Asociación Cultural Fuco Buxán

MANIFESTO UNITARIO DA COORDINADORA GALEGA POLA PAZ









A NOSA ASOCIACIÓN QUERE DIFUNDIR O MANIFESTO UNITARIO DA COORDINADORA GALEGA POLA PAZ, A CAL ESTÁ ADHERIDA A NOSA ASOCIACIÓN, MANIFESTASE EN CONTRA DUNHA INTERVENCIÓN MILITAR NORTEAMERICANA EN SIRIA E CHAMA Á CIDADANÍA A PARTICIPAR NAS ACCIÓNS CONVOCADAS A CONTINUACIÓN.

A humanidade atópase, unha vez máis, alarmada pola inminencia dunha nova agresión imperialista, neste caso, contra do pobo sirio, como tantas outras veces no pasado, protagonizada polo exército norteamericano, de forma unilateral, e sen sequera o aval das Nacións Unidas, o que significa unha inequívoca violación do dereito e a legalidade internacional.

As consecuencias dunha intervención militar norteamericana en Siria son imprevisibles. As guerras, cando comezan, pretenden ser sempre xustas, rápidas, puntuais e cirúrxicas, co menor custe e as baixas mínimas. Sen embargo, a historia amosa, con claridade, que non sempre acontece así.

A escusa pretendida agora para intervir militarmente nun estado soberano é a da utilización de armamento químico polo réxime ditatorial de Bachar el Assad cando informes independentes veñen denunciando, desde hai varios anos, que as partes en conflito en Siria contan e usan diferente armamento químico, particularmente, gas sarín. Sen embargo, o que se silencia reiteradamente nos medios nacionais e internacionais, é precisamente quen son os fabricantes e vendedores deste tipo de armamento prohibido polas convencións internacionais, precisamente, os EE.UU e os outros membros con dereito a veto no Consello de Seguridade da ONU.

Os informes dos inspectores das Nacións Unidas, realizados sobre o terreo, confirman a utilización de gas sarín en Damasco, ó tempo que anuncian que non poden precisar a autoría dos bombardeos. EE.UU apresurouse a atribuír o uso destas armas letais e terribles ó réxime de Bachar el Assad nunha comparecencia de prensa do Secretario de Estado John Kerry que lembrou moito a aquela outra protagonizada por Collin Powell na ONU para xustificar o ataque a Iraq en 2003 pola suposta existencia dunhas armas de destrución masiva que logo comprobamos que non existían. Lembremos que Aznar e o PP votaron unanimemente a favor daquela intervención ilegal no Congreso, contra da opinión maioritaria da cidadanía.

As numerosas armas de destrución masiva que existen, repartidas polo mundo adiante, foron fabricadas e vendidas, nomeadamente, polos EE.UU, que tamén ten a triste marca da súa utilización, desde o armamento nuclear en Hiroshima e Nagasaki, ate o napalm en Vietnam ou o uranio empobrecido en Iraq.

Non podemos ignorar que Siria está situada nunha rexión fortemente incendiada pola guerra e a violencia desde hai moitos anos. Basta con fixarse nas fronteiras que mantén Siria para entender o seu papel estratéxico, particularmente, para o control territorial e dos recursos enerxéticos da zona, como paso previo de camiño a Teherán, probable próximo obxectivo militar dos EE.UU, que mantén e tolera a vulneración sistemática das resolucións das Nacións Unidas contra de Israel, o seu principal aliado na rexión, xunto coas monarquías teocráticas do Golfo.

Siria leva máis de dous anos nunha auténtica guerra civil, con forte presencia estranxeira, en recursos, financiamento e mercenarios, por ambas partes, que ten producido máis de 100.000 mortos e varios millóns de desprazados e refuxiados. A poboación civil siria, especialmente nenos, mulleres e anciáns, son as vítimas inocentes dun brutal enfrontamento alongado deliberadamente para debilitar e destruír o país, para facelo irrelevante na rexión, para facilitar os plans de control e a posterior intervención en Irán.

A cidadanía siria levantouse contra do réxime ditatorial de El Assad, hai algo máis de dous anos, reclamando, como o resto das Primaveras Árabes, pan, traballo e liberdades democráticas, co protagonismo da mocidade laica e progresista. Occidente, coa miopía que o caracteriza, decidiu non apoiar estas reivindicacións e militarizar o conflito, vendendo armas ós chamados ”rebeldes”, cada vez máis controlados por grupos yihadistas.

