Saltar ao contido principal

21 PROPOSTAS PARA O ANO MANUEL MARÍA

21 PROPOSTAS PARA  O ANO  MANUEL MARÍA   
(Para concellos, colexios, bibliotecas, asociacións culturais, veciñais, profesionais, librarías...)

Desde a Casa-Museo Manuel María desexamos, antes que ningunha outra cousa, para a celebración do Ano Manuel María 2016 que o pobo galego lea e coñeza a súa obra. Nese sentido estamos a facer un grande esforzo na publicación e difusión dos seus títulos máis emblemáticos (podedes ver o catálogo nesta ligazón):

http://www.casamuseomanuelmaria.gal/ upload/outros/letras-galegas-manuel-maria.pdf

Agora achegámosvos unha serie de propostas tendentes a promover a lectura das obras do escritor polos diferentes públicos e tamén a facer unha serie de actividades moi participativas arredor de ditas obras. Estas poden ser realizadas por todo tipo de entidades, quer públicas quer privadas: concellos, colexios, bibliotecas, asociacións culturais, veciñais, profesionais, librarías...

Con estas proposta de ningunha maneira queremos substituír a iniciativa nin coartar a actuación desas institucións, senón respondermos ás numerosas peticións que temos recibido neste sentido e ofrecer diferentes posibilidades que poidan enriquecer o que xa tedes previsto.

Galiza somos nós:
a xente e mais a fala. Si buscas a Galiza en ti tes que atopala!

Os soños na gaiola (1968)

Tiña que ser precisamente eu: a voz máis feble e cativa
que deu o noso pobo,
a menos autorizada e harmoniosa a que clame na tebra,
no deserto,
no ermo e no baleiro.

Sobor desta terra vella, raigaña de onde vimos dende a orixe do tempo, lembro a historia dos meus que sucumbiron ao ferro dos conqueridores,
ás razóns dos poderosos, á avaricia dos máis fortes.

Aldraxe contra a xistra (1973)

1. CONCURSO ESCOLAR DE RECITADO POÉTICO
Voz do pobo. Voz túa e miña. Voz de ninguén e voz de todos.

Destinatarios:
O público escolar, considerando catro categorías:
1.    Educación infantil e 1º e 2º de primaria
2.    Cursos 3º, 4º, 5º e 6º de primaria
3.    Educación secundaria
4.    Bacharelato

Descrición:
Co obxectivo de potenciar a expresión oral e a creatividade dos/as escolares e o coñecemento da obra de Manuel María, realizarase un concurso de recitado dos seus poemas contemplando catro categorías.
Poderá ter dúas fases: unha primeira nos centros educativos da que sairán os/as finalistas para a segunda que se poderá realizar a nivel de concello.

Unha data referencial para a 1ª fase pode ser o aniversario de Rosalía (o 24 de febreiro) e para a 2ª por volta do 21 de marzo, Día da Poesía.

*Nota:
A Casa-Museo pode achegarvos un modelo de bases que son as do concurso “Rosalía sempre viva”, que realizamos nós e no que tamén vos convidamos a participar.

2.    EXPOSICIÓNS:
Destinatarios:
Os centros de ensino de cada concello.

Descrición:
Cada centro de ensino participante porá a disposición do  seu alumnado distintos textos de Manuel María para que os ilustre en formato grande. Cada aula (ou curso) construirá con este
material o seu libro, que se exporá conxuntamente cos demais nunha instalación apropiada (Casa da Cultura, biblioteca, Casa do Concello...) para ser visitada polo alumnado e as familias de todo o concello.

A exposición pode completarse con libros, murais, recordos escolares (por exemplo, se algunha
vez estivo Manuel María no teu centro ou o alumado fixo algunha actividade sobre el en anos anteriores...a inauguración da biblioteca, outras celebracións...)

*Nota:
A Casa-Museo Manuel María poderá achegarvos a ilustración dalgún poema do escritor en formato grande para  axudar a ambientar o espazo da exposición. Tamén vos poderemos achegar distintas portadas das obras de Manuel María.

3.    O SILENCIO RÓMPESE… COMO UN LAGO
Destinatarios:
Todo os clientes, visitantes.. de distintos establecementos: cafetarías, bares, panadarías, tendas, peixarías, carnizarías...

Descrición:
Presenza de poemas e realización de actividades lectoras en lugares non habituais, procurando a difusión da obra do escritor entre os máis diversos públicos.

