro, observado dende cinco diferentes puntos de vista.

O proxecto enmárcase no traballo realizado por AGAMME dende a súa creación en 2010 para que se recoñeza o verdadeiro impacto e dimensión da problemática (segundo o Consello de Europa 1 de cada 5 menores de idade sofren abuso sexual), para que se sitúe ás vítimas no centro do procedemento e que este se adapte ás súas necesidades e para que o abuso sexual sexa recoñecido como un problema de interese público.

No acto darase a coñecer tamén de que modo se poderá adquirir o libro, información que estará dispoñible na páxina web da entidade e nos seus perfís de facebook e twitter.

Desde AGAMME agradecemos a difusión desta información.

Se desexan máis información ou desexan entrevistar a algunha das persoas promotoras da publicación poden solicitalo no teléfono 636142012.

http://agamme.org/