Saltar ao contido principal

Esquerda Unida denuncia o informe do Parlamento Europeo sobre a Ría.




http://ccaa.elpais.com/ccaa/2013/07/08/album/1373309888_137406.html#1373309888_137406_1373311135


O grupo municipal de Esquerda Unida denuncia a operación de ocultación e enmascaramento da realidade por parte do Partido Popular europeo, e de manipulación por parte do seu deputado Phillippe Boulland, ao servizo dos intereses dos donos de Reganosa e das políticas de engorde do capital que sostén ás empresas do sector enerxético, no informe da comisión europea sobre o estado das rías galegas en xeral e da nosa en particular.

O informe final foi emendado por Esquerda Unida despois dunha esperpéntica historia de continuos borradores e versións provisionais que só se explican polo interese do Partido Popular (galego, español e europeo) de impedir que o que viron e ouviron os membros da delegación na nosa e en todas as demais rías visitadas saíra á luz nas observacións preliminares e nas conclusións finais do informe. A primeira e antiga, e polo mesmo moi venerable, acepción de “verdade” era en grego arcaico “aletheia” e, alí mesmo, significaba no seu uso común, non marcado, saír á luz. Neste caso o representante do Partido Popular europeo e xefe da delegación tratou por todos os medios que non resplandecera a verdade, que non houbera luz. No espazo urbano que o PP está a promover como cidade da Ilustración o propio PP orquestra unha negrísima trama que pretende agochar a realidade nunha noite de sombras e reacción: todas as rías incumpren os prazos dados pola Unión Europea para o seu saneamento e a nosa en particular incumpre o anterior máis ten a peculiaridade de acubillar no seu seo a Reganosa da que o señor Boulland (o representante do PP) pretende caracterizar como perfectamente legal e razoable en canto ao seu emprazamento. Aínda temos todos/as nos ouvidos a pregunta da valente eurodeputada Angelika Werthmann membro da delegación ao observar alí, in situ, o monstro á beira das vivendas: canta xente hai no cárcere?. Agora o PP pretende deseñar unha realidade tan virtual como falaz chea de autoridades que se esforzan por cumprir a pesar de que aínda non se fixo nada por cumprir, de legalidades por todas as esquinas a pesar de que a UE recrimina continuamente as infraccións cometidas, de autoridades locais que colaboran coas asociacións peticionarias a pesar de que as asociacións peticionarias estean todo o santo día pedindo e reclamando colaboración. O informe-esperpento, en fin, froito da fusión entre os representantes da dereita e o capital enerxético constituído en grupo fáctico aderezado pola presenza muda de supostos representantes da esquerda benpensante e institucionalmente ben instalada.

Volvemos desde aquí igual que fixemos no seu momento a lembrar o enorme e importante papel que , para todo isto, desempeñou o noso eurodeputado Willy Meyer. Sen a súa constancia e interese non podería terse desempeñado a visita nos termos de denuncia pública tal e como aconteceu.

Esquerda Unida quere deixar ben claro que as alegacións presentadas ao informe cumpren cos compromisos da organización coas asociacións peticionarias e coa cidadanía, co seu programa electoral e co seu compromiso dentro de AGE cuxo grupo parlamentar presentou hai pouco tempo unha iniciativa sobre Reganosa por primeira vez no Parlamento galego. Neste sentido alegamos o informe nos seguintes puntos:

  • na defensa dunha industria marisqueira importante que dista moito de poder desenvolver todo o seu potencial económico e produtivo por mor da actual situación.

  • na necesidade de atallar con medidas concretas o deterioro do conxunto das rías atendendo de maneira inmediata ás consecuencias das graves infraccións en materia de saneamento e que foron constatadas de maneira reiterada pola UE.

  • en concreto para Ferrol, e sen ser caso único, a existencia de zonas onde non hai discriminación entre augas fecais e pluviais coas negativas consecuencias que isto comporta.

  • a necesidade de contemplar o saneamento non como mero gasto corrente senón investimento con retorno en saúde pública.

  • a consideración do emprazamento de Reganosa como inadecuado e ilegal

Polo que se reclama:

  • a profundización de todas as medidas necesarias para o cumprimento dos estándares de saneamento máis esixentes da UE.

Oberva e denuncia:

o xogos de feitos consumados de Reganosa coa complicidade política necesaria para manter a planta en funcionamento no actual emprazamento.

E insta:

  • á comisión europea a facer valer os intereses xerais da cidadanía sobre os compromisos espurios político-empresariais tomando nota dos perigos asociados ao emprazamento con respecto a un accidente considerando insuficientes as actuacións en materia de prevención de emerxencias.

  • a facer cumprir os prazos para o saneamento integral da ría incluíndo a augas tratadas industrialmente.

Grupo Municipal de Esquerda Unida.
Esquerda Unida - Ferrol
Rúa do Sol 124 entrechán esquerda, Ferrol
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
eu-ferrolcomarca@esquerdaunida.org
facebook
.