Para iso podemos promover distintas accións:
•    Pendurar un poema(s) de Manuel María en bares, panadarías, peixarías, carnizarías... que faga referencia á actividade que se desenvolve nese espazo: o viño, o pan, o peixe, os animais... Ademais, reproducirase ese mesmo poema (ou outro) para que a clientela poida levalo.
•    Realización de cafés literarios: conversas, encontros… no café.
•    Recitado de poemas  na taberna, no bar...

*Nota:
A Casa-Museo poderá achegarvos algúns exemplos de deseño para os poemas pendurados.

Este é o trigo candeal: dereito, lanzal.
É como o ouro: douradiño.
Que ledicia terá o muíño ó muiñar!
Haino que amasar, tendelo
e cocelo.
Despois de o enfornar,
Deus, a este pan, ha de baixar!

4.    OS SOÑOS NA GAIOLA
Destinatarios: Toda a veciñanza.

Descrición:
Achegamos libros a toda a veciñanza para que os poida ler e devolvelos cando quixer. Buscando
promover o amor á lectura, adaptaremos espazos moi pequenos feitos por nós mesmos/as: unha gaiola, unha casetiña,… Non se trata de deixar libros para que os colla quen pasar por alí, non.
Debemos escoller con mimo a “libraría” e a localización, así como os libros, que deben ser os favoritos de quen fai a escolla…


5.    “QUEDADA” LITERARIA
Destinatarios:
Con vocación de convocar a toda a veciñanza.

Descrición:
Farase un chamado a toda a poboación para unha lectura ininterrompida da obra de Manuel María nun tempo non curto, que pode ter o plus da nocturnidade (de 9 a 12 da noite) ou nunha hora máis habitual e durante máis tempo (o horario da biblioteca un sábado, desde que abre até que pecha): as persoas van intercambiando o seu papel entre público e lector/a. É moi importante que esta convocatoria sexa moi masiva; pode ser o inicio de algo que irá medrando, que comeza con Manuel María e seguirá con outros autores e autoras.


6.    NON HAI CANTO TAN FERMOSO: FINO COMO UN ASUBÍO

Destinatarios: Todos os públicos.

Descrición:
Manuel María é un dos autores galegos máis musicados: Fuxan os Ventos, Suso Vaamonde, A Quenlla, María Manuela, Miro Casabella, Milladoiro, Uxía, Xabier Díaz, Pirilampo… Pode ser unha actividade ben interesante a programación dun concerto dalgún dos grupos
profesionais que presentan traballos sobre Manuel María. Mais tamén é importante non esquecer que na nosa proximidade tamén adoita haber persoas con formación e talento para a interpretación musical que convén potenciar e estimular.

Temos, ademais, a grandísima vantaxe de que é moi fácil atopar música de todos os estilos feita sobre poemas de Manuel María, da que sempre se poderá realizar unha nova versión.
Aproveitando todas estas posibilidades podemos organizar diferentes actividades:
•    Concerto do alumnado que asista ao Conservatorio, Escola de Música...
•    Velada musical con alumnado, logo dun proceso de aprendizaxe nos centros de ensino, da poesía infantil de Os soños na gaiola ou As rúas do vento ceibe .
•    Grupos de música tradicional que interpreten pezas de Manuel María..
•    Grupo coral de adultos/as.
•    Grupo/s de pandereiteir@s e gaiteir@s.

7.    CANTOS CONTOS CONTAS TI?
Destinatarios:
Alumnado dos centros de ensino e público en xeral.

Descrición:
Para mellorar o uso oral do galego e contribuír a que o noso idioma se converta en instrumento normal de comunicación e creación de historias realizaranse sesións de contacontos baseadas nos textos narrativos de Manuel María.

O alguacil que había no Concello era Manuel de Paderna. Paderna fixo agromar un regato, inventaba versos, falaba cos paxaros, coñecía as propiedades curativas das herbas, sabíase guiar polas estrelas, pola Lúa, e polo Sol e nunca usaba reloxo. Ollando para o ceo xa sabía que hora era.

(A tribo ten catro ríos)

8.    UN AGASALLO PARA MANUEL MARÍA: REALIZACIÓN DE VIDEOPOEMAS.

Destinatarios:
Alumnado dos centros de ensino do concello.

