Saltar ao contido principal

Vindeiros actos e Manifestacións do 10 de Marzo en Ferrolterra.


 10 de Marzo de 2013: Contra o paro e pola rexeneración da democracia (CCOO - UXT - USTG) - Manifestación Día da Clase Obreira Galega - Homenaxe Día da Clase Obreira Galega.

Na nosa comarca, únese a USTG.

UGT e CCOO convocamos a cidadanía para manifestarnos CONTRA O PARO E POLA REXENERACIÓN DA DEMOCRACIA o próximo 10 de marzo, sumándonos á iniciativa de mobilizacións europeas convocadas pola Confederación Europea de Sindicatos en toda a Unión Europea.

Para reprobarmos as actuacións dunha Comisión Europea enrocada en políticas fracasadas, allea aos problemas da cidadanía europea á que deben a súa lexitimidade e incapaces de comprender a que intereses deben servir as institucións europeas e os recursos comúns dos europeos. Tras cinco anos de crise, o único que crece dentro e fóra de Europa é a desigualdade, o desemprego, a miseria, a exclusión social e as dúbidas sobre uns dirixentes europeos cuxa pertinaz insistencia en políticas fracasadas é inaceptable.

Para lle facer saber ao Goberno de España que o tempo das mentiras e os discursos baleiros rematou. Seis millóns de persoas en paro en España, trescentas mil en Galicia, das que cento vinte mil non reciben ningún tipo de prestación, noventa e un mil fogares galegos con todos os seus membros en desemprego, e máis do 22 % da poboación da nosa comunidade vivindo por baixo do limiar da pobreza son a insoportable realidade. Unha realidade que, segundo todos os datos, se agravará día a día porque continuaremos en recesión económica, as grandes empresas seguen presentando ERE con despedimentos masivos, continúa a sangría de despedimentos individuais… O debate sobre o estado da nación mostrounos un presidente do Goberno cada vez máis apartado dos problemas da cidadanía. De non se corrixir con urxencia e a fondo ese distanciamento, pode abocarnos a situacións como a de Italia, onde as recentes eleccións demostraron o éxito das opcións populistas e o fastío dunha parte da poboación co actual funcionamento das institucións democráticas.

Para denunciarmos, con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora o vindeiro 8 de marzo, as consecuencias que a crise e as políticas neoliberais teñen en materia de xénero: incremento da brecha salarial entre homes e mulleres, recortes de emprego na función pública con forte presenza de mulleres, redución de servizos sociais e na atención á dependencia que favorecían a incorporación das mulleres á vida laboral ou supresión de organismo que defenden e apoian os dereitos da muller.

Para rexeitarmos o desmantelamento dos servizos públicos (sanidade, educación, dependencia, servizos sociais…) e calquera reforma unilateral do sistema público de pensións que o converta noutro instrumento das políticas de axuste, espoliando outra volta os dereitos da cidadanía e abandonando á súa sorte os actuais e futuros pensionistas.

Para advertirmos ao Goberno e aos grupos parlamentarios das Cortes sobre calquera intento de enganar a cidadanía na tramitación parlamentaria da iniciativa lexislativa popular pola dación en pagamento e a paralización dos desafiuzamentos que desvirtúe ou perverta os seus principais obxectivos.

Para rexeitarmos a reforma da lei de bases de réxime local, porque debilitará as capacidades de actuación das corporacións locais, as administracións máis próximas ás persoas, nun novo intento de negar financiamento para os servizos á cidadanía, mentres convertemos en débedas de todos (tres puntos de déficit público) a fraudulenta xestión dos directivos das entidades financeiras.

Para condenarmos todos os intentos de deslexitimación ou represión dos dereitos constitucionais de expresión, pensamento ou manifestación. Exhiben un arrepiante desprezo polos principios democráticos aqueles que pretenden criminalizar a mocidade por se manifestar libremente desde as institucións que a representan, especialmente se utilizan como argumento o financiamento público desas institucións; con esa lóxica deberiamos eliminar os grupos de oposición de todas as institucións democráticas, cuxo deber é controlar e discrepar de quen exerce as responsabilidades de Goberno, por recibiren para a súa función —como é necesario— financiamento público. Condenamos así mesmo a decidida vontade do Ministerio do Interior de converter o conflito social nun conflito de orde pública, ordenando intervencións desproporcionadas para reprimir manifestacións pacíficas.

Para rexeitarmos os casos de aberta complicidade entre cargos públicos e empresas, que corrompen o exercicio da actividade política, levantan diante dos ollos da sociedade un perigoso muro de desconfianza cara ás institucións democráticas e aceleran a deterioración da armazón institucional que xurdiu da transición democrática.

