Saltar ao contido principal

Ferrol adicará unha ampla retrospectiva artística a Xaime Quessada no CTB este outubro

Completarase cunha guía didáctica para os centros educativos do municipio. O Ano Quessada do Concello de Ferrol ten unha nova parada este venres 13, cunha mesa redonda sobre o artista que conta con Vicente Areces e Darío Villanueva entre os ponentes

Ferrol, 10 maio.- Ao longo deste ano 2016, e por acordo entre a Fundación Xaime Quesada, a Asociación Cultural Fuco Buxán e o apoio e o impulso decidido da Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, vanse celebrar unha chea de actividades que darán paso, no outono, a unha ampla retrospectiva da obra artística de Xaime Quessada, que debe a doble 'S' do seu apelido a súa admiración por Pablo Picasso.

O Ano Quessada do Concello de Ferrol comenzaba o pasado 2 de marzo coa apertura ao público da montaxe no Auditorio de Caranza de dous inmensos murais de Xaime Quessada Porto (Ourense 1937-2007), un dos artistas plásticos galegos con mais proxección internacional. Desde entón, locen nas paredes do recibidor e no primeiro andar deste contedor cultural da cidade, logo de moitos anos ocultos e mesmo desterrados, como parte do patrimonio artístico municipal para o desfrute colectivo. Mesmo xa se celebraron dúas xornadas de iniciación ao debuxo e a plástica del balde para nenos de 3 a 12 anos dentro da programación dos Sábados Miúdos do Concello de Ferrol.

A seguinte parada, explicou hoxe o concelleiro de Educación e Cultura de Ferrol, Suso Basterrechea, é unha mesa redonda este venres 13 as 20:00 horas no Centro Cultural Torrente Ballester sobre a figura de Quessada que afonde nos distintos aspectos do artista: a súa personalidade artística e cultura, a súa ligazón sociopolítica e os vínculos literarios. Neste acto do venres 13 participan, como poñentes, Vicente Álvarez Areces, expresidente do Principado de Asturias, quen lembrará o compromiso político e social de Quessada no contexto da cidade; Darío Villanueva, director da Real Academia Española, e José Gómez Alén, experto na figura do artista plástico.

Basterrechea presentaba o programa deste acto hoxe a mediodía nunha rolda de prensa na que participaba Paula Serrano, a secretaria da Fundación Quessada, con epicentro na cidade de Ourense, e Rafael Pillado, en representación da entidade sociocultural Fuco Buxán de Ferrol.



Quessada, tal e como rememorou hoxe o concelleiro, mantivo un vínculo moi íntimo ao longo da súa vida coa cidade de Ferrol polo seu compromiso na defensa das liberdades democráticas e co movemento obreiro. Neste camiño de loita e compromiso, asinou dúas das súas obras de maior formato: 'Alegoría pola paz' (1981), e 'Mural no que se manifestan os conceptos da vida e morte (2002), que se exhiben nas paredes do Auditorio de Ferrol.

O primeiro foi pintado por encargo do PCG en pleno debate social pola entrada de España na OTAN para pronunciarse en contra da Alianza Atlántica. O segundo, feito por encarga do Comité Cidadán de Emerxencia da ría contra a localización da planta de gas en Mugardos, pintouno en tres días e tres noites na Praza de Armas.


ANO 2016: RETROSPECTIVA XAIME QUESSADA NO CTB
O concelleiro de Cultura e Educación, Suso Basterrechea, adiantou que na programación cultural do municipio para este outono 2016 figura o compromiso de facer unha retrospectiva da obra do artista de Ourense que se exhibirá no centro cultural Torrente Ballester (CTB), no derradeiro trimestre deste ano 2016, -de outubro ao 15 de xaneiro- que se lle adica a Quessada.
De forma complementaria, o Concello impulsará a edición dunha guía didáctica para a difusión do traballo de Quessada entre os centros educativos, para completar a mostra. Basterrechea anunciou que se buscará o respaldo do pleno, para lembranza da figura de Quessada, a colocación dunha placa conmemorativa no barrio de Caranza, ademais de iniciar os trámites para solicitar a declaración de Fillo Adoptivo.
A Fundación Quessada, pola súa banda, fixo unha achega de 25 volúmenes de gran calidade as bibliotecas e centros públicos da cidade.

Datos técnicos das obras expostas no Auditorio:

  • Xaime Quessada, Mural no que se manifestan os conceptos da vida e morte (2002). Pintura. Mural sobre táboa. (S/M_ 244,5cm x 1661 cm) Pintado sobre taboleiros de aglomerado de 244,5 cm x 122cm, consta de trece taboleiros completos e un de 244,5 cm x 75 cm.

  • Xaime Quessada, Alegoría por la paz (1981). Pintura. Mural sobre táboa. (S/M_ 367cm x 1465 cm) Pintado sobre taboleiros de aglomerado de 367 cm x 183cm, consta de oito taboleiros.