Saltar ao contido principal

Traballar é un dereito

 [Xoán Costa]        

Editorial




O presidente Rueda debería ser máis prudente e, como mínimo, contar até dez, en galego, se pode ser, unha, dúas, tres, catro... antes de facer declaracións como as desta pasada segunda feira asociando o desexo de traballar de moitas persoas coa instalación de Altri en Palas de Rei. Señor presidente, traballar é un dereito, non un desexo. Por iso, asociar a posibilidade de obter un traballo, nuns casos, ou mudanza de ocupación noutros, coa instalación dunha factoría de transformación de madeira de eucalipto, aínda non autorizada e socialmente moi contestada, é imprudencia. Imprudencia planificada, seguramente. Por non dicer demagoxia

O artigo 15 do Estatuto de Galiza marca as funcións e as responsabilidades do presidente da Xunta e indica que é el quen "dirixe e coordina a acción da Xunta e ostenta a representación da Comunidade Autónoma e a ordinaria do Estado en Galicia". Dirixir, coordinar, representar. Está Rueda a cumprir esas funcións? Non parece. Un presidente que renuncia a negociar directamente co Estado máis financiamento para a Galiza, co que iso pode supor de criación de emprego; que fai alarde de non ler os informes que afectan o noso futuro e que non desautoriza os membros do Goberno que se gaban do mesmo, non está a cumprir as funcións encomendadas. Cumprirá outras e representará outros intereses.