Esiximos que se lle devolva á política a súa condición de ferramenta ao servizo das persoas, expulsando as persoas corruptas da vida pública e acometendo as reformas constitucionais que cumpran.Por todo isto, CCOO e UGT convocamos as traballadoras e traballadores, a cidadanía en xeral, ás manifestacións que percorrerán as principais cidades do país o 10 de marzo.

MANIFESTACIÓNS DO 10 DE MARZO EN GALICIA 
 (todas ás 12h, agás Ourense, que será ás 11:30)-

  •  A Coruña: praza da Palloza - Obelisco
  • Ferrol: monumento 10 de Marzo - praza de Armas
  • Santiago de Compostela: Alameda - praza das Praterías
  • A Mariña: por confirmar- Lugo: rolda da Muralla, n.º 58 - Subdelegación do Goberno
  • Ourense: pavillón dos Remedios - Subdelegación do Goberno
  • Vilagarcía de Arousa: avenida da Mariña - praza da Ravella
  • Pontevedra: praza da Ferrería - Subdelegación do Goberno
  • Vigo: cruzamento da Vía Norte con Urzáiz - edificio administrativo da Xunta

Ademais, o día 10 de marzo haberá un acto institucional de homenaxe. Será ás 11 h diante do monumento ao 10 de Marzo, en Ferrol.


 A CIG reclamará o Día da Clase Obreira Galega o dereito a un emprego digno, á negociación colectiva e á soberanía nacional


A taxa de paro sería do 26,5% de computarse as 77.000 persoas que tiveron que emigrar, na súa maioría menores de 35 anos.

Emprego, dereito á negociación colectiva e dereito á soberanía nacional son os tres grandes eixos arredor dos que a CIG conmemora este ano o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega. Con este motivo, convocaranse manifestacións, o vindeiro domingo en todas as cidades, a central en Ferrol, baixo o lema “Contra a pobreza e a explotación. Salvemos os nosos convenios”. Xunto a isto e seguindo a tradición dos últimos anos, a central sindical celebrará un acto, o día 7 de marzo, no que se fará entrega dos Premio 10 de Marzo e 8 de Marzo, a aqueles conflitos laborais que salientaran no ano anterior pola súa defensa dos intereses e dos dereitos das mulleres e da clase traballadora en xeral.



Así o explicou en rolda de prensa o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, quen explicou que tras do lema de cabeceira das manifestacións, haberá unha segunda pancarta referida á defensa da soberanía nacional de Galiza, porque “nunha data como esta, do Día da Clase Obreira Galega, a defensa dos nosos dereitos nacionais, do dereito de autodeterminación, do dereito a decidir libremente como pobo, pasa tamén a un primeiro plano”.


Máis aínda, sinalou, dadas as circunstancias actuais nas que se está a dar “unha concentración da riqueza e do poder tan enorme, en poucas mans” e nas que institucionais económicas, financeiras e políticas que funcionan totalmente á marxe do control da cidadanía:  a Comisión Europea, o BCE, o FMI, “están a ser determinantes nas políticas económicas laborais e sociais que fan os estados e sobre as que non temos control ningún”.

Por iso, subliñou que “temos que reivindicar a defensa do dereito á soberanía das nacións, dos pobos a ter realmente institucións políticas con competencias, institucións ás que poidamos presionar e sobre as que poidamos decidir, para que as políticas que se fagan sexan en función dos intereses da maioría social e non dunha minoría, que son as oligarquías financeiras que controlan esas institucións”. 


Unha taxa de paro do 26,5% se se computara ás persoas que emigraron


Para deixar constancia da gravidade da situación, o secretario xeral da CIG fixo un percorrido polos datos recollidos no informe elaborado polo Gabinete de Economía, tomando como base os proporcionados pola EPA, sobre o “Mercado laboral en Galiza. 2012”. Datos que constatan o grave deterioro da situación ao longo destes últimos cinco anos.  Así, lembrou que a finais de 2012 había en Galiza 270.700 desempregados/as, un 20,7% da poboación activa, 12 puntos máis que en 2008, cando a taxa de paro era do 8,7% . Nese período aumentaron en 156.000 as persoas desempregadas, ou o que é o mesmo,  un 136%  e deles 47.400 perderon o seu posto de traballo no ano 2012. E fixo especial fincapé en que do total de persoas desempregadas, 112.000 non cobran ningún tipo de prestación, o 41,5%. 


