xoves 20, xuño 2024 xoves 13, xuño 2024 xoves 6, xuño 2024 sábado 29, xuño 2024A Consellería de Sanidade xa está a desenvolver a súa novidade para a cobertura da asistencia nos centros de saúde e nas urxencias dos PAC este verán: a encomenda de funcións pola que os médicos e médicas que están a piques de rematar a súa especialización en Medicina familiar e comunitaria e Pediatría poidan pasar consulta para axudar a “garantir” a cobertura sanitaria do país. Un 86,5% dos residentes de Familia aceptaron algunha das propostas do Sergas , fronte a un 23% dos que están a rematar a especialidade de Pediatría. O punto máis polémico, tanto entre quen está a rematar a especialidade como entre as e os profesionais sanitarios de atención primaria, é o da supervisión dese labor durante o estío . A preguntas de Praza.gal, Sanidade incide en que as funcións de supervisión “tamén se poden desenvolver na central de coordinación do 061”, pois “a supervisión de presenza física só é obrigatoria nos residentes de primeiro ano”. “Polo tanto, pode ser con profesionais do mesmo centro de saúde, doutro centro de saúde ou desde a Central do 061” , afirman desde a consellería. É dicir, que esa supervisión aos residentes poderá realizarse por vía telefónica, incluso durante unha urxencia.
xoves 25, abril 2024 Os sanitarios consultados por este xornal destacan que no PAC ter que saír do centro é o normal. Todas as gardas hai saídas, con maior ou menor urxencia e de maior ou menor gravidade, pero o 061 mobiliza os equipos dos PAC de forma habitual. Estes residentes que aceptaron voluntariamente os contratos ofrecidos polo Sergas non van poder realizar saídas , polo que esa parte do traballo recaerá nos outros profesionais cos que compartan esa garda, pero poderán quedar sós no PAC. Isto é o que se lles está a comunicar aos profesionais das urxencias non hospitalarias que compartirán quendas cos residentes, por boca dos coordinadores e en ningún caso por escrito.
“O reparto do traballo que nunha garda habitualmente faise a parte iguais, asúmeo o compañeiro, ao que non se lle compensa de ningunha maneira. A gravidade da situación está en que non é raro que existan dúas saídas simultáneas ou que cando un equipo estea fóra, entre no PAC unha urxencia vital ; unha situación que –en teoría– tampouco teñen a obriga de asumir os residentes porque contractualmente están eximidos, que para iso estarán nun centro no que estean acompañados. Pero pódese dar esa circunstancia con bastante facilidade. A información que recibimos nós, de maneira verbal, é que o 061 terá a última palabra sobre o que teñen que facer os residentes nestes casos ”, debulla Miguel López del Pueyo , médico no PAC de Ordes e titor de residentes.