Saltar ao contido principal

Tremoia Teatro o grupo de Fuco Buxán



 A Asociación Cultural Fuco Buxán, convida a asistir á representación do seu grupo teatral TREMOIA TEATRO:




A TREMOIA


O teatro antigo carecía dun elemento moi corrente no de épocas posteriores, o pano, pero contaba, para a representación dos seus dramas, con diversos tipos de maquinarias ideadas para producir efectos ópticos ou auditivos. Delas, as máis importantes eran as seguintes:

1) A mechané, literalmente a "máquina", enxeño semellante a un guindastre sobre o cal, de pronto, facía a súa aparición aérea un deus cando había que resolver unha situación tan embrollada que xa no parecía ter saída. Do seu uso, e en ocasións abuso, procede a coñecida expresión do comediógrafo Menandro ou "deus ex machina" na súa versión latina.

2) Os períaktoi, ou "rolos", dous cilindros de madeira que ao xirar permitían cambiar a escenografía. De todas maneiras, os decorados eran sinxelos e limitábanse a representar catro tipos básicos de ambiente: o templo, o palacio, a tenda do xefe do exército e algunha paisaxe rural ou da costa.


3) O ekkyklema, ou "rodete" unha plataforma xiratoria que permitía presentar ante o público cousas que sucederan fóra do escenario. Aínda que non exclusivamente, utilizábase sobre todo para mostrar cadáveres, xa que se consideraba inadecuado que as mortes se producisen ante os ollos do espectador.


4) Os bronteia ou "tronadores", destinados a imitar o son do trono, que como é sabido era atributo de Zeus, o primeiro entre os deuses.

Ademais destes aparatos, hai quen cre que as máscaras dos actores dispuñan dalgún dispositivo que permitía aumentar o volume dos sons, pero trátase dun punto que non se ten demostrado de xeito determinante. Por outra parte, a acústica dos teatros antigos, na maioría dos casos permitía unha audición de notábel calidade, incluso nas filas de asentos máis afastadas do escenario. Se tedes a fortuna de atoparvos algún día, por exemplo, en Epidauro, poderedes comprobalo vosoutros mesmos poñendo en práctica un dos trucos predilectos dos guías turísticos: sentados no máis alto das gradas, oiredes con absoluta nitidez o ruído ferinte do papel que, moitos metros máis abaixo, un compañeiro voso resga na orquestra.