Saltar ao contido principal

Nota da A.C. Memoria Histórica Democrática.

 


Nota da A.C. Memoria Histórica Democrática.
O vindeiro martes, día 9, nos xulgados de Ferrol, celebrarase a vista xudicial para declarar a Guillermo Díaz Vales como vítima da represión da ditadura e anular a sentenza que o condenou a morte en 1936, mediante unha declaración de feitos pasados a solicitude da súa neta, tramitada pola Fiscalía Provincial de Dereitos Humanos e Memoria Democrática. A entrada ao acto será pública.
Naceu en 1899 en Doniños, Serantes. Ingresou na Armada, na súa mocidade, como mariñeiro voluntario, pasando polas distintas categorías de cabo, maestre, contramaestre e auxiliar naval.
Navegou en diversos buques entre outros: cruceiros “Carlos V” e “República”, Buque Escola “Galatea” e acoirazado “España”, alternando con destinos nos arsenáis de Ferrol e Cádiz 
O 20 de xullo de 1936 era Auxiliar 2º Naval no acoirazado “España”, fondeado no Arsenal ferrolán e non se sumou á sublevación protagonizada polos oficiáis do mesmo, manténdose leal ao goberno lexítimo. Consumado o golpe militar foi detido e pasou pola Escollera e o buque-prisión “Plus ultra”, sendo procesado por sedición e rebelión militar, condenado a morte en Consello de Guerra e fusilado con outros 31 membros da dotación do “España” a noite do 26 ao 27 de Decembro  xunto á igrexa de Santa María a Maior de O Val e enterrados en fosa común nese cemiterio. 
Nos anos 40, unha noite, familiares de Guillermo rescataron os seus restos da fosa, e leváronos á tumba familiar en Doniños e anos despois foron trasladados cos doutros familiares ao Cemiterio de Catabóis, de onde foron exhumados o pasado ano e están en trámites de identificación forense.
Estaba casado con Consuelo Núñez Serantes, e foron país de Consuelo e Guillermo.