Compartimos esta invitación da Casa-Museo Manuel María para o sábado 22 de outubro:
Prezadas/os amigas/os,
Este sábado 22 de outubro o Centro Ágora da Coruña (Lugar da Agramela, 17 -por tras da piscina e do IES da Agra do Orzán) acollerá a representación da peza teatral de Manuel María "Abril de lume e ferro", que correrá a cargo da Asociación de Cultura e Teatro Abril de Lume e Ferro de Carral, o grupo de teatro amador que a vén representando ininterrompidamente desde 1996. A entrada será libre até completar o aforo dispoñíbel do espazo.
Abril de lume e ferro foi escrita por Manuel María en 1974 –non viu a luz até a edición realizada polo Concello de Carral en 1989- e recrea os acontecementos que supuxeron o levantamento liberal e galego de 1846 que remataron co fusilamento das persoas sublevadas, os Mártires de Carral. A peza constitúe unha destacada achega á escena galega e fai parte destacábel da produción teatral de Manuel María, que se inicia en 1956 como creador teatral.
Manuel María, que era consciente do alto valor didáctico do teatro e da súa capacidade de intervención, escribiu ao longo da súa vida 36 obras de moi distinto formato (farsas, autos, obras infantís...) e temáticas moi diferentes. Destaca no seu corpus teatral a ficcionalización dramática de acontecementos e procesos fundamentais na historia de Galiza, sempre coa vontade de recuperación da memoria e da creación de consciencia. A esa tendencia é que se adscribe Abril de lume e ferro.
Agardamos podervos saudar persoalmente o sábado na Coruña.

Recibide un moi cordial saúdo
Casa-Museo Manuel María
Casa-Museo Manuel María
Rúa F, nº 2 (Casa de Hortas)
27250 - Outeiro de Rei da Terra Chá (Galiza)
Teléfono: 698 177 621