Saltar ao contido principal

Revista Razón Socialista Nº 39 [Revista da A.C. Fuco Buxán]


Ve a luz este número trinta e nove, a punto de celebrarse as Eleccións Xerais do 20 D, que non dubidamos en cualificar de históricas, onde a vixencia do Estado de Dereito, do Benestar e das Liberdades Democráticas, abertamente están en xogo. Unha prórroga ao goberno da Dereita suporía, nin máis nin menos, que un retroceso a estadios pre democráticos.

O panorama político amósanos que, a pesar da corrupción sistemática, da situación socio- económica a que nos levou o PP, Rajoy e a súa tropa incompetente, ao servizo do Mercado, aínda seguen aparecendo como ameaza certa, con determinados xuíces ao seu carón, arquivando causas, deslexitimando probas, destituíndo a outros maxistrados que van no camiño correcto. A desconformidade que mostran moitos dos seus propios políticos e militantes empeza a resultar máis que evidente.

Fuco Buxán, de novo sinala a necesidade de cambio profundo, e non meros retoques, apostando pola derrota das políticas neoliberais e da fórmula política do bipartidismo. Do mesmo xeito, compre resaltar o papel dos movementos sociais como motores do cambio. Nós, que impulsamos a creación das mesas de converxencia e que buscamos vías de superación do statu quo, non podemos estar a expensas das vellas políticas.

A necesidade de agrupar as forzas de esquerda nunha fronte o máis ampla posible, resaltando todo aquilo que nos une, mediante acordos pre e post electorais, segue pendente de aprender das leccións que nos brinda a Memoria Histórica: o que sucede cando marchamos desunidos, o aínda peor, inimigos encarnizados e excluíntes.


Todo isto do que estamos a falar transcorre nun estado de cousas altamente preocupante.
A terceira parte da poboación en risco de exclusión social, a taxa do paro máis alta de Europa, precarización do emprego, baixada de salarios, retrocesos nos servizos públicos -sanidade, ensino-, recortes na cobertura do paro -é dicir máis paro, pobreza, desigualdade- e unha corrupción xeneralizada, este é o resultado das políticas da austeridade auspiciadas pola Troika e implementadas polos gobernos do PP, se ben a súa aplicación comezou no 2010 baixo o último Goberno Zapatero.

A confrontación con Catalunya, alentada polo PP ao longo dos anos, impedindo entre outras a modificación do estatuto de autonomía despois de votalo o Pobo de Catalunya, favoreceu o auxe das posicións independentistas.

Máis do 80 % da poboación catalá está a prol dun referendo onde poida decidir sobre o seu futuro e a relación co Estado. As recentes eleccións autonómicas deron como resultado o triunfo dos independentistas –Junts xsi e a CUP- acadaron a maioría absoluta de deputados, aínda que dende a perspectiva plebiscitaria o apoio á proposta non acadou o 50%.

No desgaste dos Gobernos do PP e do bipartidismo xogou un papel esencial a ampla mobilización social contra os recortes, Reforma Laboral ou a Lei Mordaza, protagonizada sobre todo polos movementos sociais: 15M, mareas cidadás, plataformas antidesafiuzamentos, marchas da dignidade..., pois os grandes sindicatos, CCOO e UGT, trala última folga xeral de 2012, adoptaron unha actitude “negociadora” coa Patronal e o Goberno, renunciando á mobilización.

A cristalización política da indignación cidadán contra as políticas de recortes, da involución político - social, tivo lugar coa irrupción de Podemos nas eleccións europeas. Os procesos electorais das municipais e autonómicas, co triunfo das candidaturas de converxencia en Madrid, Barcelona, Zaragoza, Cádiz, A Coruña, Santiago, Ferrol..., confirmaron o avance de posicións rupturistas e de cambio político, permitindo o desaloxo do PP naquelas comunidades que pasaron a ser gobernadas polo PSOE tralo acordo con Podemos e outras forzas.


As elites europeas –a gran Banca e as grandes empresas- a través da Troika, manobran para impedir o avance das forzas políticas rupturistas que rematen coas políticas de austeridade ó seu servizo e máis a asfixia económica a que someteron ó sistema bancario grego para dobregar ó Goberno de Siryza. Nesta guerra de posicións, Tsipras veuse obrigado a dar un paso atrás. Agora, en Portugal, o seu o presidente o dereitista Cavaco Silva, outorgou á dereita que perdeu as eleccións a decisión de constituír o Goberno, fronte a unha maioría de esquerdas que acadou un pacto para gobernar, e hoxe goberna no noso pais veciño.

Tamén aquí, ante o desgaste progresivo do goberno do PP e da impugnación das súas políticas, a minoría beneficiaria das mesmas e o Goberno de Rajoy pretenden a consolidación da súa hexemonía cunha restauración do bipartidismo ad hoc, para seguir espoliando á cidadanía, poñendo todo o aparato mediático á súa disposición cara ás eleccións do 20D, cos seguintes eixos de opinión.

 
 Presentación da revista na Galería Sargadelos o pasado xoves 10 de decembro 2015