Saltar ao contido principal

Comunicado do Sindicato de Estudantes chamando a mobilizarse o 24 de novembro

Compartimos o comunicado que nos chega dende o Sindicato de Estudantes, no que se fai un chamamento a mobilizarse o vindeiro 24 de novembro contra a LOMCE e as reválidas:









Carta aberta do Sindicato de Estudantes

ÁS NAIS E PAIS, ÁS ANPAS E Á FEDERACIÓN DE ANPAS DE FERROLTERRA

Os anos de goberno do PP están sendo un auténtico pesadelo para o ensino público. Recortes nos orzamentos, despedimento de milleiros de profesores, leis reaccionarias (LOMCE) e medidas regresivas. O último exemplo témolo coas reválidas, aprobadas por un decreto do goberno en funcións de Rajoy a finais de xullo; ata nas formas se parecen ó franquismo.

Pero estes anos tamén viron unha intensa mobilización da comunidade educativa en defensa dun ensino público de calidade. De feito, esa mobilización conseguiu acabar cun ministro odioso como Wert.

A última proba da utilidade da mobilización vímola o 26 de outubro, na folga estudantil en Secundaria e a folga de pais e nais en todos os niveis educativos convocadas a nivel estatal polo Sindicato de Estudantes e pola CEAPA (a confederación estatal de ANPAS) respectivamente. Ese día, centos de milleiros de estudantes e traballadores manifestámonos contra as políticas do PP para demoler o ensino público. A resposta foi tan masiva, que o goberno empezou a manobrar ó día seguinte, co anuncio por parte de Rajoy, durante o seu discurso de investidura no Congreso dos Deputados, de que este curso as reválidas non terían efectos académicos (o que en realidade non era ningunha novidade, posto que xa estaba contemplado así no decreto de xullo). Desde ese día, o PP lanza mensaxes de que estaría disposto a suprimir definitivamente os efectos académicos das reválidas, pero mantendo estas.

Nesta situación, queremos compartir con todas e todos vós unha reflexión: non acabamos de entender por que o 26 de outubro a Federación de ANPAS de Ferrolterra non se sumou á folga de pais e nais. Cremos sinceramente que foi un erro.

E cremos que foi un erro, en primeiro lugar, porque moitos pais e nais estaban a favor desa folga, e de feito fixérona, como demostrou a súa presenza acompañados polo seus fillos de Primaria na manifestación do Sindicato de Estudantes celebrada na mañá do 26 en Ferrol. E en segundo lugar, porque restar masividade ás manifestacións ese día só podía ter un beneficiario: o goberno do PP.

O PP está tratando de desactivar a mobilización. Pero como o propio Rajoy dixo na sesión de investidura, está disposto a aprazar a posta en marcha das súas políticas, pero non a cambialas. Ó Sindicato de Estudantes non lle chega unha moratoria. Esiximos a total anulación das reválidas e a derrogación da LOMCE, esiximos un ensino público de calidade.

Para conseguir estes obxectivos, a mobilización debe continuar. Por iso, o Sindicato de Estudantes convoca de novo folga en Secundaria (entre 3º da ESO e 2º de Bacharelato) para o xoves 24 de novembro. E neste senso vai o noso chamamento.

O Sindicato de Estudantes chámavos a que en tódolos colexios e institutos de Ferrolterra debatades a convocatoria dunha folga de nais e pais o 24 de novembro e a celebración dunha manifiestación unitaria en Ferrol do Sindicato de Estudantes e a Federación comarcal de ANPAS. 


Isto non só sería importante para contrarrestar as manobras desmobilizadoras do PP e aumentar a presión sobre o goberno. O ensino público universal e de calidade foi unha conquista do movemento obreiro para garantir que os nenos e nenas de clase traballadora, que somos a gran maioría, tivésemos un futuro mellor. O PP quere arrebatarnos ese futuro e converternos en carne de explotación para empresarios sen escrúpulos. Por iso, desde o Sindicato de Estudantes pensamos que unha folga de estudantes e ANPAS o 24 de novembro tamén permitiría que fixésemos un chamamento conxunto ó movemento obreiro para que os traballadores se sumen á nosa manifestación, empezando polas federacións de Ensino dos sindicatos de clase e continuando por Navantia e outras empresas, como xa ten acontecido nalgunha ocasión. Porque é moito o que está en xogo. Nin máis nin menos que o futuro das novas xeracións e, con elas, o futuro de toda a sociedade.