Saltar ao contido principal

Dez De Marzo Cincuenta Aniversario está con Memoria Histórica Democrática y Agavida Amianto

 Artigo de opinión que baixo o título “ROSTROS DA MEMORIA NA VILA DE MUGARDOS” nos remite o noso querido amigo Xoán Rubia, respecto á precipitada retirada da Exposición fotográfica citada e que moi agradecidos colaboramos a darlle a súa debida difusión.

A.C. Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática.
ROSTROS DA MEMORIA NA VILA DE MUGARDOS
“Rostros da Memoria Ferrol 1972” é unha exposición fotográfica de personaxes da nosa contorna aínda vivos que participaron na recuperación das liberdades nun tempo realmente comprometido e por cuxo motivo padeceron sistemática represión. A exposición é obra do fotógrafo Xurxo Lobato e no seu percorrido andou por nove vilas entre elas Mugardos. En oito delas cumprindo os seus prazos, agás en Mugardos onde desapareceu denantes da data prevista da súa clausura sen que houbese unha explicación ao respecto, e xa que logo algúns sen levantaren moito a voz preguntaron por qué.
Eu cheguei a pensar que posiblemente a causa fora o inapropiado lugar para instalala; unha recreación dunha aldea dos “pitufos”, montaxe lúdico-festivo moi axeitado para desfrute dos meniños da vila e nada idóneo para abeirar os “rostros da memoria”. Pero polo visto alguén pensou que ambas as dúas cousas eran compatibles; craso erro, baixo o meu modesto punto de vista. De aí, pensei, que logo de reflexionar decidiran buscar outro lugar más axeitado. Pero parece que non foi iso, consistiu nunha retirada sen nota previa que explicase os motivos da cancelación anticipada da exposición. E isto da pe para faceren conxecturas.
Esta mostra foi patrocinada pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol o que induce a pensar que Mugardos, como membro desta entidade, formaba parte neste patrocinio, e con todo foi o único que a retirou da circulación antes do tempo comprometido cos organizadores. Se non se estaba dacordo co argumentario da mostra, cousa perfectamente asumible dadas as circunstancias, mellor sería non terse comprometido. Sen ir máis aló da simple curiosidade, gustaríame atopar unha explicación convincente a esta decisión para non deixar a cousa ao albur das cábalas.
Unha cousa está clara: a decisión de retirala foi tomada dende o Concello pola razón que fose, que sí viría ao caso, pero non se manifestou. Entón podemos ir as suposicións, por exemplo : a) era esta unha mostra incómoda?, b) podería esta exposición quentar os ánimos de algúns como para decidir precipitadamente a súa retirada?, c) sería esta un elemento de división entre a veciñanza? Supostos que non se deron nas oito vilas onde denantes estivo e cústame crer que en Mugardos si. Se a resposta a algunha destas cábalas fose SI pois non pasaría nada agás darmos por enterados e logo que cada un opine o que considere oportuno. O silenzo as veces é cómplice das decisións erradas. Dicir por qué se toma unha determinación é praxes recomendable sempre, máis cando se trata dun tema que pode levantar certas controversias como é o da “Memoria” : depende da cor do cristal cómo se mire. Manifestalo o é sen dúbida para a limpeza democratica. Refrescar a memoria e agradecer a aqueles que andaron na procura de saír da “longa noite de pedra” cun custo alto para as súas vidas, debérase ver coma un acto de recoñecemento e xustiza.
Xoán Rubia
Puede ser una imagen de 5 personas, personas de pie y al aire libre

s