A intervención militar norteamericana en Siria pode desencadear consecuencias gravísimas para unha rexión xa de por si fortemente armada e con confrontacións políticas, relixiosas e armadas que se prolongan no tempo. O xogo das alianzas, como tantas outras veces, pode xeralizar a violencia máis alá daquela área xeográfica, e influír notablemente na paz e na seguridade a nivel mundial, tamén na nosa economía, tal e como teñen advertido outros actores principais en Nacións Unidas e na rexión.

A cidadanía global, a sociedade civil internacional, as persoas de ben en Galicia, en Europa e no mundo non podemos permanecer impasibles diante dun conflito que ameaza con estenderse moi perigosamente. Bombardear un país soberano, intervilo militarmente desde o exterior, pola forza e a violencia, non son as mellores fórmulas para resolver un conflito. Todo o contrario. É precisamente a presión económica, política e diplomática sobre as partes, da comunidade internacional, de forma multilateral, co protagonismo das Nacións Unidas e da Liga Árabe, as que poden impoñer un alto o fogo e abrir vías de diálogo e de entendemento, en Siria e no conxunto da rexión.

A Coordinadora Galega pola Paz, plataforma de acción pacífica e nonviolenta, conformada por organizacións moi diversas, aberta e plural, de ONGs, movementos sociais, fundacións, sindicatos e partidos, manifesta a súa máis enérxica oposición á unha intervención militar norteamericana contra do pobo sirio, solidarizase coas vítimas, e reclama da cidadanía e das institucións democráticas, parlamento e concellos, mocións de condena na liña do aquí manifestado.

Ademais, a Coordinadora Galega pola Paz, acorda promover as seguintes accións:

1º.- Elaborar e difundir este Manifesto entre a cidadanía galega.

2º.- Dar a coñecelo publicamente o XOVES, DÍA 5, ÁS 12:00 horas, convocando previamente ós medios, diante do Consulado norteamericano en Coruña (Juana de Vega, 8).

3º.- Convocar concentracións unitarias como Coordinadora Galega pola Paz o Martes, día 10, ás 20:30 horas, en tódalas cidades e vilas posibles, diante dos concellos, agás en Vigo, que será diante do Consulado francés (Camelias 56) e en Coruña que será diante do Consulado norteamericano.

4º.- Caso de producirse a agresión militar norteamericana sobre o pobo sirio, ó día seguinte no caso de ser pola noite, ás 20:30 horas, de novo, concentracións nos lugares sinalados no punto anterior.

5º.- Por último, as organizacións da Coordinadora Galega pola Paz darán difusión e apoiarán a iniciativa da petición de retirada do Premio Nobel da Paz a Barack Obama que está en marcha na rede a través de Change (http://www.change.org/es/peticiones/que-retiren-a-obama-el-premio-nobel-de-la-paz-nopeacenonobel).

Non á guerra!

Non no noso nome!

Sacade as vosas mans de Siria!

COORDINADORA GALEGA POLA PAZ: ADEGA, ALTERMUNDO, AMARANTE, ANOVA-IN, CCOO, COORDINADORA GALEGA DE ONGDS, EQUO GALICIA, ESPAZO ECOSOCIALISTA GALEGO, EU, FETE-UGT, FORO GALEGO DA INMIGRACIÓN, FUNDACIÓN 10 DE MARZO, FUNDACION ARAGUANEY, FUNDACIÓN BALTASAR GARZÓN, INTERED, INTERMON OXFAM, SEMINARIO GALEGO DE EDUCACIÓN PARA A PAZ, SINDICATO LABREGO GALEGO, SOLIDARIEDADE INTERNACIONAL, STEG, UGT, UNIONS AGRARIAS, VERDEGAIA, VOLUNTARIADO SOCIAL ROGAS, XUVENTUDES COMUNISTAS, XUVENTUDES SOCIALISTAS GALEGAS, ASOCIACIÓN CULTURAL FUCO BUXÁN.

Información baseada na enviada por:
Educación e Paz
-paz@sgep.org-
4 de setembro de 2013 16:10
Manuel Dios Diz - Presidente
Seminario Galego de Educación para a Paz
FUNDACION CULTURA DE PAZ
www.sgep.org
Tfno: 981-554053


A+ | a-

Séguenos no Twitter