Saltar ao contido principal

Presentación das VI Xornadas "Memoria dun tempo" o martes 16 de agosto, as 20:30h no Ateneo Ferrolán

Difundimos o seguinte anuncio que nos chega dende a Asociación Nordés dun acto sobre Memoria Histórica que organizan este martes 16 de agosto, ás 20:30, no Ateneo Ferrolán:

Dende a asociación Nordés informamos do acto que temos organizado para o próximo martes 16 de agosto na cidade de Ferrol.

Lembrámoslles que Nordés é unha asociación que ten o seu ámbito territorial nos concellos de Mañón, O Vicedo e Ortigueira, adicándose á posta en valor do patrimonio arqueolóxico, artístico, natural e etnográfico da bisbarra, actuándo tamén como dinamizador cultural, económico e social, pois realiza actividades en diversos campos como por exemplo participando no Proxecto Ríos, realizando xornadas arredor dos productos do mar (algas, ourizos), presentacións de libros e revistas, charlas informativas sobre as pragas no agro (vespa velutina, etc), e tamén facendo un traballo de recuperación da memoria histórica nun sentido amplo, e que vai más aló do período da II República e a Guerra Civil.

Neste sentido, e dende o ano 2011, Nordés organiza as xornadas "Memoria dun tempo", das cales este ano cúmprese a 6ª edición, tendo previsto a súa celebración os días 25, 26 e 27 de agosto no pobo do Barqueiro, concello de Mañón.

Para darlle unha maior difusión a este evento, e coa ollada posta en manter acesa a lapa do coñecemento da nosa Historia dos últimos cen anos, é para o que Nordés organiza unha presentación das súas xornadas en Ferrol co gallo do 80 aniversario do golpe militar, por ter esta cidade gran importancia no triunfo do mesmo en Galiza, así como no desenvolvemento posterior do conflicto.

É por iso que o devandito martes 16 de agosto a partires das 20.30 horas no Ateneo Ferrolán, Rúa Magdalena 202-204, terá lugar unha Cita coa Historia co seguinte programa:



  1. Presentación dos actos das VI Xornadas "Memoria dun tempo"

  2. Reposición do documental "Ferrol 1936" de Jorge Gil

  3. Mesa redonda "O papel de Ferrol na Guerra Civil" cos seguintes convidados:

    Bernardo Maiz, historiador ferrolán. Autor de libros coma: "Resistencia, guerrilla e represión. Causas e Consello de Guerra, Ferrol 1934-1955" ou "Castelo de San Felipe: cárcere e morte"

    Rafael A. Permuy, historiador militar tamén de Ferrol, cunha extensa bibliografía adicada a temas militares da Guerra Civil entre a que destaca “Historias de Ferrol en Guerra (1936-1939)” feito en colabouración con Lucas Molina Franco.

    Eliseo Fernández, (Ferrol 1967) historiador cunha prolífica obra centrada principalmente na investigación do anarquismo e anarcosindicalismo galego, así como no movemento obreiro e a represión sobre o mesmo. Exercerá de moderador no debate.


Non temos dúbida de que o programa exposto será do interese de moitas persoas de Ferrol e bisbarra, polo que agradeceríamos nos axudaran na súa difusión.





Moitas grazas

Nordés. Asociación polo desenvolvemento das Terras da Faladora