Descrición:
Trátase de crear videopoemas mediante imaxes, sons e palabras que interactúan entre si para  crear algo novo. Aproveitando o interese da mocidade polo mundo audiovisual e co obxectivo de propiciar un diálogo íntimo coa poesía que permita transmitir e crear unha mensaxe poetizada, convocaremos o alumnado dos centros de ensino do concello para a realización de videopoemas cun tratamento estético e visual totalmente libre, cunha única limitación de tempo (inferior a 3 minutos, p.e.) que se proxectarán nunha xornada final de exhibición pública, con agasallos aos participantes (por exemplo, unha visita en grupo á Casa-Museo…).

*Nota:
No caso de desexardes facer o concurso a nivel local, a Casa- Museo poderá enviarvos un modelo de bases. Ademais, cada concello poderá enviar un videopoema á Casa-Museo Manuel María, quen lle dará publicidade na súa páxina web.

9.    DEBUXANDO A MANUEL MARÍA
Destinatarios: Toda a poboación.

Descrición:
Trátase da realización de murais en espazos públicos predeterminados que fagan referencia á obra de Manuel María. O seu obxectivo é divulgar os versos, frases, lemas... que sexan
representativos do pensamento de Manuel María e tamén do espirito que nos une. Tan só como exemplo: “Renunciar ao idioma é ser mudo e morrer, precisamos a lingua se queremos vencer”.

Esta actividade debe ser moi participativa. A parte plástica debe ser “central” nela. Pode ter distintas modalidades perfectamente compatíbeis entre si:

1.    Realización de murais por parte dos escolares nos valados ou outros espazos nos centros de ensino.

2.    Convocatoria dunha xornada “grafiteira” para que en un ou varios valados visíbeis se realicen grandes murais con vocación de permanencia. Serán feitos de xeito colaborativo polas persoas que así o desexaren, con independencia da súa idade.

3.    Realización de diferentes murais efémeros convidando a todas as persoas habitantes dun lugar, nunha data determinada (20 de marzo, p. ex. pois o 21 é o Día da Poesía…) a escribir un poema de Manuel María con xices de cores nun espazo público (praza, rúa peonil...)

10.    O POETA NA TÚA VILA.
Destinatarios: a poboación en xeral. Descrición:
Trátase de que os concellos coloquen distintos poemas/fotografías de Manuel María, en formato grande, en diferentes lugares do Concello. É importante darlle visibilidade á obra de Manuel María, polo que debemos escoller un lugar de paso, céntrico….

11.    ABRIUSE EN MIN A ALEGRÍA DOCEMENTE.
recobrar as palabras unha
a unha
facer con elas proclamas e cancións, primaveras de soños e de esperanzas...

Destinatarios:
Escolares e toda a veciñanza en xeral.

Descrición:
Trátase de promover a lectura da obra de Manuel María e con ela que afloren as potencialidades artísticas que os/as máis novos/as levan dentro. Por iso, nesta actividade propomos que o alumnado, despois de ler a obra de Manuel María (particularmente “O bigote de Mimí” para os/as máis pequenos/as e “Os soños na gaiola” ou “As rúas do vento ceibe” para os/as máis grandiños/ as) reproduzan un deses textos, o ilustren ou decoren e mesmo escriban á súa beira un poema de creación propia. Logo levarano para a casa
e meterano anonimamente nalgunha caixa de correos de veciñas e veciños.

12.    O NOSO É PURO TEATRO:
O meu teatro é un mundo. Os personaxes que invento teñen vida, fantasía
e doulles coñecemento...!

Destinatarios:
-    Alumnado dos centros do concello.
-    Adultos.

Descrición:
A obra dramática de Manuel María é ampla e adaptada a idades moi diversas, polo que a
representación dalgunha obra é unha tarefa moi viábel, educativa e gratificante tanto para os centros de ensino como para o público en xeral. Obras como “As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela” é facilmente adaptábel desde 5º de Primaria a 4º de ESO.
Esta proposta trata, pois, de promover a representación dalgún dos textos dramáticos de Manuel María nos centros escolares e tamén de animar a formación dun grupo de teatro amador no concello. O 27 de marzo é o Día do Teatro (este ano cae en domingo), polo que sería unha boa data para a estrea destas representacións. Unha opción diferente, e mesmo compatíbel coa anterior, é a lectura dramatizada dunha obra.

*Nota:
A Casa-Museo pode achegarvos diferentes textos, algúns deles xa dispoñíbeis na nosa páxina web.