Porén, para a CIG é especialmente preocupante a cantidade de xente que emigrou neste período de tempo, mozos e mozas altamente cualificados: “77.000 galegos/as que se sumáramos aos actuais desempregados/as estariamos falando de 347.700 persoas, un 26,5% da poboación activa. Un dato que situaría a taxa de paro en Galiza por riba da media do estado”. Xunto a isto, salientou a forte destrución de emprego que houbo nestes últimos anos. “Hai 160.700 ocupados menos, deles 43.600, un 20% menos, corresponden ao ano 2012. Deses 160.00 ocupados menos, 140.000 son menores de 35 anos dos que 30.000 perderon o emprego durante o ano 2012”.


O secretario xeral da CIG alertou de que as previsións no son mellores para 2013. Nese sentido, sinalou que nos propios orzamentos da Xunta fálase dunha caída no crecemento económico e unha caída do PIB o que irá acompañado da perda de máis emprego e da destrución de máis postos de traballo. “Non hai máis que ver os datos de febreiro e o que caeu a contratación, no caso concreto de Galiza por riba da media do Estado”.

Isto, ao seu entender, pon de manifesto algo que a central sindical viña denunciando desde o inicio da crise, “que as reformas laborais non son a solución para a creación de emprego, todo o contrario” e que o único que favoreceron foi facilitar e abaratar o despedimento. “O que se fixo foi dar pé a que as empresas puideran despedir a traballadores/as fixos/as para substituílos/as por traballadores/as con contratos temporais a tempo parcial e ademais subvencionados, un auténtico chollo”.


Negociación colectiva


Unha das reivindicacións principais deste 10 de marzo é a negociación colectiva. “Unha ferramenta básica das traballadoras/es e das centrais sindicais para ir mellorando as condicións laborais”, explicou Seixo, quen denunciou que o obxectivo da reforma é provocar unha caída nos salarios de forma xeneralizada no estado español, de arredor dun 25%  e que por iso se introduciron facilidades para que as empresas poidan descolgarse e non cumprir o convenio colectivo e “que poidan asinar convenios de empresa por debaixo do convenio do sector, que até o de agora estaba prohibido. 


Ante isto, denunciou que dada a complicada situación laboral, “aos empresarios élles moi doado ameazar a traballadoras/es para que renuncien a unha parte dos seus salarios porque senón van a ir a unha redución de postos de traballo. É fácil que se asinen convenios de empresa aceptando redución de salario e incremento da xornada laboral”.


Xunto a isto, lembrou que até o de agora os convenios, unha vez perdían a súa vixencia prorrogábanse mentres non se asinaba o novo. Porén, en xullo de 2012 ao asinárense a reforma, limitouse o período de prórroga, ou sexa, de ultraactividade, a un ano. Iso implica que en xullo de 2013 “segundo os nosos datos, en torno a 400.000 traballadores/as, corren o perigo de perder o seu convenio colectivo”. 


As consecuencias sería, segundo Seixo, gravísimas, porque se abren dúas posibilidades: que as empresas se acollan a un convenio de ámbito superior, en condicións inferiores ao convenio provincial ou de empresa, xa que normalmente nos de ámbito estatal as condicións son inferiores aos de carácter provincial ou de empresa. Ou, se non hai un convenio de ámbito superior no seu sector, imporíanse as condicións mínimas, Salario Mínimo Interprofesional e ás condicións laborais que fixa o Estatuto de Traballadores.


Por iso proclamou que “estamos ante un ataque sen precedentes a un dereito fundamental para a clase traballadora como é o dereito á negociación colectiva. Un ataque que se está a dar non só no estado senón en todos os estados da periferia de Europa. Preténdese provocar unha caída xeneralizada dos salarios e precarizar as condicións laborais para intentar ser competitivos fronte outras potencias no mercado internacional que teñen unhas condicións laborais peores.”


Unha situación que explicou, é realmente difícil e fronte á que a CIG ten tomada a decisión de “combater”. De feito, asegurou que a central sindical acordou “negarnos a asinar convenios de empresa que estean por debaixo dos sectoriais, de negarnos a pactar convenios sectoriais que supoñan recorte de dereitos laborais e, polo tanto, promover a  mobilización e a contestación social necesaria para impedir que detrás deste recorte de dereitos que se dá na negociación colectiva regresemos a condicións laborais de hai 50 ou 60 anos”. 


En todo caso, especificou que a CIG é consciente de que a situación é difícil mesmo para mobilizarse porque hai moito medo nos centros de traballo, agora o que non estamos dispostos como central sindical é a pactar nesta perda de dereitos, de condicións de vida e laborais da clase traballadora.