Saltar ao contido principal

O fracaso medioambiental e enerxético de SOGAMA sustentase nunha grande estafa económica.


O fracaso medioambiental e enerxético de SOGAMA sustentase nunha grande estafa económica ESPAZO aposta por un novo modelo sustentable diante do fracaso de SOGAMA.

O anuncio da suba nun 35,5% do canon que paga cada Concello adherido ao Plan SOGAMA e o posterior pacto entre a Xunta e a FEGAMP para atrasar seis meses esa suba desmonta algúns mitos que cumpre precisar.

O primeiro é o mito de SOGAMA como opción con mellor relación custo/beneficio para tratar os residuos sólidos urbanos. SOGAMA sempre se vendeu como o mellor compromiso entre o custo económico e o “beneficio ambiental”. Unha mentira, reiteradamente denunciada polos colectivos ecoloxistas deste país, que agora queda exposta ante o conxunto da cidadanía.

Para Espazo Ecosocialista o canon inicial de SOGAMA foi sempre un prezo “político” para tentar asfixiar outras opcións de xestión de residuos e atraer o máximo número de concellos. A realidade é que SOGAMA se financia directamente dos nosos petos por dobre vía: unha mediante o canon aos concellos incluído no noso recibo do lixo e outra mediante as primas por produción de enerxía renovábel, outra falacia, incluídas nos recibos de electricidade de cada fogar ademais de periódicas achegas da administración para “melloras das instalacións” como é o proxecto de ampliación do vertedoiro. No momento que desaparecen esas primas vese a realidade da inviabilidade do sistema.

O segundo é o mito da súa sostibilidade ambiental. As proclamas de produtora de enerxía renovábel “valorizando” residuos (léase incinerando), a súa capacidade de separación e reciclaxe dos residuos e o seu status como ferramenta que eliminaría os vertedoiros en Galicia reveláronse falsidades conscientemente mantidas polas administracións.

SOGAMA non produce enerxía limpa e renovábel. Queima o 43% dos residuos que recibe, para o que emprega máis de 500.000 Mw de electricidade procedentes na súa meirande parte de gas natural para producir pouco máis de 450.000 Mw de electricidade. Ou sexa, ten un déficit de 50.00 Mw pois gasta máis enerxía da que produce. Esta queima supón para SOGAMA acadar o triste ranking de sexta empresa galega con maiores emisións de CO2 con 0,83 tn/Mwh, á par das grandes incineradoras de carbón. A maiores, conta con importantes emisións de dioxinas e metais pesados.

Outro 50% do lixo que entra na planta vai directamente ao macrovertedoiro de Areosa: 290.000 m2 que albergan millóns de toneladas de residuos de todo tipo incluídos hospitalarios e farmacolóxicos provenientes do SIGRE. A Xunta ven de autorizar a súa ampliación ate ocupar 400.000 m2.

O magro 7% restante é a súa patética cifra de recuperación de materiais para a reciclaxe.

Estas son as cifras. Esta é a realidade, a constatación do estrepitoso fracaso dun modelo de xestión de residuos diametralmente oposto ao que debera ser unha xestión sustentábel baseada nos tres piares definidos na directiva de residuos da UE como son a redución, a reutilización e a reciclaxe.

Cumpre tamén salientar a irresponsábel indiferenza ante so custos socioambientais da meirande parte dos concellos deste país, reflectido no pacto acadado hai uns días entre a Xunta e a FEGAMP para atrasar seis meses esa suba. Non importa o modelo de xestión, non importa que se faga co lixo, o que importa é que o fagan desaparecer dos concellos do xeito máis barato posíbel. Non se cuestiona o modelo, cuestiónanse os cartos. Máis ben cuestiónase as repercusións electorais que esta suba terá para os ocupantes da casa consistorial. Para Espazo Ecosocialista honrosas excepcións como a Mancomunidade do Barbanza ou o Concello de Rianxo que ven de anunciar a súa saída de SOGAMA e a integración na Planta de xestión de Lousame, exemplo de bos resultados na xestión de residuos, deben ser o camiño a seguir.

Para Espazo Ecosocialista os Residuos Sólidos Urbanos son un problema grave, transversal e sistémico que cumpre enfrontar durante todo o proceso produtivo.

- A redución debe ser a prioridade inmediata: De non atallarse o incremento continuo na xeración de lixo, calquera plan ou planta de tratamento actual ou futura ficará desbordada por ese aumento.

- O segundo paso debe ser a descentralización da xestión, evitando os custos económicos e ambientais do transporte e asegurando en rede un funcionamento áxil do proceso, recuperando para a compostaxe a fracción orgánica que representa máis do 45% dos residuos, nunha dobre liña: mediante plantas comarcais, seguindo o exemplo da Planta de Lousame (con taxas de recuperación do 60% dos materiais que entran na planta, fronte ao paupérrimo 7% de SOGAMA) e con programas de compostaxe doméstica. Cumpre que os concellos sigan os pasos da Mancomunidade do Barbanza, Arzúa, Piñor ou O Grove, nos que a compostaxe é rendible economicamente e un éxito social e ambiental.

- O terceiro chanzo pasa implantar sistemas de recollida novidosos e adaptados as distintas realidades xeográficas do noso país, como poden ser os sistemas de recollida "porta a porta" de recoñecido éxito na taxa de separación selectiva e polo tanto capaz de colocar a taxa de reciclaxe galega ao nivel dos máis altos estándares europeos. A experiencia de Ernani, en Euskadi é un exemplo que compre imitar neste sentido.

- E por último pechar a incideradora de SOGAMA. Incineración non é enerxía renovábel nin reciclaxe. É desbaldir recursos aproveitábeis e contaminar a escala aberrante.

É momento para o compromiso dos concellos cunha xestión sustentable, xusta e rendible socialmente, que minimice a produción e aproveite os recursos naturais que se converten en lixo para un novo uso útil. Igualmente, políticas fiscais verdes tanto para empresas como para consumidores, xunto con outras medidas, potenciarían a redución no conxunto da cadea de produción,desde a materia prima ate o envasado final.

En definitiva, o fracaso de SOGAMA indica o camiño a seguir para enfrontarmos un problema que medra día a día e que esixe medidas de corrección drásticas, sustentábeis socioambientalmente e transparentes nos seus investimentos e xestión.



COORDINADORA NACIONAL
ESPAZO ECOSOCIALISTA GALEGO (membro de AGE)
Praza de Sofía, 3. Fontiñas. 15707 Santiago de Compostela
Teléfonos: 881 959 157 / 692 212 166
Correo electrónico: espazo@espazoecosocialista.org
Twitter:@ESPAZO_gal