Saltar ao contido principal

Israel continúa a súa ofensiva no sur do Líbano: centos de mortos, miles de feridos e unha fuxida masiva de civís

 O Goberno palestino di que Israel "busca expandir o círculo da guerra" para "facer estalar a rexión".


O Exército de Israel executou durante as últimas horas novos bombardeos contra "decenas de obxectivos" de Hezbolá en "múltiples áreas" no sur de Líbano, un día despois de que unha extensa onda de ataques aéreos contra o país deixase perto de 500 persoas mortas e máis de 1.600 feridas.

"Avións de combate da Forza Aérea, baixo dirección do Mando Norte e a rama de Intelixencia, atacaron decenas de obxectivos de Hezbolá en múltiples áreas no sur de Líbano", dixo o Exército, que xustificou que "durante os ataques observáronse explosións secundarias, o que indica que había armas almacenadas nos edificios".

Así mesmo, subliñou que as súas forzas atacaron "un escuadrón terrorista" que "lanzou foguetes" contra o seu territorio durante a noite, á vez que apuntou que tamén foron bombardeadas as lanzadeiras localizadas na zona, despois de que Hezbolá reclamase un ataque con proxectís contra instalacións militares en Israel, incluída unha "fábrica de explosivos".

Resposta de Hezbolá

Hezbolá anunciou na madrugada desta terza feira o lanzamento dunha vintena de proxectís contra posicións militares de Israel e unha fábrica de municións en resposta á intensa campaña de bombardeos realizada polo Exército israelí.

Confirmou ataques con foguetes Fadi-1 e Fadi-2 contra a base de Amos, a que considera como o principal centro loxístico e de transporte no norte do país; contra a fábrica de explosivos de Zichron, que se atopa a 60 quilómetros da fronteira, a base aérea Ramat David e o aeroporto militar de Megido, segundo recolleu a cadea de televisión libanesa Al Manar, afín a Hezbolá.

Durante os últimos días rexistrouse unha repunta das tensións, especialmente tras a onda de explosións coordinadas a semana pasada en dispositivos de comunicación usados por Hezbolá, que deixou ao redor de 40 mortos e uns 3.000 feridos. Posteriormente, máis de 50 persoas morreron a sexta feira no bombardeo executado por Israel contra o sur da capital de Líbano, Beirut, entre eles Ibrahim Akil, un alto cargo do grupo libanés.

A ofensiva de Israel motivou miles de desprazamentos. Os civís foxen na busca de espazos seguros, polo que o Goberno libanés pediu habilitar escolas e outros centros públicos para recibir as familias desprazas nas últimas horas e que veñen sumarse ás que xa abandonaran as súas casas e terras desde o pasado 7 de outubro de 2023.

As hostilidades na rexión estalaron despois de que o Movemento de Resistencia Islámica (Hamás) e outras faccións palestinas lanzasen unha serie de ataques contra Israel que iniciou entón unha cruenta campaña militar contra Gaza que se salda con máis de 41.400 mortos na faixa e máis de 700 palestinos en Cisxordania e Xerusalén Leste.

Condena desde Palestina

Os ataques do 7 de outubro, supuxeron a apertura da fronte na fronteira entre Israel e Líbano, con combates constantes desde hai máis de once meses. O Goberno palestino vén de condenar os bombardeos a grande escala executados por Israel contra Líbano e afirmou que é "un intento de expandir o círculo da guerra e a agresión para facer estalar toda a rexión".

O Ministerio de Exteriores palestino sinalou nun comunicado publicado na súa conta na rede social que os ataques son "unha violación flagrante do Dereito Internacional Humanitario" e unha extensión de "a guerra de exterminio e desprazamento" lanzada por Israel contra a poboación palestina.