13.    PARA PRESUMIR DE BIBLIO
Destinatarios:
Bibliotecas municipais e usuari@s

Descrición:
1.    Trátase de pór en marcha “a maleta familiar”: as bibliotecas municipais disporán dunha pequena maleta con materiais representativos que procuren cubrir diferentes idades e intereses. A modo de suxestión, a maleta podería conter: media ducia de libros de poesía para diversas idades; un vídeo; un ou dous discos, poemas
lidos por MM, un par de libros en prosa… e un caderno para anotacións. Cada semana levará a maleta á súa casa un neno ou nena. Toda a familia aproveita o seu contido. No caderno escriben as súas impresións, suxestións... todos os membros da familia que o desexaren.

2.    Pode ser interesante que a biblioteca teña ben visíbel algo da obra de Manuel María e que sexa suficientemente emblemático e representativo. Nós queremos axudarvos a “vestir” a vosa biblioteca e podemos proporcionarvos o deseño dalgunha cousa por se vos encaixa:

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo

 Renunciar ao idioma é ser mudo e morrer. Precisamos a lingua se queremos vencer!

Investiga se Manuel María visitou o teu concello, a túa bisbarra,… Comproba se fixo un poema sobre o teu concello, se hai algunha fotografía referente ao teu concello ou sobre algún dos seus
espazos ou persoas representativas, se hai algunha fotografía, algún artigo xornalístico... Nós tamén che axudaremos a darlle publicidade desde a
Casa-Museo e desde a nosa páxina web. Tamén recibimos con agarimo calquera documento deste tipo para mostralo na Casa-Museo.

14.    CONCURSO DE “VIDEOCLIPS”
Destinatarios:
-    Mozas e mozos entre 12 e 18.
-    Maiores de 18 anos

Descrición:
Promoverase un concurso consistente na realización dun spot publicitario que teña como obxectivo provocar o interese pola obra e a figura de Manuel María e animar á súa lectura mediante producións  audiovisuais.

Nota:
A Casa-Museo poderá ofrecer unha proposta de bases e posteriormente publicitar os videoclips gañadores na súa páxina web.

15.    PARA FACER AS AMIZADES.
Destinatarios:
Poboación entre 8 e 20 anos

Descrición:
Queres ser amigo ou amiga da Casa Museo no 2016? Só tes que pedilo! E a cambio nós ofrecémosche o carné do Clube de Amigas e
Amigos da Casa Museo Manuel María (entre 8 e 20 anos).
As amigas e amigos teñen que saber que pertencer a este selecto clube require cumprir con algunhas obrigas:

Tes que visitar a Casa-Museo Manuel María.
Tes que comprometerte a que serás un defensor ou unha defensora da súa obra.
Tes que convidar as túas amizades a visitarnos.

•    Agasallo dun retrato lector: se tes carné do clube envíanos un retrato teu lendo a obra de Manuel María e serás a nosa portada da páxina web. Así mesmo, farás parte das imaxes que se amosan nas pantallas da Casa-Museo.

•    Atréveste a facer de guía? Ofrecémosche a posibilidade de guiar unha visita de fin de semana na Casa-Museo, baixo a túa dirección e coa nosa axuda.

16.    FOTOGRAFANDO A LITERATURA
Destinatarios:
Mozas e mozos menores de 30 anos

Descrición:
Exposición de fotografía dixital: esta actividade ten como finalidade o fomento da lectura da obra de Manuel María e do acto de ler, en xeral, apoiándose na imaxe como estímulo visual para descubrir o atractivo da lectura. Cada proposta presentada debe vir acompañada dun poema de Manuel María, ou dun texto narrativo. Coas propostas de lectura e fotográficas realizarase un sinxelo PPT que en formato bucle pode estar nun espazo público en datas sinaladas.

17.    LIBROS EN TODA PARTE:
Destinatarios:
Espazos públicos e o pequeno comercio do concello.

Descrición:
Trátase de levar os libros a novos espazos non habituais e facelos visíbeis alí onde non é o seu lugar “natural”: a panadaría, a taberna, a
perrucaría, o centro de saúde,… Poden ser libros de préstamo se son da biblioteca ou libros para vender se son das librarías.
Esta actividade dará maior visibilidade á obra de Manuel María, mais tamén se pode aproveitar esta celebración para crear este hábito e facelo extensivo a toda a literatura galega.
Sempre que for posíbel, débense levar alí onde haxa acontecementos comerciais masivos, á feira, ao mercado municipal..
Esta actividade pode realizarse con libros ou con poemas soltos en formato grande, en cartolina, cartón-pluma, pvc,...

