Asociación Cultural Fuco Buxán

TRABALLADORES CONTRA A DITADURA




O 10 de marzo do 72, a comarca de Ferrol levantouse contra a ditadura. Os traballadores da Bazán foron a punta de lanza en contra daquel réxime de opresión e explotación, ó servicio dunha minoría poderosa. (O xefe dos servizos secretos de Franco consideraba que, naqueles momentos, a ría de Ferrol, especialmente Bazán, estaban perdidos para o réxime). Aqueles feitos, pese ó intento do réxime de silencialos, foron coñecidos a nivel mundial, e recibiron amplas expresións de solidariedade. Ó rememorar aqueles momentos, facémolo traendo ó presente, en primeiro lugar, a Amador e Daniel, como vítimas directas daquel acontecemento histórico e as súas familias. Pero non podemos olvidar a cantos foron feridos, detidos, multados, encadeados, exiliados, despedidos: represaliados polo franquismo, en definitiva. E sen dúbida, están moi presentes, por encabezar aquela loita, Xulio Aneiros, Paco Filgueiras, Manuel Amor, Xosé Mª Riobó… tódalas persoas que traballaron por facer das Comisións Obreiras, un instrumento útil para os traballadores, de combate pacífico e liberador, e que utilizaron intelixentemente a mobilización e a negociación.
 
As reclamacións económicas e sociáis estaban no primeiro plano, mais, a esixencia de Democracia, das liberdades políticas e sindicais, da autonomía política para Galicia, acompañáronas  durante anos, ata derrotar ó franquismo. Dende cada empresa, contando sempre cos traballadores, a través de reunións e asembleas, foise artellando a través do estado un potente movemento de masas, que se contrapoñía ó poder do diñeiro.  

Eran días nos que aspirabamos a alcanzar, como mínimo, as cotas económicas e sociais dos traballadores na maior parte de Europa: o Estado de Benestar. E conquerímolas, aínda que moderadamente. As institucións autonómicas tiveron que recoñocer que aquelas loitas contribuíran a liquidar a ditadura e asumiron que o 10 de marzo fose declarado “Día da Clase Obreira Galega”.
Pero impúxosenos un modelo político bipartidista, para impedir cambios de maior trascendencia. Incluso se armou un golpe de estado para poñer límites ás nosas aspiracións. Pese a todo, as liberdades políticas permitiron un marco de relacións onde podiamos defender os nosos dereitos, mediatizados polos intereses económicos que nunca deixaron de condicionar esas conquistas. Pasaron 43 anos dende aquela. Cal é a nosa situación, a dos traballadores e da maioría da sociedade?

O réximen político saído das últimas eleccións xerais, determinou que a dereita alcanzase maioría absoluta. E esa circunstancia permitiulles dar un golpe de morte as condicións económicas e sociáis nas que viviamos, incumprindo os compromisos electorais. Recortar en aspectos tan importantes como a sanidade, educación, pensións, da xustiza, dos dereitos das mulleres, etc. Produciu millóns de parados, millóns de pobres, de excluídos da sociedade. Liquidou sectores enteiros de pequenas e medias empresas. Limitou o uso do noso idioma, e puxo en cuestión o estado das autonomías. En definitiva, desenvolveu e desenvolve unha contrareforma, que nos retotrae a cerca dun século. Ata pode aparecer como anecdótica, esa idea de ter que rezar na escola, cando a Constitución recoñece a separación entre Igrexa e Estado. En que momento están as libertades políticas?

E para completar esa contrareforma, na que a Constitución adquire o valor de papel mollado, tenta reducir as liberdades políticas e cidadáns. Que existan decenas de sindicalistas imputados por facer folga, é ben indicativo. Que pretendan poñer en marcha unha “lei mordaza”, indica que buscan paralizar a loita obreira e cidadá, promovendo o medo. Queren construír unha Europa das multinacionais e incluso importar o modelo norteamericano, donde a cidadanía non conte.

Que pasou dende fai 43 anos? A involución é ben visible. Quizáis hai dirixentes políticos e sindicais que aínda non se decataron. Pero por esa misma razón, o 10 de marzo de 2015, ten que celebrarse denunciando precisamente esa situación, e romper abertamente coas agresións da dereita económica e política, causante de tanto sufrimento. Non podemos ser cómplices, por calar, da marcha atrás histórica que millóns de persoas padecen no noso país. A mobilización cidadá exércese fundamentalmente dende os movimentos sociais, sendo Podemos unha expresión de esa rebeldía, mentres queda clara a ausencia dos dous grandes sindicatos, UGT e Comisións Obreiras.

Cal foi a evolución das Comisións? Hoxe, as CCOO estan nas mans dunha estrutura burocrática, que usufructúa un patrimonio histórico de loita e sacrificio, que as utiliza para manter un “modus vivendi” alonxado totalmente dos intereses e necesidades dos traballadores de este país.
No 2015, vivimos no marco de unha democracia mediatizada e limitada. Contribuamos a recuperala e rexenerala, sumando, unindo, expresando a nosa vontade de cambio. Participando nesta xornada histórica, con afán liberador.


A+ | a-

Séguenos no Twitter