Saltar ao contido principal

SOS Sanidade Pública Folga Sanitaria




FOLGA XERAL NA SANIDADE PÚBLICA GALEGA OS DÍAS 9 E 10 DE DECEMBRO.

Os sindicatos CCOO e CIG convocamos folga xeral na sanidade pública galega os días 9 e 10 de decembro en contra das privatizacións, os copagos e os recortes na sanidade.

A Federación de Sanidade de CCOO e a CIG Saúde rexistraron este luns a convocatoria de folga no SERGAS dende as 22 horas do día 8 de decembro ata as 22 horas do día 10 de decembro, chamando tamén á cidadanía a sumarse á protesta contra a privatización, os copagos e os recortes laborais e salariais na sanidade pública, que poñen en perigo a súa continuidade pudendo levar á súa desaparición.

Durante anos, o goberno da Xunta e mais o central impulsaron todo tipo de privatizacións. Feijóo leva 5 anos na Xunta; nunca un goberno, en tan pouco tempo, fixo tanto dano á Sanidade Pública e ás usuarias e usuarios.

O señor Feijóo e a señora Mosquera atacan a Sanidade Pública e o seu persoal con privatizacións, co copagamento e cos continuos recortes salariais, de días libres, coberturas de I.T. e minguando cadros de persoal,non repoñendo as xubilacións. Non contratan, e priman a voluntariedade en atención primaria e as horas extras en especializada e a concertación coa sanidade privada.

Para vender a sanidade, queren facelo co mínimo número de traballadoras e traballadores/as públicos/as, e aqueles/as que queden terán salarios reducidos e escasos dereitos. Evidentemente, non apostan pola Sanidade Pública, gratuíta no momento do uso, universal e de calidade. Non cren nin queren crer nela. Apostan polo negocio e para iso precisan cadros de persoal precarios, menor cobertura sanitaria para a cidadanía e menor gasto. Cantos menos cartos empreguen en saúde, maiores serán os beneficios das empresas, xa que o seu negocio é a enfermidade.

Agora inventan "a pólvora" e aparecen co seu modelo de xestión clínica. As/Os dirixentes do SERGAS preséntano como un fetiche de moda; como se ata o de agora nos hospitais, e en atención primaria, non se fixesen actos de xestión clínica. Non te deixes enganar, con este decreto de xestión clínica, queren seguir precarizando a sanidade e a saúde. Por iso falan dun presuposto pechado e máis reducido. Trátase de aforrar en contratación e en probas diagnósticas; onde poderán expulsar miles de crónicos do sistema. O decreto de xestión clínica non o fan para mellorar, senón para abrir un novo camiño, un máis, para privatizar a sanidade. Por iso, no futuro poderán exixir a laboralización do persoal, inda que o neguen; e por iso modificaron o Estatuto Marco o pasado 25 de xullo, no artigo 65 bis, e así pasar a unha concepción individual do contrato e das condicións de traballo e salario.

Queren privatizar, queren austeridade para profesionais e usuarios/as e buscan trasladar a responsabilidade dos recortes ás traballadoras e traballadores. Asinando un "contrato", serán os/as propios/as profesionais quen recorten en cadros de persoal, en probas diagnósticas; serán eles/as quen xustifiquen o austericidio e a privatización. Non piques, non apoies este modelo de xestión clínica.

Non permitamos esta desfeita, non consintamos que outra vez, e pola porta de atrás, continúen coas privatizacións e nos neguen o DEREITO Á SANIDADE PÚBLICA, UNIVERSAL E DE CALIDADE e, por suposto GRATUITA, sen copagamentos nin repagamentos... PORQUE XA A PAGAMOS COS NOSOS IMPOSTOS.
Fonte:  



CIG-Saúde e a federación de Sanidade de CCOO convocan folga xeral no SERGAS para o 9 e 10 de decembro.

 

Fan un chamamento á poboación a sumarse ás mobilizacións para exixir que o sistema público, pagado cos nosos impostos, non se converta nun negocio para a privada.


A CIG-Saúde e a federación de Sanidade de CCOO veñen de presentar no rexistro a convocatoria de folga xeral na sanidade pública galega para os días 9 e 10 de decembro. En rolda de prensa as/os representantes das federacións explicaron que o que se pretende é amosar o rexeitamento ás privatizacións, aos copagamentos e aos recortes laborais e salariais e reclamar unha sanidade pública de calidade, na que se garanta a universalidade e gratuidade das prestacións e unhas condicións laborais dignas.

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín subliñou que aínda habendo cuestións de carácter laboral na convocatoria, a maioría das razóns polas que se convoca a folga xeral son de carácter social fronte á política de privatizacións emprendida polo PP tanto en Galiza como no goberno central. 

Así denunciou a implantación das medidas de repagamento dos medicamentos prescritos polo persoal facultativo, dificultando o acceso da poboación aos mesmos e poñendo en risco a saúde das persoas máis enfermas e con menos recursos ou o incremento do número de camas  pechadas, principalmente no verán, pero cada vez durante máis tempo, paralizando a actividade e incrementando as listaxes de espera.

Advertiu do perigo de que en breve sexa imposíbel prestar unha atención sanitaria de calidade, do momento no que a imposición dunha taxa de reposición do 10% de efectivos que causan baixa no SERGAS está xa a provocar unha perda de persoal que será maior canto máis tempo pase. Unha situación coa que se pretende favorecer á sanidade privada, e de aí o incremento de concertos, para derivar doentes que non poidan ser atendidos/as no sistema público por falta de persoal.

As organizacións convocantes da folga xeral tamén denunciaron as consecuencias das continuas privatizacións que están a provocar que uns poucos fagan negocio a cargo dos fondos públicos, cando está máis que demostrado que os servizos xestionados directamente polo SERGAS son máis eficientes e eficaces.

Recortes laborais

No ámbito estritamente laboral salientaron os continuos recortes salariais, vía decreto, polos que se lles suprimiu o complemento específico das pagas extra, máis tamén a perda de dereitos laborais, como o complemento retributivo en caso IT, a perda de días de libranza, o incremento de xornada, ou a falta de respecto polos acordos asinados na Mesa Sectorial.

Tamén denunciaron que na Lei de Orzamentos de 2014 se inclúe un texto que indica que só se van convocar OPEs para determinados colectivos, impedindo o dereito de todo o persoal á consolidación de emprego e que a administración está a impedir a mobilidade  voluntaria de traballadores/as, tal e como recolle a lexislación vixente ao non convocaren concursos de traslados para todas as categorías profesionais.

Incremento da precariedade laboral

CIG-Saúde e a federación de Sanidade de CCOO amosaron a súa preocupación polo incremento da precariedade laboral por mor da proliferación de contratos con xornada inferior á estabelecida; contratos por días soltos para non garantir as libranzas correspondentes ou diminución da contratación, o que está a ter como consecuencia un incremento exponencial do desemprego no sector sanitario.

Xunto a isto alertaron do decreto de xestión clínica, que introduce unha maior flexibilidade e desregulación das condicións laborais e abre as portas, tamén, ás privatizacións.

Ante esta situación, fixeron un chamamento non só ao persoal da sanidade pública a sumarse á folga xeral, senón tamén á poboación en xeral a que participe nas mobilizacións que se convoquen para exixir que o sistema público, que se paga a través dos impostos de todas as galegas e galegos, non se converta nun negocio para a privada.

Fonte: