Polas fillas dos nosos fillos. Queremos Galego!
Os datos da
última enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre a situación do
galego non nos sorprenden. Reflicten a realidade. A realidade é que cada
vez hai menos xente que fala galego. A realidade é que a Xunta de
Galiza demostra un total desleixo e desprezo pola lingua. A realidade é
que é imposíbel vivirmos en galego con normalidade.
O maior descenso
de falantes do galego coincide co lustro máis agresivo e lesivo para a
normalización da nosa lingua e cunha situación na que o galego, non só
non conta cunha oficialidade real, senón que é a propia Xunta quen ataca
a oficialidade formal que acadou.
A lingua precisa xa de
compromisos reais materializados en accións concretas . Esta non é a
hora de enunciar falsos desexos, supostas declaracións de intencións,
nin dubidosas manifestacións de amor, nas que se baseou até agora a
política lingüísitica. É urxente actuar tomar medidas normalizadoras e
pór todos os medios e remedios para para pararmos esta desfeita.
Moitas
persoas educamos as nosas fillas e fillos en galego. Mantemos o galego
cada día, entregámosllo ás máis novas e novos porque o defendemos e
apreciamos. Facémolo con amor, esforzo e coidado, aínda que nos
atopamos con dificultades permanentes, ás que lle temos que engadir o
insulto e o desprezo mostrado polo presidente da Xunta na súa busca
permanente de culpábeis da súa propia política.
O galego continúa
perseguido e proscrito de diferentes ámbitos e usos. Impúxose un
decreto para evitar o ensino en galego. Esta política lingüística ten
responsábeis e cómplices. Precisase unha mudanza total . Hai que lles
dar ferramentas ás xeracións novas. A televisión pública galega non
emite debuxos animados de moda en galego. As mozas e mozos non poden
escoller xogos, filmes e revistas xuvenís na nosa lingua, a moitos e
moitas impídeselles a escolarización en galego.
Necesitamos
promover a nosa lingua. Lingua propia e común que nos une a todos e
todas. Lingua, identidade e futuro de Galiza camiñan da man. Defender o
futuro dunha lingua é defender o futuro dun pobo. A nosa lingua
sítuanos no mundo e fainos donos e donas do noso porvir, que está en
nós, nas nosas fillas e fillos, nas nosas netas e netos. Na transmisión
xeracional e na súa reposición social.
Precisamos o galego para
ser e existir. Temos esperanza, ilusión, vontade, compromiso para
mantelo vivo , para superar prexuízos, para transmitir amor á nosa
lingua, para manifestar orgullo, para dicir, polas fillas dos nosos
fillos QUEREMOS GALEGO.