Saltar ao contido principal

Comunicado do CCE sobre a sentenza do TS sobre REGANOSA

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, reunido no día de hoxe para facer unha valoración da recente Sentencia do Tribunal Supremo sobre Reganosa, acordou emitir o Comunicado que engadimos.

Asemade acordou a celebración dunha Roda de Prensa, coa participación de Dona Patricia Gabeiras, Avogada do CCE, para analizar con detalle a situación actual e comunicar a posición do Comité tras esta Sentencia.

A Rolda de Prensa está convocada para o mércores, 13 de abril, ás 18:00 horas, no salón do Ateneo Ferrolán.

Moitas grazas pola difusión!
Comunicado
Segunda sentencia en firme do Supremo contra Reganosa. Un paso importante na defensa da legalidade, a Ría e a vida das persoas da súa contorna.

1º.- O Tribunal Supremo en sentencia firme, ven de anular a Autorización Administrativa Previa concedida pola Dirección de Política Enerxética e Minas (Goberno Central) o 3 de xuño de 2002 para planta de gas de Reganosa, por carecer do deseño urbanístico axeitado.

Xa en maio de 2012 o Supremo, en sentencia firme, anulaba a modificación do plan xeral que serviu de base para concesión de construción da planta de gas de Reganosa

2º Van transcorridos 12 anos dende que o Tribunal Superior de Galicia determinara nunha primeira sentencia (23-xuño-2004), a ilegalidade da planta por carecer da Declaración de Impacto Ambiental.

3º Esta nova sentenza do Supremo amosa o asalto á legalidade perpetrado polos promotores de Reganosa para impor a relocalizacion da planta de gas no interior da nosa Ria. Un proceso só posible pola implicación tanto do Goberno Central (Aznar), como da Xunta de Galicia(Fraga), lembramos a inclusión da Xunta no acionariado de Reganosa, e o convenio coas cláusulas de confidencialidade asinado polo Grupo Tojeiro e o entón presidente Fraga, en xullo do 2000, no que se recolle o compromiso da Xunta coa súa localización, e a resolución dos “problemas de viabilidade económica ou administrativa” que tivese Reganosa. 

A planta de gas que tiña prevista a súa construción no Porto exterior, relocalizouse no interior da Ria, soamente para favorecer unha operación especulativa a prol do Grupo Tojeiro, que lle reportou aproximadamente 30 millóns de euros.

4º Cumpre desmentir as afirmacións de Reganosa de que a sentenza confirma que “en cuestións de seguridade e medio ambiente” a compañía procedeu correctamente. O que a actual sentenza di exactamente é que “non cabe admitir o recurso de casación respecto do manifestado na sentenza que se recorre, do 12 novembro de 2012, ao non achegar ningunha argumentación adicional”. Se revisamos o contido da sentenza de 2012, orixe deste recurso agora resolto, atopamos que a sentenza só se apoia no informe da Consellería de Industria de novembro de 2001 (socio da propia Reganosa). Nel, lonxe de confirmar a adecuación do proxecto á normativa en canto a requisitos de seguridade, condiciona o cumprimento presente, a futuros cumprimentos. A frase utilizada é: “o emprazamento é adecuado a condición de que durante a construción, posta en marcha e explotación da mesma, se sigan as disposicións e medidas correctoras que nos aspectos de seguridade e impacto ambiental cada fase do proxecto esixa”. Estes “cumprimentos condicionados ao futuro” é factor común en case todos os informes supostamente favorables, elaborados polas administracións implicadas e que serviron para ir sorteando obstáculos no procedemento de autorización. 

5º Tampouco di a verdade Reganosa cando afirma que está sometida ao control da administración europea en materia de seguridade, xa que as institucións europeas limítanse a preguntar ao estado español se a tramitación seguiu as canles previstas, pero sen analizar o fondo de cada cuestión sobre os incumprimentos que desde o Comité Cidadán vimos denunciando desde o ano 2001, coas alegacións ao proxecto básico.

5º A planta de gas de Reganosa, é unha instalación perigosa, cunha enerxía equivalente a 1800 Kilotons (equivalente a 120 bombas atómicas como a de Hirosima); localizada a escasos 100m do núcleo urbano de Mehá; a 800m do arsenal militar; a carón do complexo petroquímico de Forestal; e, conxuntamente cos gaseiros cargados con GNL que entran nunha Ria pechada, incumpre toda a lexislación medioambiental e de seguridade industrial, constituíndo unha ameaza para a vida da poboación de Ferrolterra.

Ademais a Planta de gas de Reganosa é deficitaria, pagámola os cidadans e cidadás, e a maiores, é un factor da destrución medioambiental da Ria, ao arrefriar e esterilizar un inxente volume de auga de mar, que non estaba no proxecto inicialmente aprobado.

Reganosa e a Xunta de Galicia empéñanse en pretender presentar como algo útil unha planta innecesaria. Para iso están a promover fornecer gas natural á planta de Alcoa mediante máis de 800 camións cisterna anuais. O razoable sería promover a construción dun gasoduto co que a calquera planta de España o gasoduto do Magreb podería fornecer o gas que necesitase no futuro, aumentando a garantía da subministración, en lugar de convertelo en cliente cautivo da planta de Mugardos. Ademais, a solución proposta leva a incrementar o tráfico de mercadorías perigosas por estrada (máis de 2,4 camións cisterna diarios) e o consecuente deterioro.

6º A Planta de Reganosa é incompatíbel co medio da nosa Ria. O Tribunal Supremo ven de sentenciar tamén a ilegalidade da planta de gas asturiana do Musel, polo incumprimento das distancias mínimas de 2000m aos núcleos de poboación, esixidas polo RAMINP, sendo no caso de Reganosa esas distancias aos núcleos de poboación máis pequenas.

7º Tendo en conta que esta sentenza anula a autorización administración previa, que serviu de fundamento para as autorizacións posteriores da instalación, o razoable sería paralizar inmediatamente a actividade e promover o seu desmantelamento.

Lamentamos que a pesares das sentencias do Supremo, continúe a actividade da planta de Reganosa, un caso flagrante da corrupción político- financeira, que só se explica pola implicación dos diferentes gobernos da Xunta dende 1999. Todos estes feitos nunca acadaron a consideración da fiscalia a pesar das denuncias do Comité.

O CCE esixe o cese da actividade desta instalación e que se permita a entrada do gas a través de gasoduto, tal como viña sucedendo antes de 2007.

Ferrolterra, a 5 de abril de 2016

Segunda sentencia en firme do Supremo contra Reganosa.

Un paso importante na defensa da legalidade, a Ría e a vida das persoas da súa contorna.

¡PLANTA DE GAS: PECHE XÁ!

Visita a nosa web:  www.comitecidadan.org
Tamén en Twitter :  @ComitCEmerxenc

Comité Cidadán de Emerxencia
para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
...........
Para axudas económicas:
C.c. en Banco Santander,  titular: Luz Marina Torrente e outros
Desde España:
00493315772894017995
Desde o Extranxeiro:
ES 71 00493315772894017995