Saltar ao contido principal

MANIFESTO ANTIFASCISTA 09 OUTUBRO DE 2026

 



MANIFESTO ANTIFASCISTA 09 OUTUBRO DE 2026



Estamos novamente na rúa, para amosar o noso rexeitamento e denunciar publicamente novos ataques fascistas na nosa cidade.


Na Galiza temos constatado como nos últimos tempos produciuse un incremento da violencia fascista nas nosas rúas, e Ferrol, se cabe, é unha das cidades onde máis se está evidenciando.


Os ataques fascistas, racistas e abertamente nazis, prodúcense cada vez con máis frecuencia e menos distanciados no tempo. Ataques a sedes de partidos políticos, de entidades sociais, a murais en defensa do noso país e da nosa lingua ou o sinalamento de vivendas de activistas, que sofren a covardía das mensaxes en forma de pintadas ou ameazas nas redes sociais e mesmo a agresión sofrida fai unhas semanas por dous veciños de Pontedeume por parte dun militar ao berro de “rojos de mierda”. 


A dereita extrema e a extrema dereita poñen o foco contra sectores oprimidos e desposuídos: as persoas migrantes, as mulleres, as persoas LGBTQ+, os sectores da poboación acollidos a programas de inclusión, as persoas racializadas ou as minorías nacionais ou relixiosas. O chauvinismo español, o racismo, a xenofobia, o sexismo, a homofobia, o machismo, o cultivo do odio, a normalización da crueldade, acompañan a cada paso o avance da nova extrema dereita que non deixa de ser o fascismo de sempre, e que sobrevive a unha mal chamada transición democrática que non foi quen de facer punto e aparte coa ditadura franquista.


Hai que reaxir contra este movemento. É hora de defender nas rúas a democracia real, as normas de convivencia mínimas que nos temos dado, e que, máis alá do que no ideolóxico nos poida separar e facer discrepar, saibamos facer unha alianza antifascista para frear este espectro que percorre o mundo e que ameaza os poucos dereitos e avances que con tanta loita e sacrificio temos alcanzado.


Cómpre mobilizarse, desautorizar e loitar, de xeito colectivo, contra esa minoría que pretende erradicar, desde a violencia, a quen ten unha ideoloxía,  unha etnia, unha cultura, un idioma ou unha orientación sexual diferente á súa.


A vandalización do vehículo da Cruz Vermella, ademais de ser o segundo ataque en menos de dez días contra esta entidade social, supón un ensañamento que evidencia que cando se alimenta a irracionalidade e o discurso de odio ninguén esta a salvo de sofrer as súas consecuencias.


Estas agresións non son un facto illado. É o resultado directo da escalada de violencia e do aumento das agresións fascistas que estamos a sofrer na Galiza e no conxunto do Estado español. Un clima de violencia que non caeu do ceo, senón que é alimentado e lexitimado día a día polo discurso do odio promovido abertamente pola extrema-dereita e branqueado pola dereita institucional, nomeadamente PP e VOX e os seus altofalantes mediáticos.


Desde aquí queremos amosar todo o noso apoio á Cruz Vermella e ás súas traballadoras así como a todas as persoas ou entidades que sufriron este tipo de ataques e queremos denunciar a impunidade coa que actúan estes grupúsculos.


Queremos apelar ao conxunto da sociedade ferrolá e galega, así como ao tecido asociativo e popular, para manter a alerta, e para denunciar publicamente cada novo episodio de fascismo que vivamos na cidade e para responder organizadamente e na rúa a calquera agresión.

Para finalizar, apelamos ao conxunto da clase traballadora ferrolá e galega a participar activamente na folga xeral convocada no noso país para o próximo 11 de novembro.


Contra a Xenofobia, unidade e acción antifascista!!

Fascismo nunca máis!


Organizacións adheridas a este manifesto:

Stop Xenofobia Ferrol, FORXA [Proxecto Comunista], Antifascistas con Venezuela (Ferrolterra), Asociación Cultural Fuco Buxán, Fundaçom Artábria, Colectivo Cidadán  de Ferrolterra ¡¡ Non a Guerra !! , Plataforma de Ferrolterra pola Defensa das Pensións Publicas (MODEPEN), SOS Sanidade Pública Ferrolterra, Federación Comarcal de Ferrolterra de ANPAs de Centros Públicos, Colectivo OPAII-Radio Filispim, Colectivo Ferrol con Palestina, Traballadores Pensionistas, Comité de Galiza PCE (M-L), AVANTE LGBT+ Ferrolterra, ADEGA, BNG, Galiza Nova, Ferrol en Común, Esquerda Unida Ferrol, Movemento Sumar Ferrolterra, ANOVA IN, PCG, PSOE, CGT, CCOO, CIG