Saltar ao contido principal

14N MAIS RAZÓN PARA BOTAR AS RÚAS





Acabar coa criminalización das persoas inmigrantes, 

máis un motivo para a folga do 14N


O Foro galego de inmigración vén de sumar a súa voz á dos numerosos colectivos sociais que secundarán o paro desta cuarta feira. Apuntan que desta volta hai aínda "máis razóns que nunca" para se botar ás rúas

B.Vhai 1 día




O Foro galego de inmigración, do cal fan parte asociacións e entidades que brindan atención a persoas inmigrantes na Galiza, vén de facer público o seu chamamento á folga xeral do 14 de novembro "con máis razóns que nunca". Entre tales motivos, cita a plataforma a aprobación do Real decreto 16/2012 "que nega o acceso á sanidade pública das persoas que se atopan en situación irregular".
Consideran "moi grave" a "restrición" dun dereito fundamental, e mostran a súa "desconfianza" co "parche" da consellaría de Sanidade, unha instrución aprobada cando os comicios do 21 de outubro estaban xa convocados e no cal o PP lle puxo data de caducidade á asistencia sanitaria universal: 6 meses.
A Xunta vendeu esta norma como progresista e mesmo 'insubmisa' á aplicada polo executivo español. Máis a realidade é que o dereito á saúde das persoas inmigrantes fica preso dunha prórroga de seis meses que foi interpretada por diversos colectivos sociais como máis unha medida electoralista.
Para alén do recorte de dereitos sociais que afectan á poboación galega, nomeadamente ás persoas inmigrantes e, nomeadamente, ás mulleres, no Foro partillan tamén máis un motivo para secundar o paro: o proceso de criminalización en que se ven inmersas estas persoas, tanto no referido ás políticas de estranxeiría como no endurecemento das condicións para solicitar e renovar os permisos de redidencia.

Poñen riba da mesa tamén "a escalada represiva e de acoso intimidatorio" cara ás persoas que non dispoñen da documentación que exixe a lexislación española para sinalar que as medidas postas en marcha polo PP desde os executivos central e galego "están dirixidas á conservación duns privilexios duns poucos". Contra tales medidas chaman á folga xeral.