Saltar ao contido principal

Homenaxe póstumo a Marcos Ana

A semana pasada chegaban a Fuco Buxán as tristes novas da morte de Marcos Ana, poeta, militante do Partido Comunista, e o represaliado pola ditadura franquista que máis anos botou en prisión.



Como homenaxe póstuma, decidimos poñer á vosa disposición unha serie de material que consideramos interesante, e que encabezamos co texto do artigo que lle adicaba Xesús Alonso Montero e que era publicado o pasado día 26 en La Voz de Galicia:


Marcos Ana: a modo de epitafio
Xesús Alonso Montero

Tamén nos epitafios, ás veces, figuran uns cantos trazos biográficos. Lembro, neste momento, tan triste para min, o epitafio, no cemiterio de Mondoñedo, de Manuel Leiras Pulpeiro. Na súa campa, estes indispensables datos: «Médico e poeta (1854-1912)». E a continuación, o diamante destas palabras: «Amou a verdade e practicou o ben». Son as palabras que me gustaría pronunciar hoxe, ás cinco da tarde, en Madrid, ante o féretro de Marcos Ana: de Marcos Ana o amigo, o camarada, o compañeiro seguro, o humanista, o poeta.

Chamábase Fernando Macarro Castillo, pero na cadea adoptou o nome de Marcos Ana (homenaxe ao pai e á nai) para asinar os versos que saían, clandestinos, da prisión e facer saber ao mundo que alí, nas mazmorras franquistas, durante vinte e tres anos (1939-1962) penou un cidadán comprometido radicalmente co ben común, coa xente do común, que iso -e non outra cousa- é o comunismo.

Os poemas naceron das duras experiencias carcerarias en tempos tan sórdidos e duros, pero eses versos son poesía porque o autor -que non fixera o bacharelato- tiña o don da palabra poética. Sábeno ben os críticos, comunistas ou non, que recitan versos tan prodixiosos como o final de Mi corazón es patio:

«Un patio donde gira / un corazón clavado; / mi corazón, desnudo, / mi corazón, que tiene / la forma gris de un patio, / un patio donde giran / los hombres sin descanso».

Naceu Marcos Ana en 1920, en Alconada, unha pequena aldea da provincia de Salamanca, e pasou os anos da infancia e da adolescencia en Alcalá de Henares, patria do Arcipreste de Hita, de Cervantes e de Manuel Azaña, tres escritores, tres espíritos grandes que hoxe chorarán a morte do noso poeta.

Coñecín a Marcos Ana en Moscova, no verán de 1962, nun Congreso da Paz. Levaba fóra dos muros da prisión sete meses e lembro que miraba case sen ver: aínda non se afixera aos espazos abertos, ás prazas redondas, ás rúas longas. Aínda vivía, case cos ollos pechados, nun patio estreito, no patio dunha prisión.

Marcos Ana, xa fóra, foi un exemplo de solidariedade cunha voz limpa que anunciaba alboradas sen lóstregos nin sequera nubes. Este home, este poeta, escribía, desde a prisión de Burgos, en 1961: «Decidme cómo es un árbol». E continuaba: «Hablo, por hablar, de asuntos / que los años me borraron… / No puedo seguir, escucho / los pasos del funcionario».

Que a terra che sexa leve, Marcos, na compaña dos xustos e dos desherdados, os teus verdadeiros compañeiros.



 A continuación tedes unha reseña con máis material interesante sobre a súa figura que foi publicado estes días, e que en parte compartiremos no noso blog de escolma de opinións "Pensamento Crítico", e que vos convidamos a visitar:


NuevaTribuna.es - "Los pueblos que no conocen su historia están condenados a repetirla" (Entrevista)

NuevaTribuna.es - A mi amigo, Marcos Ana / Javier Balboa

NuevaTribuna.es - Marcos Ana y nuestra triste realidad histórica / Pedro Luis Angosto

LaRioja.com - "Carta urgente a la juventud del mundo", un poema de Marcos Ana