 18.    O CAMIÑO É UNHA NOSTALXIA
Temos que amar a campía E non lle facer aldraxe.
Non encher de porquería a beleza da paisaxe…!

Destinatarios:
Alumnado dos centros de ensino e público en xeral.

Descrición:
Realizar diferentes roteiros, que poden sinalizarse con vocación de permanencia, co duplo obxectivo de coñecer a nosa contorna e gozar coa obra de Manuel María.
-    Coñecer a Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei (Lugo). Organiza a túa visita e desfruta
dun percorrido guiado polo legado do escritor. Aproveita para visitar distintos lugares de interese na contorna e que, ademais, están presentes na  súa obra.
-    Os lugares que namoraron o poeta: Visitou Manuel María o voso concello, a vosa bisbarra? Visita eses espazos polos que el andou, con parada en cada un para realizar lectura de poemas…
-    Rutas naturais descubrindo o medio natural a través dos poemas de Manuel María (ten poemas sobre o río, as árbores, os animais…).
-    Rutas literarias, que percorran a presenza de Manuel María a través da súa obra naqueles lugares onde sexa posíbel.

19.    AS ÁRBORES NO MEU COLE... OU NA MIÑA VILA/ CIDADE

Os ventos danlle agarimo e danlle as aves tenrura.

Destinatarios:
Nenos/as organizados/as no colexio, no barrio, no concello...

Descrición:
Esta actividade ten como obxectivo coñecer as árbores coas que convivimos a diario no patio, no barrio, xunta á casa... Trátase de identificar as árbores e fotografalas cos detalles das follas e a cortiza. Logo investigar se Manuel María lle compuxo algún poema (ten moitos). Se é así,
imprimirémolo, plastificarémolo e porémolo ao pé da árbore correspondente. Logo elaboramos unha ficha recollendo a información que nos interese  de cada árbore e editarémola para expoñela
nos corredores do cole, na aula de Cultura, na

asociación de veciños/as... Por fin, o Día da Árbore, por exemplo, poderíase facer unha actividade colocando unha plaquiña ao pé de cada árbore co seu nome e o poema de Manuel María (no caso de telo).

*Nota:
Desde a Casa-Museo Manuel María podemos enviarvos un modelo de ficha.

20.    REALIZACIÓN DA SEMANA CULTURAL MANUEL MARÍA:

Temos que sementar amor e máis furor para colleitar esperanza e máis futuro!

Destinatarios: Todos os públicos.

Descrición:
Pode ter interese agrupar algunhas destas actividades durante unha semana (ou quincena) para darlles máis relevo. Neste sentido, e unicamente como mera suxestión, podedes agrupar as actividades que aparecen entre as epígrafes 2 a 8.

21.    SEI DUN PAÍS...
Sei que todos os versos do mundo non valen o que vale un home.

Existen moitas datas ao longo do ano para non esquecer.  Se as celebrardes, debedes saber que Manuel María, como persoa atenta a todo o que atinxe ao ser humano, reflectiu na súa
obra unha fonda preocupación pola defensa da cultura e a lingua propias, o pacifismo, a defensa do medio ambiente, os valores éticos sobre os mercantilistas, o dereito dos pobos a existir sen renunciar á súa identidade,... Por iso deixounos poemas que poden contribuír a realzar cada unha das conmemoracións anuais das que tan só vos apuntamos algunhas propostas.

Xaneiro:
30: Nacemento de Castelao, Día da Ilustración 30: Día Escolar da Paz e a Non violencia

Febreiro:
24: Nacemento de Rosalía
 
Marzo:
8: Día Internacional da Muller Traballadora
21: Día da poesía 21: Día dos bosques 27: Día do teatro.

Abril:
2: Día do libro infantil e xuvenil 23: Día dia do libro

Maio:
17: Día das Letras Galegas
18: Centenario das Irmandades da Fala

Xuño:
5: Día do medio ambiente

Xullo:
25: Día Nacional de Galicia/ Día da Patria Galega

Agosto:
17: Día da Galiza Mártir

Setembro:
8: Falecemento de
Manuel María
26: Día Europeo das linguas

Outubro:
6: Nacemento de Manuel María
24: Día das bibliotecas escolares

Novembro:
11: San Martiño: O magosto