Presentación do poemario “Atravesar o Fantasma” de Carlos Callón e posterior Mesa – Debate “Vivir en Galego” [Compromiso coa Lingua]
Dende a xunta directiva da A. C. Fuco Buxán informamos do vindeiro acto que a nosa asociación organiza dentro do Ciclo [Democracia e Compromiso]:
Presentación do poemario “Atravesar o Fantasma” de Carlos Callón e posterior Mesa – Debate “Vivir en Galego” [Compromiso coa Lingua] coa presenza dos poñentes Carlos Callón, Xurxo Souto e Xosé M. Dobarro e coa participación do músico Roger de Flor, o mércores 18 de maio ás 19:30 horas no Centro Cultural Carvalho Calero na praza do Inferniño (Ferrol).
Carlos Manuel Callón Torres: Escritor e político, licenciado en filoloxías galega e portuguesa pola universidade de Santiago de Compostela. Exerce como profesor de lingua e literatura galega e lingua portuguesa. Xosé María Dobarro Paz: Catedrático de lingua e literatura galega, investigador da literatura galega. Xurxo Souto: Músico, escritor, licenciado en filoloxía clásica. Roger de Flor: Músico, cantautor ferrolán.
Ciclo [Democracia e Compromiso]:
“Chamamento a Prol da Lingua”
Dende a nosa A. C. Fuco Buxán facemos un chamamento a toda a cidadanía e tecido asociativo a participar no Debate "Vivir en Galego" [Compromiso coa Lingua]. Un debate necesario en Ferrolterra para poñer en valor a necesidade de traballar todos e todas a prol da nosa lingua. Consideramos que é necesario traballar en positivo para recuperar a nosa fala en todos os ámbitos da vida. Consideramos que é necesario un paso adiante de toda a cidadanía e tecido asociativo de Ferrolterra para implicarse no labor do [Compromiso coa Lingua]. Consideramos que é necesario o atrevemento dos e das neofalantes, así como, da normalización e da aceptación na sociedade a todo aquel o aquela que decida trocar a súa fala do castelán ao galego, o respecto aos neofalantes. É unha sorte aprender unha palabra nova cada día, é unha sorte poder mellorarse nunha fala e teimar para lograr dominala, e é necesario poñerlle a atención que merece por ser a Lingua Nai, a lingua do noso lugar de orixe. Non se lle debe dar as costas a nosa lingua, nin a nosa cultura, nin a nosa tradición; pois estas son únicas e non deben ser substituídas por outras, senón, como mínimo, deberan ter as mesmas atencións e oportunidades, deberan ter o coidado que merecen e precisan.
Porén; precisamos unidade; o galego precisa do apoio vital dos centros de ensino, dos docentes e do alumnado en xeral, o galego precisa da axuda dos pais e nais para implicar na nosa lingua aos seus fillos e fillas. O galego precisa ineludiblemente da unidade de todo o tecido asociativo e do seu compromiso coa nosa fala. O galego precisa o apoio dos nosos maiores -que inda a ter prohibida a nosa fala nos seus tempos teimaran por conservala-, é precisa a implicación da xuventude.
Demandamos o [Compromiso coa Lingua] dos Medios de Comunicación de Ferrolterra, convídaselles, ofréceselles unha boa oportunidade para implicarse na posta en valor da nosa Lingua uníndose a este chamamento divulgando o mesmo nos seus medios, enviando reporteiros a cubrir o evento e amplificándoo xustamente para darlle a nosa Lingua a cobertura que merece.
Dende a nosa A. C. Fuco Buxán facemos un chamamento xeral á Mesa - Debate "Vivir en Galego" [Compromiso coa Lingua] para tentar acadar un Decálogo de motivacións para Vivir en Galego, para motivar a toda a cidadanía de Ferrolterra a un necesario Compromiso coa Lingua, pois "Vivir en Galego é Posible".
A Xunta Directiva da Asociación Cultural Fuco Buxán
Podes descargar e difundir o presente documento nesta ligazón: https://www.dropbox.com/s/rjsjbjfqynaqbwi/CHAMAMENTO%20A%20PROL%20DA%20LINGUA.pdf?dl=0
Presentación do poemario “Atravesar o Fantasma” de Carlos Callón e posterior Mesa – Debate “Vivir en Galego” [Compromiso coa Lingua] coa presenza dos poñentes Carlos Callón, Xurxo Souto e Xosé María Dobarro Paz, e coa colaboración de Roger de Flor, o mércores 18 de maio ás 19:30 horas no Centro Cultural Carvalho Calero na praza do Inferniño (Ferrol). Esperámoste! Grazas por colaborar con nós!
A.C. Fuco Buxán, Rúa Armada Española 32 baixo, 15406-Ferrol. Apartado de Correos 240 – Ferrol 15400 // Teléfono: 981325492 – 633100354 // Web: www.fucobuxan.net // www.fucobuxan.com // Email: fucobuxan@gmail.com // Twitter: @FucoBuxán // Facebook: FucoBuxan.